| Mensaxe ao G-20: a Taxa Tobin é nosa! |
| Manoel Santos | |
| Luns, 21 de Xuño do 2010 | |
Manoel Santos-. Coa razón como bandeira, parece existir un consenso cidadá na percepción de que os gobernos, presos dos -ou aliados cos- poderes financeiros nos están a roubar diante dos nosos fociños. Os desamaños financeiros agrupados nesa especulación que semella un xeito de vida para as elites da poboación mundial caeron, caen e seguirán caendo no retroceso social da maioría. E seguimos apampados. Con toda lóxica o profesor portugués Boaventura de Sousa Santos, se cadra o sociólogo máis lúcido do orbe noso nestes intres, parafraseaba días atrás nun artigo ao binomio Marx-Engels. "Cidadáns de Europa, unídevos!", titulaba, facendo referencia a que os movementos e organizacións sociais de toda Europa terán que se articular para "demostrarlles aos gobernos que a estabilidade dos mercados non pode construírse sobre as ruínas da estabilidade da vida dos cidadáns e das súas familias". Con toda a que está a caer, os días 26 e 27 reunirase novamente o G-20 en Toronto (Canadá), para probabelmente seguir a lexitimar os golpes de Estado encubertos do FMI e proseguir desprezando a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que non tose nin moxe nesta barbarie. Entre as cuestións a tratar, está a proposta do Consello Europeo de establecer unha taxa ás transaccións financeiras -de entre o 0,01% e o 0,05%- que rescata a idea que tivera o economista James Tobin en 1972, esquecida durante anos e avalada agora por un informe da Fundación Ideas dirixido polo Nobel de Economía Joseph Stiglitz e algún iluminado máis. Esquecida? Non tanto. A Taxa Tobin é unha reclamación do movemento altermundista cando menos dende que Ignacio Ramonet, entón director de Le Monde Diplomatique, escribira en 1997 un soado editorial titulado Desarmar os mercados financeiros, no que tamén chamaba á creación dunha Asociación por unha Taxa Tobin de Axuda ao Cidadán, ou sexa, a ATTAC que despois mudou a Asociación por unha Taxa ás Transaccións financeiras para Axuda ao Cidadán. No entanto, existen diferenzas moi significativas entre a Tobin altermundista e a Tobin á que agora apela o Consello Europeo. A propugnada por ATTAC, amais de ser máis elevada -entre 0,1% e 0,5%, o que en calquera caso suporía, por exemplo para o Estado español, unha cantidade maior que o plan de axustamento do Goberno- era basicamente unha taxa de control e, sobre todo, de solidariedade, pois o recadado sería destinado ao desenvolvemento dos máis pobres, especialmente dos países do Sur. Outra cousa sería controlar de que tipo de desenvolvemento falamos, para que no Sur non cometan ou reproduzan os nosos erros. Pola contra, o que agora nos venden como a grande idea da UE, como unha decisión histórica dunha Europa que "recupera o pulso" (editorial de El País) vai orientada a crear un fondo de rescate para os bancos privados "demasiado grandes para caer". Esta é, de feito, a proposta do FMI nun estudo encomendado polo G-20. Alguén pode afirmar que unha Taxa Tobin nestes termos non vaia producir unha especie de legalización ou amparo da especulación? | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. Coa razón como bandeira, parece existir un consenso cidadá na percepción de que os gobernos, presos dos -ou aliados cos- poderes financeiros nos están a roubar diante dos nosos fociños. 