| As dúas visións do cambio climático |
| Manoel Santos | |
| Martes, 20 de Xullo do 2010 | |
Manoel Santos-. O meirande desafío da humanidade, que ten que ver coa necesidade de lle facer fronte a unha mudanza climática encadrada nunha crise ambiental de augurios apocalípticos, ten hoxe dúas supostas resolucións enriba da mesa.Dunha banda a do feble entendemento xurdido da Conferencia de Copenhagen en decembro de 2009, que terá continuidade na COP-16 de Cancún a finais de ano. Da outra, o Acordo dos Pobos xerado na Conferencia Mundial dos Pobos sobre o Cambio Climático e os Dereitos da Nai Terra celebrado en Cochabamba (Bolivia) en abril deste ano. A proposta dos poderosos, dos gobernos neoliberais e das empresas que os amparan, fronte á proposta da sociedade civil e dos gobernos antihexemónicos, fundamentalmente os latinoamericanos. O conxunto dos segundos, acaba de publicar un breve estudo comparativo entre as dúas tendencias (pódese ler en http://cmpcc.org) que non ten desperdicio e que revela ás claras a incompatibilidade entre ambiente e capitalismo. Se os primeiros establecen metas máis que moderadas e non cuestionan as causas estruturais do cambio climático, tratado de resolvelo coas mesmas prácticas que meteron o planeta na agoniante situación actual; os segundos insisten en que a eiva só se pode resolver cun paulatino cambio sistémico que fuxa do obxectivo do crecemento continuo e a máxima ganancia posíbel coa sobreexplotación dos recursos ambientais e humanos do planeta. Vexamos algúns puntos. En termos cuantitativos, o Acordo dos Pobos propón facer o posíbel para limitar o incremento da temperatura neste século a 1º C e obrigar aos países desenvolvidos a realizar reducións de gases con efecto invernadoiro (GEI) e ao mesmo nivel, pois non pode ser que EUA pretenda reducir o 3% e a UE o 30%. O Entendemento de Copenhaguen fala de 2º C e reducións voluntarias dos países desenvolvidos. Mentres os de Cochabamba din que se lle debe asignar ao cambio climático un financiamento sempre maior que o dos orzamentos de defensa e seguridade, da orde do 6% do PNB nos países desenvolvidos -os verdadeiros responsábeis-, e non dependente dos mercados de carbono ou da Axuda Oficial ao Desenvolvemento; os de Copenhaguen achegan cifras que se corresponden como moito co 0,05% dos seus PNB, procedentes cando menos nun 50% dos mercados de carbono que, ao cabo, legalizan e se enriquecen co negocio das emisións de GEI. Mais saíndomos das cifras, o que é máis evidente entre as dúas propostas son as súas visión opostas do mundo. O Acordo dos Pobos incide especialmente na débeda climática dos países desenvolvidos cos demais, na transformación da agricultura cara a un modelo sustentábel baseado na soberanía alimentar, na protección dos migrantes climáticos e dos pobos indíxenas, na creación dun tribunal de xustiza climática que obrigue a cumprir as metas e mesmo a facer do planeta un suxeito de dereito cunha Declaración Universal dos Dereitos da Nai Terra similar á dos Dereitos Humanos. O Entendemento de Copenhaguen nin sequera menciona ningún destes aspectos. Valoren vostedes mesmos. | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

Manoel Santos-. O meirande desafío da humanidade, que ten que ver coa necesidade de lle facer fronte a unha mudanza climática encadrada nunha crise ambiental de augurios apocalípticos, ten hoxe dúas supostas resolucións enriba da mesa.