| Milton Friedman e o Sur globalizado |
| Walden Bello | |
| Martes, 12 de Decembro do 2006 | |
|
[Rebelión. Traducido por Altermundo.org] Mentres os economistas encomian ao recentemente falecido Milton Friedman por ser "un paladín da liberdade cuxo traballo transformou a ciencia económica e cambiou o mundo", como anunciaba a toda páxina o New York Times, a xente do Sur lembrará ao profesor da Universidade de Chicago como ao ollo dun furacán humano que se abriu camiño arrasando as súas economías. Para eles, Friedman asociarase durante moito tempo con dúas cousas: reformas de libre mercado en Chile e "axustamento estrutural" nos países en vías de desenvolvemento. Pouco despois do golpe de estado contra o goberno de Salvador Allende o 11 de Setembro de 1973, licenciados chilenos do departamento de economía de Friedman, que axiña foron alcumados os "Chicago Boys", tomaron as rendas da economía e lanzaron un programa de transformación económica con aires de vinganza doutrinal. Á luz da súa moi citada afirmación sobre como a liberdade política vai da man co libre mercado, a ironía de que en Chile un paraíso do libre mercado estivese sendo imposto grazas ás baionetas dunha das ditaduras latinoamericanas máis sanguentas non se lle puido escapar ao gurú. E aínda así Friedman visitou Chile durante a ditadura, avogando polo libre mercado máis radical, alicerce do réxime orientado ás exportacións, eloxiando ao dictador Xeneral Augusto Pinochet polo seu compromiso cun "mercado totalmente libre como unha cuestión de principios", e dando charlas con títulos como "A Fraxilidade da Liberdade" que só podían ser irónicos nun contexto como o de Chile. Até tras acusar aos seus críticos de empeñarse en "crucificalo" polos abusos do réxime sobre os dereitos humanos, Friedman mostrou orgullo da súa inspiración doutrinal polo que describiu como o "Milagre Chileno". O EXPERIMENTO CHILENO Cando os seus discípulos deran acabado con el, efectivamente Chile fora radicalmente transformado... a peor. As políticas de libre mercado someteron ao país a dúas grandes depresións nunha mesma década, primeiro en 1974-75 cando o produto interior bruto (PIB) caeu un 12%, e outra vez en 1982-83 cando se afundiu outro 15%. Contrariamente ás expectativas ideolóxicas sobre o libre mercado e o crecemento sostido, o PIB medio no período comprendido entre 1974 e 1989 –a fase xacobina radical da revolución de Friedman e Pinochet– foi só do 2,6%, comparado con case un 4% anual durante o período de 1951-71, no que houbo un rol do estado na economía moito maior. Ao final do periodo de libre mercado radical, tanto a pobreza como as desigualdades aumentaran significativamente. A proporción de familias vivindo por baixo da "liña da indixencia" subira do 12 ao 15 por cento entre 1980 e 1990, mentres a porcentaxe vivindo por baixo de la "liña da pobreza", pero por riba da indixencia, incrementouse do 24 ao 26 por cento. Isto significou que ao final do réxime de Pinochet, ao redor do 40% da poboación de Chile, uns 5,2 millóns de persoas sobre 13 millóns, eran pobres. En termos da distribución da renda, a fracción da renda nacional obtida polo 50% máis pobre da poboación caeu do 20,4% ao 16,8%, mentres a obtida polo dez por cento máis rico medrou dramaticamente do 36,5% ao 46,8%. En termos da estrutura da economía, a combinación do crecemento errático cunha liberalización do comercio radical resultou na "des-industrialización en nome da eficiencia e para previr a inflación", como o describiu un economista, coa fracción de produción manufacturera no PIB caendo dunha media do 26% ao final dos anos sesenta a só un 20% ao final dos oitenta. Moitas industrias do metal e outras empresas de manufacturas relacionadas con elas víronse nunha economía orientada á exportación que favorecía a produción agrícola e a extracción de recursos naturais. MITIGAR O FRIEDMANISMO A fase radical Friedman-Pinochet da contra-revolución económica en Chile tocou ao seu fin ao principio dos anos noventa, unha vez a Concertación chegou ao poder. En flagrante violación do Friedmanismo clásico, esta coalición de centro-esquerda aumentou o gasto social para mellorar a distribución da renda en Chile, reducindo a proporción de xente vivindo na pobreza do 40% ao 20% da poboación. Este cambio, que aumentou o poder de compra interno, contribuíu a soster a media anual de crecemento económico do 6% da época post-Pinochet. Con todo, ao non querer o novo réxime social-demócrata desafiar ás clases altas, conserváronse os trazos básicos dunha política económica neoliberal, incluíndo o énfase nas exportacións agrícolas e de recursos naturais. Esta focalización en exportacións de produtos primarios creou enormes tensións medioambientais. A sobreexplotación pesquera nas costas de Chile foi da man da desestabilización ecolóxica por mor da expansión cara ao interior de viveros de salmón fresco e mexillons. Unha industria madereira exportadora claramente en expansión fomentou o crecemento de plantacións de árbores a costa dos bosques autóctonos, co resultado de que Chile se converteu na segunda maior área desforestada en América Latina, logo de Brasil. A regulación medioambiental recoñeceuse abertamente que non resulta efectiva, ao ser sistematicamente socavada polos imperativos dun crecemento orientado á exportación. EXPORTAR A "REVOLUCIÓN" Chile foi o coelliño de indias dun paradigma do libre mercado que lle foi endosado a outros países do terceiro mundo durante os primeiros anos oitenta a través dos organismos do Fondo Monetario Internacional (FMI) e do Banco Mundial (BM). Unhas noventa economías en vías de desenvolvemento ou post-socialistas foron finalmente suxeitas a "axustes estructurais" de libre mercado. Desde Ghana ata Arxentina, a participación do estado na economía foi recortada drasticamente, empresas estatais pasaron a mans privadas en nome da eficiencia, as barreiras proteccionistas ás importacions do Norte foron eliminadas de vez, levantáronse as restriccions ao investimento exterior e, mediante políticas para priorizar as exportacións, as súas economías domésticas foron máis estreitamente integradas no mercado capitalista mundializado. As políticas de axustamento estrutural (SAPs, nas súas siglas en inglés), que prepararon o terreo para a aceleradísima globalización dos noventa das economías dos países en vías de desenvolvemento, xeraron en moitos países a mesma pobreza, desigualdade e crise ambiental que as políticas de libre mercado en Chile, exceptuando o crecemento moderado posterior á fase Friedman-Pinochet. Como admitiu o economista xefe para África do Banco Mundial, "non pensamos que os custes humanos destes programas poderían ser tan grandes, nin que os beneficios económicos tardarían tanto en chegar". As SAPs chegaron a estar tan desacreditadas que o BM e o FMI pronto cambiaron o seu nome a "Poverty Reduction Strategy Papers" (Traballos Estratéxicos para a Redución da Pobreza) a finais dos noventa. E aínda así as políticas de axustaamento e de libre mercado foron tan concienzudamente institucionalizadas que, malia que en todo o mundo se consideran disfuncionais, hoxe seguen a reinar. O legado de Milton Friedman seguirá nos países en vías de desenvolvemento durante moito tempo. De feito, posiblemente non haxa unha inscrición máis apropiada para a lápida de Friedman que o que William Shakespeare escribiu en Xulio César: "The evil that men do lives after them, the good is oft interred with their bones" (O mal feito polos homes sobrevívelles, o ben é a miúdo soterrado cos seus ósos). *Walden Bello é profesor de sociología na Universidade das Filipinas e director executivo do instituto Focus on the Global South de Bangkok. | |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

























Neste sentido, a crise financeira do pasado mes de agosto mostra, ás claras, o funcionamento do liberalismo intervencionista máis reaccionario, aquel que impón o libre mercado para os de abaixo, para a clase traballadora…
Marga Tojo-. Entrevista completa a Eric Toussaint e Olivier Bonfond, militantes altermundialistas, membros do Consello Internacional do FSM, da coordinación mundial dos movementos sociais e da rede internacional CADTM (Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo).
Leonardo Boff-. Sentimos hoje a urgência de estabelecermos uma paz perene com a Terra. Há séculos estamos em guerra contra ela. Enfrentamo-la de mil formas no intento de dominar suas forças e de aproveitar ao máximo seus serviços.