Rainbow Warrior, 20 anos
Manoel Santos   
Sábado, 09 de Xullo do 2005

[ Publicado en Galicia Hoxe ]

En xaneiro de 1971 un vello atuneiro, o Phyllis Cormack, partía do porto de Vancouver con 11 mozos pacifistas cara a illa de Amchitka, fronte á costa de Alasca. Estados Unidos planeaba alí ensaios con armas nucleares, e os ecoloxistas pretendían introducirse na área de probas para impedilo. Non chegaron a tempo, máis a súa acción xerou un inusitado seguimento dos medios de comunicación. Cinco meses despois Washington decretaba o cese definitivo dos estoupidos atómicos nas illas Aleutianas e a declaración da reserva natural de Amchitka.

Daquela non se sabía, pero o éxito mediático deses ecoloxistas que lideraba un tal Bob Hunter dou lugar ao nacemento de Greenpeace e a súa frota verde, que dende entón ten sucado todos os mares do planeta denunciando, con impactantes accións de protesta, as agresións ao medio ambiente e á paz mundial. Hoxe a organización está presente en máis de 40 países, segue a ser a dor de cabeza de moitos gobernos e empresas transnacionais e disque conta con case tres millóns de socios, pois unha das súas regras é garantir a súa independencia non aceptando cartos de goberno algún.

Bob Hunter, que finou en maio deste ano vítima dun cancro de próstata, chegou a ser en 1973 o primeiro presidente da organización e a revista “Time” considerouno un dos dez heroes ecoloxistas do século XX. Porén, o meirande legado que deixou ao ecoloxismo foi o nome do buque insignia de Greenpeace, o Rainbow Warrior (Guerreiro do Arco da Vella), denominación coa que, por extensión, coñecemos hoxe aos activistas da organización. O concepto proviña dunha fermosa profecía da tribo norteaméricana dos Cree: Chegará un tempo no que a Terra enferme, e cando aconteza, os indíxenas recobrarán o seu espírito e reunirán a persoas de todas as nacións, cores e crenzas, eles creerán nos actos e non nas palabras, traballarán para sandar a Terra e traerán grandes cambios e transformacións no xeito de vivir, en harmonía coa creación, coa terra e con todos os seres humanos… eles serán os Guerreiros do Arco da Vella.

A razón deste artigo é que hoxe mesmo cúmprense 20 anos do dramático afundimento do RW nun peirao de Auckland (Nova Zelandia). Os servizos secretos franceses, que tentaban impedir ao barco partir cara a Mururoa, onde o goberno Mitterrand realizaría aqueles polémicos ensaios nucleares, puxeron no casco e na hélice senllas bombas que esnaquizaron a nave e mataron ao fotógrafo portugués Fernando Pereira.

A chamada Operación Satánica –toda unha chapuza– foi o primeiro atentado terrorista, terrorismo de Estado en toda regra, que coñeceu o país austral, e non supuxo para o goberno francés máis ca unha lene reprimenda da ONU e o pago duns poucos millóns de dólares a Nova Zelandia e Greenpeace. Só dúas persoas foron condenadas polo atentado, e aos tres anos xa estaban de volta en Francia, onde foron condecoradas –os galos prohibiron algunhas importacións do país maorí para forzar a repatriación dos terroristas. A dimisión do ministro de defensa, Charles Henru, foi o único custe político e Mitterrand, que prometera “xustiza ao máis alto nivel”, nunca chegou a pedir desculpas á familia de Pereira.

Hoxe un Rainbow Warrior II navega de novo polos mares do planeta lucindo ese arco da vella sobre fondo verde que identifica a causa do activismo ecolóxico, un xeito de presión que ten confirmado ser do máis efectivo. Pero paga a pena lembrar aquel primeiro RW e todo o que representou. Debémoslle moito máis do que pensamos, dende a actual moratoria da caza de baleas ata o cesamento das probas nucleares nos atois do Pacífico; dende a prohibición europea de importar peles de bebés foca –lembremos aos guerreiros do arco da vella manchando ás foquiñas con pinturas inocuas para facer o seu pelexo inservíbel– ata a defensa da fosa atlántica galega. Aquela titánica loita das zodiac do RW contra o buque británico que tentaba botar ao noso mar 5.000 barrís de lixo radiactivo emocionounos a todos.

A derradeira misión daquel RW foi a de evacuar aos 320 habitantes do atol Rongelap, nas illas Marshall, afectados por cancros, leucemias e malformacións por mor dos ensaios nucleares que os EUA fixeran durante anos. Cando o mundo os abandonara, os guerreiros do arco da vella chegaron naquel barco verde para levalos á illa Mejato na procura dunha nova vida en terra sen contaminar. Morreu creando vida, como hoxe segue a facer convertido nun arrecife de coral na baía Mataurí neozelandesa.• 


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >