Mesturar Galicia
Manoel Santos   
Sábado, 25 de Xuño do 2005

[ Extraído de Galicia Hoxe ]

Ou somos así os galegos ou así é a nosa terra. Gobernada dende dentro pero dependente do exterior, da economía exterior, do voto exterior, da lingua exterior, da política exterior, xa que logo, das decisións do exterior. No fondo, somos unha especie de sociedade enclave. Estamos fisicamente no país, explotando os empobrecidos recursos deste recuncho do noroeste, na periferia, en provincias; pero mental, económica e politicamente dependemos dos ditados externos, de cómo alén da Canda decidan que van ser as nosas campañas electorais e de cómo alén do Atlántico decidan o final da historia. Si, xa sei que o único que deciden é o final, pero moralmente dá a sensación de que o resolven todo pola nosa incapacidade para facelo.

E aí nós, na tópica escaleira, acougando entre dúas augas, entre dous proxectos, entre dous países, entre dúas Galicias, entre dúas solucións insolúbeis, inmiscíbeis. Esperamos refunfuñando a que pase algo. Simplemente esperamos. Galicia ao pairo. Así somos. País indefinido, difícil de entender ata para as máis experimentadas axencias consultoras, sorpresivo mesmo para nós, teimudo ás veces e resignado outras, difícil de vivir.

O máis indignante de nós mesmos é a nosa incapacidade para sermos ese país que disque somos. Dificilmente poderemos selo se non hai consenso no tipo de país que queremos. Porque a impresión é, que o que nos define como sociedade, é a división e o egoísmo, personalizado fundamentalmente nun grave clientelismo, asumido como normal, que enchoupa todo o que nos rodea. Galicia sempre foi caciquil e punto. É que nin sequera hai consenso sobre qué individuos constitúen o país! Son os galegos do exterior parte do país? E os seus fillos? E os douscentos mil emigrados ás Españas na última década, son tamén parte do país?Porén, o que si temos claro é que Galicias hai dúas. A sociedade é como a terra na que vive. Atlántica e mediterránea, húmida e seca, interior e costeira, de chaira e de montaña, autóctona e alóctona. Inmiscíbel, xa o dixen.Hai unha Galicia inmóbil, co traballo xa feito, que descansa por merecemento pero que ás veces non é consciente de que a sociedade está baseada fundamentalmente na solidariedade entre xeracións. Non funciona en clave de futuro, non pensa no país de mañá. A outra Galicia está por facer, anda na procura dunha saída no labirinto pero non sabe se quere saír, ou cara onde debe ir ao saír. Levará as rendas mañá, máis o mañá non dá chegado nunca, pode que porque haxa que edificalo en sintonía coa súa Galicia antagónica.

Somos o país do voto egoísta. Uns votan por botar aos outros e os outros por conservaren un traballo obtido daquela maneira. Uns por un escuro contrato concedido por un amigo, outros por un miúdo bafo de poder que alivie a súa inseguridade. Hainos que votan por conservaren unha pensión que ninguén cuestiona e tamén os que votan por recibiren alá o que todos –todos sen rosmar para nada– enviamos para axudar aos que tanto fixeron por nós. Pero, e polo país? Quen vota polo país?

Esta terra nosa, estas dúas terras nosas, precisan dun mestre alquimista. Un menciñeiro que logre facer unha disolución entre dúas solucións incompatíbeis, que mesture auga e aceite, precisa dun mago milagreiro, dun druida quizais. Porque a galega é unha sociedade que está por crear, é natureza desordeada, un simple burato negro nun universo en formación, mitosis inacabada, como a terra na que vive, como o urbanismo no que habita, espallada aquí e acolá sen control, sen unión molecular á vista.

Pode que o que aconteza é que, simplemente, sexamos un país lento. Pode que sexamos como as furnas esas nas que de metade para arriba semella que gobernarán uns e de metade para abaixo voltan á inmóbil realidade. É así como rematan os días electorais dende hai anos en Galicia. Voto de mañá e voto de tarde, e a liña que os separa que baixa paseniñamente, pero non desaparece. Non nos mesturamos nin para votar. Inmiscíbeis sempre, pero tranquilos. Mais xa se sabe o que lle aconteceu a tranquilo na sabedoría popular galega, que diso si que temos, “morreu caghando entre o millo”.

Por iso debemos entender que mañá, en Pontevedra, non vai gañar ninguén. O que vai acontecer é que uns políticos recibirán a confianza dunha metade do país, e o seu deber debería ser o de facer de mestre alquimista, o de argallar a disolución milagreira que mesture as dúas Galicias. Facer país, pero se pode ser dende o país, que o desta semana é unha angustia innecesaria.• 


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >