| Pontevedra alaricá |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 04 de Xuño do 2005 | |
|
[ Extraído de Galicia Hoxe ] Xa son poucos en Galicia, e alén dela, os que non oiron falar, ou non viron cos seus propios ollos, o milagre alaricán (nunca entendín porque os dicionarios lle negan aos de Allariz este fermoso xentilicio). Poucas vilas galegas teñen hoxe o prestixio desa xoia pétrea á beira do ameneirado Arnoia, prestixio que vén dado pola abraiante transformación urbana, social e medioambiental que sufriu nos últimos quince anos. E o prestixio, claro, tradúcese en prosperidade, crecemento poboacional, dinamización…, xa que logo, calidade de vida, coas limitacións galaicas de ser de interior, de ser Ourense nestes tempos de esquecemento histórico e perda de identidade. Galegos fomos, que diría o poeta. En Galicia o milagre alaricán rachou moldes, mudou o limitado concepto de conservación polo máis eficaz de rehabilitación, fixo dos proxectos actuacións reais e levou a imaxinación e a innovación á práctica. A vila, cunha apaixoante historia que fala de reis, cantigas, foros e irmandiños, era a segunda cidade da provincia en 1900 e decaeu ata acadar unha situación insostíbel entre as décadas de 1960 e 1980. O control urbanístico era nulo, a inhabitabilidade do casco vello medraba, a calidade ambiental do río era noxenta e o tecido socioeconómico esmorecía. A finais dos oitenta, co apoio dun decidido movemento veciñal preocupado pola desvalorización da vila en todos os eidos, accede ao poder municipal Anxo Quintana, Quin de Allariz. Foi como unha miúda revolta que logo bendicirían as furnas comicio tras comicio. Máis que milagre habería que chamarlle pois revolución. O agora presidenciable Quin dixo máis dunha vez que era o modelo alaricán o que exportaría a toda Galicia. Resposta: unha cousa e gobernar un concello de 5.000 habitantes e outra todo un país. Certo, máis non o é menos que concellos do tamaño de Allariz hainos abondo, e ninguén fixo nada igual, nin aproximado. Políticos de todas as cores e procedencias teñen visitado ese recuncho do Arnoia para aprender, ou polo menos ver. Mais unha cousa é ver e outra exercer. Eu mesmo dubido se o milagre alaricán sería posíbel nunha vila maior, nunha cidade, nun país. Venme á cabeza esa beleza que leva décadas durmida a carón do Lérez, Pontevedra. Paralelismos: alcalde nacionalista cun proxecto claro e público na cachola –o máis difícil–, un río/a esnaquizado, un casco histórico tan envexábel como deteriorado, anos de desprestixio, esquecemento e mingua económica… As miñas dúbidas encollen vendo o resultado da primeira lexislatura de Lores. Cun goberno menos forte do que tivo Quintana conseguiu en catro anos non só un cambio de cara ostensíbel e esteticamente sobresaliente, senón a recuperación do prestixio perdido e que Galicia mire de novo a Pontevedra. Pero hai unha eiva. Certo día, logo de percorrer a cidade exclamei, coma todos, –que fermosa está Pontevedra! Un vello que descansaba na praza da Leña respondeume, –depende do vento fillo, depende do vento. O sur pontevedrés sempre nos lembra pituitariamente a eiva da cidade. E é que o que Lores imaxina para Pontevedra non o vexo eu compatíbel coa monstruosidade de Ence. No desprestixio antes referido a celulosa ten tanta responsabilidade como na desfeita ecolóxica que mergullou Galicia nun triste mar de eucaliptos. Case toda. Porén, penso que a recuperación de Lourizán, e das miles de hectáreas achegadas ao monstro que hoxe non valen nada, xeraría máis riqueza para a cidade que varias factorías. A grande diferenza entre as circunstancias de Pontevedra e Allariz é pois esa celulosa que no seu día enguliu a praia que o alcalde di ver á beira da ría logo de 2018, e a impresionante presión mediática, ateigada de mentiras, incorreccións, enganos e intereses particulares, sobre o seu democrático, e legal, mandato. Hoxe o subsconsciente dun pontevedrés recibe máis estímulos antiLores nos medios de comunicación nunha hora que invitacións ao consumo nunha xornada polos corredores de Carrefour. Claro que ao final dependerá de como os cidadáns dominen ese subsconsciente, de qué cidade imaxinen dentro duns anos, para que Lores de Pontevedra siga ou non o camiño de Quin de Allariz. Porque se algo depende do vento, nunca se sabe cara onde pode ir.• | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. | Seg. > |
|---|

