Globalización, alterglobalización, antiglobalización
Carlos Taibo   
Mércores, 28 de Febreiro do 2007

[Diagonal]

No Estado español, a contracumbre ante a reunión da OTAN en Sevilla, ou a invisíbel pero non por iso menos real preparación do próximo Foro Social das Migracións; e a nivel internacional, a recente edición do Foro Social Mundial, en Nairobi (Kenia), a finais de xaneiro, ou a preparación das protestas contra o futuro cume do G-8 en Alemania, son claros exemplos de que o movemento antiglobalización, aínda que moito máis débil que nos anos 90, segue activo. Pode ser unha ocasión de reflexionar.

Sabido é que, aínda que a palabra globalización existe desde moito tempo atrás, a súa espectacular entronización político-mediática produciuse na segunda metade do decenio de 1990. Non hai ningún motivo para concluír que esa irrupción fulgurante tivese un carácter neutro, improvisado e espontáneo. Sobran, en troques, os que aconsellan soster que obedeceu, así a todo, a razóns tan precisas como tramadas.

Desfacerse doutras palabras

Tomemos a molestia de dar conta da principal desas razóns e suxiramos que do que se trataba, por riba de todo, era de desfacerse doutras palabras, e en singular do vocábulo capitalismo, que para moitos retrataran de xeito razoabelmente fidedigno, até ese intre, a maioría das relacións económicas. Imponse lembrar que esas molestas palabras tiñan unha imaxe negativa aos ollos da maioría dos habitantes do planeta. Conveñamos que, polo menos en principio -outra cousa foi o acontecido despois, ao amparo do labor de zapa desenvolvida polos movementos de contestación-, a operación que agora nos interesa, enxeñosa e eficiente, permitiu retratar en clave xenericamente saudábel o que antes se antollaba marcado por un sinfín de eivas, e iso, por riba, sen que cambiasen un ápice -ou, polo menos, sen que cambiasen para mellor- a maioría das relacións económicas ao uso.

Os movementos de contestación tiveron que decidir se acataban ou repudiaban nos seus discursos a presenza da palabra globalización. A segunda das opcións, o repudio, que fose perfectamente lexítima, atopouse ao pouco, con todo, coa crúa realidade de que o termo en cuestión, ben é certo que a miúdo con perfís nebulosos, inundábao case todo. Ao cabo, e de xeito premeditado ou non, os movementos pareceron atopar unha solución de compromiso. Se por unha banda deron en aceptar que as mutacións rexistradas na textura do capitalismo –non remitían tanto á manifestación de fenómenos novos como a un afondamento ou radicalización dos xa coñecidos: desregulación, especulación, fusións, deslocalización...– xustificaban que se aceptase, aínda de mala gana, o emprego do vocábulo globalización; polo outro aduciron que correspondía agregar tras este algún adxectivo que permitise recuperar, até onde for posíbel, densidade crítica no discurso.

Equivalencias e diferenzas

Empezouse a falar así de globalización neoliberal e tamén de globalización capitalista. Importa subliñar que estas dúas expresións, aparentemente equivalentes e empregadas de xeito indistinto tanto por estudiosos como por activistas, exhiben diferenzas nada despreciábeis. Pódese contestar agriamente o neoliberalismo, por entender que é unha manifestación extrema e desaforada da lóxica do capitalismo, para ao mesmo tempo acatar esta última, como se pode, en sentido diferente, rexeitar por igual– isto é o que acontece na maioría das redes hostís á globalización do momento –o neoliberalismo e o capitalismo–. Por razóns que saltan á vista, esta última posibilidade non parece que quedase claramente recolleita ao amparo da expresión globalización neoliberal. Agreguemos, iso si, que por moito que apenas prosperen, non faltaron outras respostas ao problema que nos ocupa; aí está, sen ir máis lonxe, o intento, forxado en Francia, de apuntalar a palabra mundialización para reflectir o que sería unha sorte de globalización de perfís saudábeis.

Nomear a contestación

Mal fariamos en esquecer que os problemas terminolóxicos alcanzaron tamén ao nome que convén atribuír aos movementos que –a partir, de novo, da segunda metade do decenio de 1990– decidiron contestar a globalización en curso. Coñecido é que a fórmula máis comunmente empregada respecto diso, a que fala de movementos antiglobalización, levantou moitas críticas. Sinalouse, por exemplo, que non parece saudábel retratar en clave fundamentalmente negativa –aí está ese oneroso “anti”– a redes que as máis das veces mostran unha franca vocación propositiva. Nun sentido parello, a miúdo suxeriuse que a fórmula de marras foi interesadamente acuñada por medios de comunicación que ningunha simpatía mostraban polos movementos que retrataban. Máis aló destas observacións despuntou outra que tiña, con certeza, maior calado: con frecuencia díxose que, falando en propiedade, os movementos de contestación non rexeitan ontoloxicamente calquera modalidade de globalización, senón que se opoñen, escuetamente, á versión neoliberal ou capitalista desta última e, de resultas, reivindican unha especie de globalización dos dereitos e das liberdades ou, nalgunhas formulaciones afines, unha alterglobalización ou unha globalización alternativa.

A última crítica enunciada, promovida polos sectores máis moderados dos movementos e claramente encamiñada a conferirlle unha pátina de respetabilidade e moderación a estes, non deixa de presentar dobleces, e iso por moito que se entenda sen maior quebranto o que quere significar. Digámolo sen miramientos: hai razóns sobradas para afirmar que calquera modalidade de globalización que poida imaxinarse, por benignos que sexan os seus propósitos, reclama de forma inexorábel elites directoras, fluxos xerárquicos e procesos de uniformización que invitan como pouco ao receo e, talvez, e máis aínda, a un franco rexeitamento, con máis motivo que non é improbable que por detrás de filantrópicos proxectos se agochen realidades pouco edificantes.

Dalgún dos argumentos que expresamos nos primeiros compases deste texto xurde sen problemas –parece– unha conclusión fácil de ganduxar: existe unha poderosísima liña de continuidade entre o que no pasado deuse en chamar imperialismo e capitalismo, por unha banda, e o que hoxe, polo outro, suxírese debemos entender que é a globalización. Se iso resulta ser así, non parece en absoluto razoábel que os movementos de contestación fagan seus términos como os de alterglobalización ou globalización alternativa.

E é que, ao cabo, e na perspectiva desas redes, a ninguén no seu san xuízo ocorreríaselle reclamar un imperialismo alternativo ou un alterimperialismo. As cousas nestes termos, e pese ás cargas que en materia de mercadotecnia política poidan arrastrarse, preferíbel é quedarse, entón, co de movementos antiglobalización. Unha das virtudes, nada despreciábeis, desta expresión é, por certo, que non alenta maior dúbida no que se refire ao que eses movementos reivindican.• 

*Carlos Taibo, Profesor, ensaísta e analista internacional

Carlos Taibo
Sobre o autor ou autora:
Profesor de Ciencia Política na Universidade Autónoma de Madrid.
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >