| Francia: outra oportunidade perdida |
| Alfredo Iglesias Diéguez | |
| Mércores, 25 de Abril do 2007 | |
|
O 29 de maio do 2005, a cidadanía francesa manifestábase maioritariamente en contra (56% dos votos emitidos polo 70% do electorado) do Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa; dende esa data, as mobilizacións nas rúas de toda Francia sucedéronse case de xeito continuo, como proban a folga xeral do 4 de outubro de 2005 que sacou á rúa un millón de persoas para protestar contra as reformas que o goberno preparaba para reformar a función pública; os paros e as mobilizacións entre os traballadores que protestaban contra a privatización das empresas estatais ou contra os despedimentos masivos e as delocacións; o estourido protagonizado polos mozos desempregados e marxinados da banlieu das principais cidades francesas en contra da exclusión social; as mobilizacións protagonizadas polo alumnado de secundaria e a universidade en contra do Contrato de Primeiro Emprego nos primeiros meses de 2006 e que obrigaron a modificar a lei... Daquela, cando menos á luz dos acontecementos, semellaba que en Francia estaba a agromar un movemento de oposición ás bondades do neoliberalismo; agora quedaba o máis importante: organizalo e mostrar a súa verdadeira forza política; as eleccións presidencias eran unha boa oportunidade para iso. Certamente, non todos os que votaron polo Non o 29 de maio do 2005 o facían dende posturas de esquerdas; con todo, aproximadamente o 35% do electorado que mostrou o seu rexeitamento ao Tratado Constitucional Europeo, facíao dende a esquerda, dende unha postura de rexeitamento ao neoliberalismo e á globalización capitalista. Ese era, xa que logo, o electorado que había que mobilizar e aglutinar co obxectivo de constituír un polo alternativo de esquerda con posibilidades de chegar á segunda volta das presidenciais e de obter un peso específico dentro da Asemblea Nacional (lembremos que as eleccións lexislativas terán lugar en xuño deste ano). Porén, malia que se fixeron algúns esforzos nesa dirección formando entre 700 e 800 comités locais espallados por toda Francia con ese obxectivo, o certo é que a esquerda alternativa chegou máis dividida que nunca a estas eleccións, o que se traduciu nun gran fracaso electoral: do 35 por cento de votos posibles, só conseguiron arredor dun 10%, que se reparten do seguinte xeito: Besancenot, da Liga Comunista, o 4,4 por cento; Buffet, do Partido Comunista, o 1,9 por cento; Laguiller, de Loita Obreira, o 1,5 %; e Schivardi, do Partido dos Traballadores, o 0,4 por cento; aos que hai que engadir os votos de José Bové (1,4 %) e da candidata dos Verdes, Voynet (1,5 %), que cun pouco de vontade se poden situar na esquerda. O fracaso desa estratexia de unidade, que en outubro do ano pasado chegara a elaborar un programa común baixo o título "O que queremos", materializouse neste domingo 22 de abril, no que a esquerda alternativa acadou uns resultados peores que no ano 2002. O próximo domingo, a alternativa é Sarkozy ou Royale, polo que segundo todas as sondaxes, o vencedor será Sarkozy: o peor escenario posible, mágoa. •
| |
| < Ant. | Seg. > |
|---|

