E onde estaban eles?
Manoel Santos   
Luns, 21 de Maio do 2007

 O 6 de maio acudín a Compostela á manifestación que, co lema Galiza non se vende, sacou á rúa a 4.000 persoas que esixen un freo inmediato á depredación ecolóxica e socio económica do país.

Cando Nunca Máis reclamou as rúas desta Galiza nosa por mor da desfeita ecolóxica do Prestige, e tamén polo escurantismo e a incapacidade gobernativa –ou sobre todo por isto–, moitos viron, vimos, o rexurdir da nación que disque somos. Se cadra estaban no certo e levamos dentro un sentimento nacional espontáneo, unha especie de esporádica conciencia que xorde na adversidade. “Diolo queira” que dirían na terra miña. En Compostela, Vigo, Madrid ou Bruxelas os do común esixiron a xustiza que logo viría nas urnas –esquecemos a miúdo que Fraga caeu nas autonómicas post-chapapote– e con eles vimos artistas, catedráticos, intelectuais e políticos, si, moitos profesionais da manipulación do público.

No entanto, o barco de Mangouras foi engulido polo mar, e os seus efectos, cando menos os máis traumáticos e inmediatos, pola xente que apañou piche. Non polo goberno, nin polos políticos. Pola xente! E Nunca Máis, pois esluíuse. As frouxas declaracións da plataforma durante a vaga de incendios do pasado verán deron máis a impresión de ser forzadas pola vergoña que pola convicción. Un non pode mais que pensar que a dirección política de Nunca Máis –hóuboa, iso sabémolo todos, cando menos nos primeiros momentos–, que se encargou de espertar á nación, ao cabo só tiña intereses electorais que lle foron ben rendíbeis. Mágoa.

Digo isto porque o 6 de maio acudín a Compostela á manifestación que, co lema Galiza non se vende, sacou á rúa a 4.000 persoas que esixen un freo inmediato á depredación ecolóxica e socio económica do país. Esta, en forma de especulación urbanística, forestación mercantilista, desertización agrogandeira, espolio xeolóxico, contaminación, etc., é moito máis grave cá do Prestige, irreversíbel as máis das veces. Alí vin como o andazo estase a espallar polo país enteiro, dende o Courel a Baroña e dende Ferrol a Monteferro. Vin como a unha mobilización xurdida ao abeiro de colectivos sociais, afastada, esta si, das agrupacións políticas, a prensa –exceptuando Galicia Hoxe– case non lle prestou atención. E tamén vin como aqueles políticos –exceptuando a digna coherencia do Beiras– xa non baixan a camiñar coa xente nin para mirar, e menos para aprender.

Coidado. Porque cando os 4.000 sexamos 10.000, e logo 50.000, e logo 100.000, pois todo indica que ese debe ser o camiño, se cadra xa non os queremos con nós.•


Manoel Santos
Sobre o autor ou autora:

Biólogo. Director e fundador de Altermundo.

Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >