| Dos pobos orixinarios |
| Manoel Santos | |
| Sábado, 06 de Maio do 2006 | |
|
[Extraído de Galicia Hoxe] Vivimos nun sistema económico dominante que hai xa séculos urdiu explotar de xeito ilimitado todos os ecosistemas e recursos naturais. Esta estratexia trouxo o crecemento económico e o que se chamou "desenvolvemento" para algunhas nacións, e privilexiou o consumo e o benestar social dunha parte moi pequena da humanidade; mais, desgrazadamente, privou das condicións mínimas de vida as grandes maiorías da humanidade. Deste xeito, mais ou menos definindo o concepto de neoliberalismo, comeza o Manifesto das Américas, un modesto e clarificador documento en defensa da natureza e da diversidade biolóxica e cultural desa parte do planeta. Asinárono hai quince días en Curitiba (Brasil) unha morea desas personalidades –Pérez Esquivel, Noam Chomsky, María Augusta Calle, Eduardo Galeano…– que levan décadas de loi- E é que se algo define todos eses novos movementos de tendencia esquerdista e orientación social que se están a espallar por Latinoamérica enteira non é, como aquí analizan tendenciosamente os medios do capitalismo, unha especie de andazo de ditadores comunistas en potencia que gañan eleccións polo seu populismo. Non. É a toma de conciencia das comunidades locais ou indíxenas sobre os seus dereitos e sobre a importancia da preservación e o uso sustentábel dos seus recursos. América, queiran Repsol e o goberno español ou non, decatouse de que acubilla o templo natural do planeta, e de que se non o reclaman para si como pobos orixinarios que son, rematará en ruínas como o de Salomón. A cousa évos ben doada de argumentar. Os países amazónicos e andinos contan con máis dun terzo dos bosques tropicais do mundo e co 50% da biodiversidade. Falamos dos ecosistemas máis vizosos do planeta, de máis de 45.000 especies de plantas, de 1.300 de peixes de auga doce ou de 1.800 de bolboretas. Tan só polos ríos Amazonas, Orinoco, Paraná, Paraguai, São Francisco e Magdalena circula o 30% da auga superficial continental do planeta. Por aquelas terras que de sempre espertaron a cobiza do frío norte están pois gran parte dos futuros recursos hídricos, mineiros, farmacolóxicos, madeireiros, de hidrocarburos e mesmo xenéticos que lle quedan á humanidade. En boca ou en bandullo de pozo, pero alí están. Non estamos a falar de que as comunidades latinoamericanas se converteran en socias de Greenpeace de súpeto, senón do feito de que a súa toma de conciencia como pobos (indíxenas, campesinos, pegureiros, pescadores…), claramente corroborada polas tendencias electorais en todo o continente, fixo tamén medrar o seu instinto de conservación (nacionalismo?), e polo tanto a necesidade de conservaren os seus xeitos de vida, intimamente relacionados coa nai Terra e, xa que logo, ameazados pola súa degradación. É o que Martínez Alier chamou a ecoloxía dos pobres, e é o que eses "endemoñados" dirixentes de pel escura latinoamericanos están a reclamar para os seus. Por iso gobernan. A globalización, ou o imperialismo económico, é unha agresión directa contra estas comunidades, quer pola homoxeneización cultural que impón, quer polos seus sistemas de produción baseados só na ambición empresarial das transnacionais, que non ven nos recursos naturais máis que subas e baixadas de accións en bolsa e que, por máis que nos digan, só xera nestes países máis desemprego, redución de salarios, deterioración da educación e da sanidade, perda de identidade e máis pobreza e desigualdade. E todo isto co que dá a terra que os viu nacer. Os movementos máis salientábeis no sur de América xa hai tempo que deixaron de ser militares, igual que hai xa tempo que o político vai detrás do social. A chamada guerra do gas boliviana en 2003 ou as revoltas que se están a dar aínda hoxe contra o Tratado de Libre Comercio por parte dos indíxenas ecuatorianos ou contra a presenza de soia transxénica no Paraguai son os laídos dos que aprenderon que os pobos orixinarios son eles, e que os recursos da terra deben ser xestionados por eles. Que o presidente de Repsol lles vaia dicir que van "contra toda norma e lóxica empresarial". A ver que lle respostan. • | |
Ver todos os artigos deste autor ou desta autora |
|
| < Ant. |
|---|

