A UE ataca o uso fraudulento de man de obra ilegal
Xosé Manuel Figueiras   
Mércores, 22 de Agosto do 2007

 Os empresarios británicos xa comezaron a facer lobby para bloquear a iniciativa europea, e a buscar socios continentais que os respalden, mentres o goberno británico permanece dividido sobre un tema que non debería ter discusión.

[PequenEuropa]

Os euroescépticos británicos néganse por tradición, a aceptar os beneficios que lles reporta a pertenza ó mercado único europeo, incluídas tamén as regulacións e as obrigas que nel se deben cumprir, e que vistas dende outra óptica poden representar toda unha garantía de seguridade e conducta ética. Non se debe esquecer, que a regulación de calquera ámbito da sociedade só existe onde hai riqueza e benestar, e dicir, nos países ricos. Se nos paramos a observar ben, os países que contan con menos lexislación son tamén os máis pobres. Toda regulación á hora de protexer ó cidadán no traballo, no xantar, ou á hora de viaxar, obviamente costa diñeiro, e por iso os países máis humildes non poden facer realidade esas garantías.

Non obstante, nun dos países máis ricos de Europa, o Reino Unido, lexislar calquera ámbito da sociedade é visto con receo. Esta semana, a Comisión Europea a través do seu brazo encargado de xustiza e asuntos da Unión, encolerizou a boa parte dos empresarios británicos amais, sorprendentemente, dos sindicatos que se queixaron de que se quedaron estupefactos a raíz dunha proposta estival da Comisión Europea: os funcionarios europeos pretenden, desta vez, regular os casos de utilización ilícita de man de obra inmigrante ilegal na UE.

Para iso é imprescindible botar man das multas e outras sancións, como excluír dos concursos públicos aquelas compañías que non realicen auditorías esporádicas e aleatorias sobre o estado legal dos seus traballadores. Nos casos máis graves de reincidencia, ou no suposto uso de trafico ilegal de seres humanos, faríase fronte a penas de cárcere contundentes.

A nova regulación requiriría da inspección do status legal de un de cada dez traballadores por ano, o que non parece abusivo, amais dun prazo de tres días para que os empresarios completen os requisitos ao respecto do novo persoal contratado. Non obstante, cabe resaltar que a nova regulación viría a responsabilizar ós empresarios e a súa propia compañía no caso de que os seus distribuidores de persoal se saian da legalidade. Co cal se evitaría a externalización das prácticas repudiables, e a evasión das normas, nunha terceira parte.

Os empresarios británicos xa comezaron a facer lobby para bloquear a iniciativa europea, e a buscar socios continentais que os respalden, mentres o goberno británico permanece dividido sobre un tema que non debería ter discusión.

Alén das formas, e dos medios que se poñan en marcha para evitar os abusos e o uso da man de obra inmigrante de forma fraudulenta, é digno destacar que unha vez máis ten que vir alguén dende Bruxelas preocuparse e poñer sobre a mesa un asunto que afecta a tódolos socios por igual. É unha pena que ese rol de gardián habitual, cada vez en máis ámbitos, non obteña unha mellor recompensa.•


Xosé Manuel Figueiras
Sobre o autor ou autora:
Analista Internacional
Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >