Plataforma Galega Antitransxénicos
Artigos de Xosé Manuel Beiras
Os catro xinetes da globalización
Walden Bello   
Venres, 28 de Setembro do 2007

 Os varios herdeiros do neoliberalismo da primeira hora perseguen diversas vías para salvar o libre mercado. Tenden, emporiso, a pechar os ollos ante o fracaso do proxecto "globalista", rexeitando os proxectos de desglobalización abandeirados polos movementos sociais.

Cando o pasado ano dous estudos describiron o modo en que o centro de investigación do Banco Mundial manipulara sistematicamente os datos, a fin de probar que as reformas neoliberais do mercado estaban promovendo o crecemento e reducindo a pobreza nos países en vías de desenvolvemento, non houbo a menor reacción de sorpresa por parte dos "círculos" intelectuais, económicos e políticos que se ocupan de políticas de desenvolvemento. Os devastadores resultados da análise realizada por Robin Broad –da American University– e do informe elaborado por Angus Deaton –da Universidade de Pricenton– e Ken Rogoff –ex-director do FMI– eran o último acto do colapso do que veu en chamarse Consenso de Washington.

Imposto aos países en vías de desenvolvemento a través da fórmula dos programas de "axustamento estrutural" financiados polo FMI e o Banco Mundial, o Consenso de Wáshington reinou até fins dos 90, cando se fixo evidente que os obxectivos perseguidos -crecemento sostido, redución da pobreza e da desigualdade- distaban por moito de ser alcanzados. E é a metade da presente década que o "consenso" vén a menos. O neoliberalismo segue sendo o "criterio estándar", pero moitos economistas e tecnócratas perderon xa confianza no mesmo.

Wáshington Consensus Plus

Conscientes dos erros do Consenso de Washington, o FMI e o Banco Mundial están agora a promover o que o premio Nóbel Joseph Stiglitz bautizou displicentemente como un "Wáshington Consensus Plus", conforme ao que as reformas a favor do libre mercado, sendo indispensábeis, non foron suficientes. As reformas financeiras, por exemplo, deberían vir agora, se se queren evitar desfeitas como as das crises financeiras asiásticas dos anos noventa. Lembrando a caída de Rusia no capitalismo mafioso dos 90, ambas institucións falan agora tamén da importancia de acompañar a reforma do mercado con reformas xurídicas e institucionais que leven a facer respectar a propiedade privada e os contratos. Entre outros principios que deberían acompañar aos "axustamentos estruturais" están a "boa xestión" e políticas de "desenvolvemento do capital humano".

A amálgama de reformas estruturais e sostén ao libre mercado foi contemplada a comezos da presente década nos chamados "Programas estratéxicos para a redución da pobreza" [PRSP, polas súas siglas en inglés]. Contrariamente ao que un analista definiu como "neoliberalismo de puño espido", os PRSP son de feito liberais no que atañe aos procesos de decisión, que deberían entrañar consultas ás diversas partes interesadas, entre elas ás organizacións da sociedade civil. Iso non significa que o obxectivo dos "programas contra a pobreza" sexa distinto do do seu ancestro -liberalización, desregulación, privatización e comercialización de terras e recursos-, pero propóñense logralo a través dunha implicación limitada das comunidades "interesadas". Unha implicación mediata, con todo, por organizacións non-gobernamentais de sesgo liberal, máis que a través dunha participación dos movementos sociais. Os PSRP son, pois, programas de axustamento estrutural de segunda xeración, que buscan mitigar o impacto negativo das reformas.

Neoliberalismo neoconservador

Un segundo herdeiro do Consenso de Wáshington é o "neoliberalismo conservador", un enfoque que orienta a acción da administración Bush e que tivo o seu bautismo co famosos informe de 2000 saído da comisión do Congreso para as institucións multilaterais dirixida por Alan Meltzer. O informe apoia -cando menos retoricamente- unha redución da débeda das nacións máis pobres, a fin de destinar os recursos financeiros derivados da redución da débeda á constitución de "fondos a concurso" específicos. Polo demais, os "fondos a concurso" permiten unha coordinación das reformas a favor do libre mercado congruente coa "seguridade nacional" estadounidense e coas estratexias das transnacionais norteamericanas.

A «boa» e a «mala» esquerda

Hai tamén un tercer herdeiro do Consenso de Wáshington. Trátase do "neoestruturalismo", un enfoque que adoita asociarse á Comisión Económica para América Latina (CEPAL). Segundo a teoría neoestruturalista, as políticas neoliberais resultaron demasiado custosas e, a longo prazo, improdutivas. Para os valedores deste enfoque, equidade e crecemento non son mutuamente excluíntes, e poderían operar en plena "sinerxia". Unha menor desigualdade debería, de feito, ser capaz de soster o crecemento económico, porque é garantía de estabilidade política e macroeconómica, aumenta a capacidade de aforro dos pobres, levanta os niveis educativos e expande a demanda agregada.

Os neoestruturalistas propoñen, así pois, políticas de redistribución do crédito a través de políticas sanitarias, educativas e de vivenda. Ese é o tipo de programas característicos do que o columnista mexicano Jorge Castañeda chamou a "boa esquerda" de América Latina, referíndose ao goberno de Lula en Brasil e á alianza de goberno da Concertación en Chile.

Concentrado en transferencias destinadas a defender e potenciar a capacidade dos pobres, o enfoque neoestruturalista non interfiere coas forzas do mercado no plano da produción, a diferenza da liña da "esquerda mala" (Hugo Chávez e outros), que intervén directamente na produción e nas políticas salariais. Os neoestruturalistas abrazan a globalización, e sosteñen que un obxectivo clave das súas reformas consiste en facer que os países sexan máis competitivos a escala global. Posto que as reformas neoestruturalistas apuntan a reducir as disparidades de renda, foron consideradas unha vía para facer máis apetecíbel, se non máis popular, á globalización.

Segundo o economista chileno Fernando Leiva, as políticas neoestruturalistas representan, con todo e con iso, un "paradoxo herético": a procura dunha competitividade xeral por parte das economías nacionais conduciu de feito "á consolidación político-económica das prácticas neoliberais". No fondo, o neoestruturalismo, o mesmo que o Wáshington Consensus Plus, non subverten o neoliberalismo, senón que tenden a mitigar a pobreza e as desigualdades provocadas por este. Os programas antipobreza do goberno Lula poden moi ben reducir o volume dos "miserábeis", pero a institucionalización das políticas neoliberais segue, con todo, xerando pobreza, desigualdade e estancamento na maior realidade económica da América latina.

Socialdemocracia global

Xunto ao neoestruturalismo e ao neoliberalismo neoconservador, cobrou forma e desenvolveuse a "socialdemocracia global", un enfoque que adoita identificarse co economista Jeffrey Sachs, o sociólogo David Held, o premio Nóbel Joseph Stiglitz e a ONG británica Oxfam. A diferenza dos tres enfoques anteriores, este admite o feito de que o crecemento e a equidade poden acharse en conflito, e pon claramente á equidade por riba do crecemento. Polo demais, este enfoque cuestiona unha tese central do neoliberalismo, a saber: que a liberalización do comercio sexa beneficiosa a longo prazo.

De feito, Stiglitz sostén que, a longo prazo, a liberalización do comercio podería levar a unha situación na que "ao groso dos cidadáns lles fose peor". Os socialdemócratas globais, en fin, esixen cambios fundamentais nas institucións e nas regras de gobernanza global como o FMI e a OMC, así como acordos sobre a propiedade intelectual para fins comerciais (TRIP). David Held, por exemplo, esixe "a reforma, se non a abolición completa, dos acordos TRIP, e Stiglitz di que "os países ricos deberían abrir os mercados aos países máis pobres, sen reciprocidade e sen poñer condicións políticas e económicas".

Os socialdemócratas globais ven no movemento antiglobalización un aliado, ao que Sachs agradece "arroxar luz sobre as hipocresías e os evidentes fallos da gobernanza global e pór fin a anos de autocelebración dos ricos e os poderosos". Pero a globalización non deixa, con todo, de ser punto forte e cabalo de batalla para os socialdemócratas globais. Porque, o mesmo que o neoliberalismo da primeira hora, o mesmo que o Wáshington Consensus Plus, o mesmo que o neoconservadurismo estadonidense e o mesmo que o neoestruturalismo, a socialdemocracia global ve na globalización un fenómeno que, de ser xestionado a eito, resultaría beneficioso para os máis.

De feito, os socialdemócratas globais vense a si mesmos como os salvadores da globalización, medorentos de que a crise da mesma provoque unha volta ao pasado. Fronte a esa eventualidade, recordan as nefastas consecuencias, logo de 1914, da turbulenta invasión da primeira oleada globalizadora. Así pois, para Sachs, Held e Stiglitz, o mundo necesita unha globalización socialdemócrata ou "ilustrada" na que a integración global do mercado prosiga o seu camiño, pero xestionada de xeito equitativa e acompañada dunha progresiva "integración social global". Hai varios problemas aos que se enfronta esa adhesión á globalización por parte da socialdemocracia global. O primeiro: é discutíbel que a rápida integración dos mercados e da produción –a esencia da globalización- poida darse fóra dun marco neoliberal, o precepto central do cal é derrubar os muros das tarifas alfandegueiras e eliminar as restricións aos investimentos. En segundo lugar, é igualmente discutíbel que, aínda que se puidese concibir unha globalización en réxime de equidade social, a mesma fose desexábel. Desexan realmente as persoas formar parte dunha economía global funcionalmente integrada na que desaparezan as barreiras que separan o nacional do internacional? Seica non preferirían formar parte de sistemas económicos capaces de ser controlados a nivel local e protexidos do antolladizo curso da economía internacional? A reacción contra a globalización non depende só das desigualdades e da pobreza procreadas por ela, senón tamén do sentimento experimentado por homes e mulleres de perda de todo adarme de control sobre a economía a favor de forzas internacionais impersonais. Un dos temas máis recurrentes do movemento antiglobalización é a esixencia de bloquear o crecemento orientado ás exportacións e a creación de estratexias de desenvolvemento, tanto a escala local como global, pero no marco dunha economía regulada.

O reto perdido

O problema fundamental de todos os herdeiros do Consenso de Wáshington é a súa incapacidade de facer arraigar as súas respectivas análises nas dinámicas do capitalismo como sistema de produción. De tal sorte, que son incapaces de ver que a globalización neoliberal non é unha fase nova na evolución do capitalismo, senón un intento deseperado e fallido de superar a crise de sobreacumulación, sobreprodución e estancamento que se abateu sobre as economías capitalistas centrais a partir da metade da década dos 70. Rachando o compromiso socialdemócrata entre capital e traballo nacido da segunda postguerra e eliminando as barreiras nacionais ao comercio e ao investimento, as políticas económicas neoliberais buscaron investir a tendencia á crise do desenvolvemento económico e dos beneficios.

Esta verdadeira "fuga cara ao global" tivo lugar no marco dun proceso de conflito máis amplo marcado por unha renovada competencia interimperialista entre os principais centros do poder capitalista, a aparición de novos centros capitalistas, a desestabilización medioambiental, unha acrecida explotación do Sur -o que David Harvey chamou "acumulación por expropiación"- e unha resistencia que vai aparecendo por todas as partes.

A globalización fallou á hora de proporcionar ao capital unha vía de saída para as súas crises de acumulación. Coa constatación do seu fracaso, estamos asistindo agora ao seu abandono por parte das elites capitalistas, a fin de regresar a estratexias nacionais de protección e de concurrencia sostida polo estado no tocante ao control dos mercados e dos recursos globais: a clase capitalista estadounidense sinálalles o camiño. Tal é o contexto que Jeffrey Sachs e outros socialdemócratas non acaban de comprender cando propoñen a súa utopía: a creación dun "capitalismo global ilustrado", capaz de "humanizar" a globalización.

O capitalismo tardío ten unha irreversíbel lóxica destrutiva. No canto de empeñarse na imposíbel tarefa de humanizar un fracasado proxecto globalista, o urxente reto que temos por diante é o dun retroceso da globalización que non provoque a proliferación de conflitos incontrolábeis e desenvolvementos desestabilizadores como os que puxeron fin á primeira oleada globalizadora en 1914.•


Walden Bello
Sobre o autor ou autora:

Director executivo de Focus on the Global South e profesor de socioloxía da Universidade de Filipinas.

Ler máis >>

 
< Ant.   Seg. >
PuntoGal
Ciberirmandade da Fala