Dicionario do Altermundo
Altermundo   
Luns, 28 de Abril do 2008

Verbas, siglas e acrónimos clave para entender como vai o mundo… que se coce no mundo… (en constante construción)

ALBA

 Creada o 14 de decembro de 2004 polos gobernos de Cuba e Venezuela e impulsada por Hugo Chávez baixo o nome de Alternativa Bolivariana para as Américas, este organismo xurdiu como mecanismo de integración continental alternativo aos postulados de integración económica neoliberal impulsados por Wáshington desde 1994, a través da Alianza de Libre Comercio para as Américas (ALCA). Coa aspiración de alentar unha integración social, política, económica, cultural e histórica, a ALBA concibe unha multiplicidade de mecanismos de integración, destacando os eixes enerxético, financeiro e económico como elementos centrais dunha integración solidaria. Máis non só a herdanza de Bolívar produce historicamente a ALBA, senón a "liña vermella", antimperialista e de discurso continental, que representan figuras e movementos coma os encabezados por Velazco Alvarado en Perú, Salvador Allende en Chile, Augusto César Sandino en Nicaragua ou o propio Fidel Castro en Cuba. Oficialmente denominase ALBA-Tratado de Comercio dos Pobos (ALBA-TCP). Hogano está conformada por nove países: Venezuela e Cuba (membros desde 2004), Bolivia (2006), Nicaragua (2007), Honduras (2008), Ecuador, Dominica, Antigua e Barbuda e San Vicente e as Granadinas (2009). O recente golpe de estado en Honduras parece abrir unha paréntese na inclusión de máis socios na ALBA.

+ INFO: www.igadi.org | www.alternativabolivariana.org

ADPIC

Acordo sobre os Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual relacionados co Comercio (en inglés, TRIPS). É un anexo do Convenio polo que se crea a OMC (Organización Mundial do Comercio) en 1994. Non só protexe a propiedade intelectual de autores, artistas ou emisións de radio e televisión, tamén xestiona as políticas de patentes sobre principios activos de menciñas, sobre os OMX (Organismos Modificados Xenéticamente) e sobre os seres vivos (biopiratería). É unha das normas máis controvertidas da OMC, especialmente no referentente ás patentes de 20 anos sobre as innovacións farmacéuticas, ás que se acusa de non permitir o acceso e fabricación de medicamentos xenéricos aos países en desenvolvemento.


AGP

Acción Global dos Pobos. Rede de movementos de base creada en Xenebra en 1998 para facer fronte á OMC e ao mercado global. A dita alianza, que é un instrumento de coordinación –non de organización–, rexeita tamén os tratados de libre comercio, manifesta unha actitude confrontativa e chama á desobediencia civil pacífica e á creación de alternativas locais como resposta á acción dos gobernos e transnacionais.

+INFO: www.agp.org

ALCA

Área de Libre Comercio das Américas. Proxecto de integración comercial para o continente americano argallado polos EUA. Segue as regras doutros tratados de libre comercio (TLC): reducións alfandegueiras, desregulacións,  privatizacións, patentes, etc. A súa creación está atopando atrancos na oposición de moitos gobernos e movementos sociais, que só ven nel un instrumento imperialista dos EUA. Hugo Chávez, principal opositor, propón para substituíla a ALBA (Alternativa Bolivariana das Américas), na que integraría a Cuba, ao contrario que a ALCA.


ALIANZA SOCIAL CONTINENTAL

 

 Movemento nacido en 1997 e integrado por organizacións sociais dende Canadá até Chile. A súa acción centrouse inicialmente en enfrontar –e finalmente tirar abaixo– a proposta de creación da área de Libre Comercio das Américas (ALCA), mais hoxe combate todas as modalidades de libre comercio e busca un modelo de desenvolvemento alternativo. É o núcleo promotor dos Cumios dos Pobos.

+ INFO: www.asc-hsa.org

AMAP

(Associations pour le maintien d"une agriculture paysanne). Asociacións francesas pioneiras en Europa no consumo responsábel. Están destinadas a favorecer a agricultura campesiña e a agroecoloxía fronte á agroindustria.Crean un vínculo directo entre labregos e consumidores, que mercan a produción a un precio equitativo e pagando de antemán. Xa hai unhas 400 en toda Francia, que alimentan a uns 5 millóns de persoas.

+ INFO: www.reseau-amap.org

AMARC

 A Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) é o referente organizativo, político e comunicacional dun movemento internacional constituído ao redor das radios comunitarias, cidadás e populares -son unhas 4.000 de 115 países.

+ INFO: www.amarc.org

 


AMI

Acordo Multilateral sobre a Inversión. Acordo negociado en segreto pola OCDE dende 1995 que pretendía regular a actuación das empresas no estranxeiro dándolle os mesmos dereitos que ás empresas locais. Contra a sinatura do AMI xurdiu unha das primeiras grandes protestas dos movementos sociais a nivel global, especialmente en Francia e por medio de internet, de xeito que o acordo morría antes de nacer, en 1998. Un dos primeiros éxitos dos antiglobalización.

+INFO: http://free-news.org/NOM_tercermundo_02.htm

ANTIGLOBALIZACIÓN

Movemento social internacional –movemento de movementos– que xorde como resposta á globalización neoliberal, tanto organizando protestas masivas como  procurando alternativas (altermundismo). É unha rede de redes moi hetereoxénea e de carácter horizontal, sen líderes nin xerarquías.


AOD

Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Corresponde ás doazóns e préstamos concedidos en condicións financeiras privilexiadas, acordados por organismos públicos do Norte global. Un préstamo outorgado a unha taxa inferior á do mercado xa é considerado AOD, malia que logo o país beneficiado devolva até o último céntimo. Os préstamos bilaterais condicionados –obrigan ao país beneficiario a mercar produtos ou servizos ao país prestamista– e a maior parte das deducións da débeda tamén son AOD, que sempre están “condicionadas” á redución do déficit público, as privatizacións, a boa conduta ecolóxica, a democratización, etc., condicións definidas polos gobernos do Norte e a parella Banco Mundial/FMI.
+INFO: www.cadtm.org

APEC

 Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico. Fundado en en 1989, trata temas relacionados co intercambio comercial, coordinación económica e cooperación entre os seus integrantes, actualmente 21 países da conca do Océano Pacífico, dende Australia a Brunei, Canadá, Indonesia, Malaísia, Chile, México ou Nova Guinea. Pretenden, en 2020, crear a máis importante zona de libre circulación de bens do mundo, pois agrupan o 56% da produción mundial e o 46% do comercio global.

+INFO: www.apecsec.org.sg

ATTAC

Asociación pola Tasación das Transaccións e pola Axuda aos Cidadáns. Movemento internacional que promove o control democrático dos mercados financeiros e das institucións que os controlan. Naceu en Francia en 1998. ATTAC sostén que as trasnacionais e quen acatan as súas decisións contribuíron a reducir o poder dos electorados nacionais sobre as súas economías. Propón por exemplo o control dos mercados financeiros mediante mecanismos como a Taxa Tobin, a supresión dos paraísos fiscais e a condonación da débeda externa dos países do terceiro mundo.

+INFO: www.attac.org

AXCS

 Acordo Xeral sobre o Comercio dos Servizos (en inglés, GATS) da OMC. Unha das ameazas máis graves da globalización. Pretende regular, ou privatizar, o sector de servizos a nivel mundial. Agrupa a 160 subsectores e actividades: telecomunicacións e tecnoloxías da información, ambientais (augas, lixo, protección da paisaxe…) enerxía, turismo, educación, sanidade, cultura, transportes, servizos bancarios e financeiros… Leva a unha liberalización progresiva que incluirá até os servizos máis básicos. Nos documentos, por exemplo, o Salario Mínimo e a Seguridade Social son tratados polos negociadores como “atrancos técnicos ao comercio”.

+INFO: horsagcslogo.chez-alice.fr

AXUSTAMENTO ESTRUTURAL

Un programa de axustamento estrutural é a condición imposta polo FMI e/ou o Banco Mundial a un país para darlle respaldo destinado a afrontar un problema de pagamentos internacionais. Xurdiron a comezos da década de 1980 como resposta das institucións de Bretton Woods á crise da débeda e intentan corrixir o que se consideran excesivos déficit dos orzamentos públicos e da balanza de pagamentos. Son plans de austeridade. Co pretexto de eliminar a pobreza e instaurar a democracia impoñen políticas neoliberais si ou si. Para entrar neles esíxese o fomento da competencia, o control da inflación reducindo o gasto social, a apertura liberalizacuión do mercado, a devaluación das moedas locais, a privatización de empresas públicas, etc.

+INFO: www.choike.org

BANCO MUNDIAL

 Creado en 1944 en Bretton Woods, no marco do novo sistema monetario internacional, para axudar á reconstrución de Europa despois da II Guerra Mundial mediante créditos. No entanto, unha vez rematada a súa función seguíu a facer empréstitos aos países pobres. Para os altermundistas é, xunto ao seu “irmán xemelgo”, o Fondo Monetario Internacional –FMI –, o principal responsábel da débeda inxusta, e as máis das veces ilexítima, que esgana á poboación dos países en desenvolvemento, de xeito que a función para a que foi concibido ultrapasouse de cheo. Posúe un capital achegado polos países membros –185 membros nos que impera a máxima “un dólar, un voto”– aos que dá empréstitos no mercado internacional de capitais e financia proxectos sectoriais, públicos ou privados, con destino aos países do Terceiro Mundo e aos países antes chamados socialistas. De acordo co FMI, o Banco impón cada vez máis a posta en marcha de políticas de axustamento estrutural, destinadas a equilibrar a balanza de pagamentos dos países, impoñendo a redución do déficit orzamentario, a mobilización do aforro interno, os investimentos estranxeiros e moitas liberalizacións de servizos públicos e de entrada de capitais.

+INFO: www.worldbank.org

BANCO DO SUR

Fondo monetario, banco de desenvolvemento e organización de crédito proposta por Hugo Chávez para a integración latinoamericana. Foi constituído o 9 de decembro de 2007 por Venezuela, Arxentina, Brasil, Bolivia, Ecuador, Paraguai e Uruguai. Chile participa como observador e Colombia xoga a querer entrar primeiro e desistir despois. O capital inicial será de 7.000 millóns de dólares. Nace como alternativa ao Fondo Monetario Internacional –FMI–, ao Banco Mundial e ao BID con conceptos como “un país, un voto”, independentemente dos cartos achegados, igualdade, equidade e xustiza social. A súa sede será Caracas, con dúas subsedes, unha en Bos Aires e outra na Paz.

+INFO: www.cadtm.org

BID

 Banco Interamericano de Desenvolvemento. Organización financeira internacional con sede en Wáshington creada en 1959 para financiar proxectos de desenvolvemento e promover a integración comercial da rexión de América Latina e o Caribe. É o banco rexional de desenvolvemento máis grande do mundo. Aínda que non garda relación co FMI ou co Banco Mundial traballa dun xeito similar. Conta con membros “non prestatarios” –entre outros a Unión Europea, Estados Unidos, Israel, Xapón, Suíza– que non reciben financiamento pero se benefician vía servizos.

+INFO: www.iadb.org  

 


BRETTON WOODS

Os Acordos de Bretton Woods son as resolucións da Conferencia Monetaria e Financeira das Nacións Unidas, realizada no complexo hostaleiro de Bretton Woods (Nova Hampshire, EUA), xa rematando a II Guerra Mundial, entre o 1 e o 22 de xullo de 1944. En Bretton Woods establecéronse as regras para as relacións comerciais e financeiras entre os países máis industrializados do mundo. Definíase un novo sistema monetario mundial que se materializou na creación do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional –FMI– e no uso do dólar –e a súa convertibilidade en ouro– como moeda internacional.

+INFO:
en.wikipedia.org/wiki/Bretton_Woods_system

CLUB DE LONDRES

Reúne aos bancos privados que posúen créditos sobre os estados e as empresas da periferia. Durante os anos 70’, os bancos de depósitos transformáronse na principal fonte de crédito internacional dos Países en Desenvolvemento (PED), cando estes últimos detentaban xa máis do 50% do total de créditos acordados. Reúnese para coordinar o reescalonamento da débeda dos países debedores e funcionan como comisións consultivas aconsellando aos países debedores para que adopten políticas de estabilización e soliciten o apoio do FMI, antes de solicitar un reescalonamento ou demandar cartos frescos ante os bancos.

+INFO: www.cadtm.org

CLUB DE PARÍS

 Creado en 1956, trátase dun grupo de estados acredores especializados no non pagamento da débeda por parte dos PED. Non permiten aos PED negociar en conxunto, senón que presionan a cada país por separado. A presidencia recae tradicionalmente nun francés. Os seus membros posúen PRETO do 30% do stock da débeda do Terceiro Mundo e reescalonaron a débeda de 70 países acredores. Esta moi vencellado indirectamente ao FMI, que ten un rol clave na estratexia da débeda do Club. Recíprocamente, a acción do Club preserva o estatuto de acredor privilexiado do FMI e a condución das súas estratexias de axustamento estrutural nos PED.

+INFO: www.clubdeparis.org

CHIAPAS

 Quen di Chiapas di activismo, resistencia, antineoliberalismo, autoorganización e solidariedade internacional. Os pobos indíxenas do estado mexicano de Chiapas rebeláronse en 1994 por mor da sinatura do Tratado de Libre Comercio de América do Norte, reclamando as súas terras na chamada "guerra contra o esquecemento" do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN). Estableceron os Municipios Autónomos Zapatistas (caracois) que operan fóra da lei mexicana e crearon un sistema de autosuficiencia económica e a solidariedade entre comunidades que é un exemplo para o mundo. Moitos consideran que o nacemento do altermundialismo tivo lugar en 1996 co Primeiro Encontro Intercontinental pola Humanidade contra o Neoliberalismo. Máis de 3.000 activistas dos 5 continentes acudiron á chamada de: "Isto non é necesario para conquistar o mundo. Isto é suficiente para facer un novo". Nacía unha rede intercontinental de resistencia para a humanidade que empregaba un discurso nunca antes escoitado, con visión global dos problemas, que valoraba a diversidade e que pretendía gobernar sen tomar o poder. Despois da iniciativa zapatista artéllase unha proposta para organizar unha Acción Global dos Pobos –ou Movemento de Resistencia Global (MRG).

+INFO: enlacezapatista.ezln.org.mx | chiapas.indymedia.org | www.ezln.org.mx | zeztainternazional.ezln.org.mx

COMERCIO XUSTO

 Xurdido nos Países Baixos en 1969 é un xeito alternativo de comercio fomentado por ONG e movementos sociais. Inténtase evitar as grandes diferenzas entre o prezo que pagan por un produto os consumidores do primeiro mundo e o diñeiro que se lles paga aos seus produtores no terceiro mundo. Polo xeral os produtores forman parte de cooperativas ou organizacións e funcionan democraticamente, rexeitase a explotación infantil e respéctase a igualdade de xénero e os dereitos humanos, o prezo que se lles paga aos produtores permite condicións de vida dignas, valórase a calidade, a produción ecolóxica e o respecto ao medio ambiente, búscase o xeito de evitar intermediarios entre produtores e consumidores e infórmaselles a estes sobre a orixe do produto.


CONFERENCIA DAS NACIÓNS UNIDAS PARA COMERCIO E DESENVOLVEMENTO

 (UNCTAD, siglas en inglés). Foi creada en 1964 baixo a presión dos países en desenvolvemento para facer contrapeso ao GATT (Acordo Xeral sobre Aranceis e Comercio), antecesor da OMC.

 +INFO: www.unctad.org

 


 CONSENSO DE WÁSHINGTON

 A expresión Consenso de Washington atribúeselle a John Williamson en 1989, cando traballaba para o Banco Interamericano de Desenvolvemento. Refírese a todas as institicións que teñen sede na capital dos EUA e que, ao cabo, dominan a globalización neoliberal: FMI e BM, pero tamén a Reserva Federal ou o propio Congreso dos EUA. Williamson fixo referencia a un decálogo de medidas económicas a aplicar: disciplina fiscal, reordenamento das prioridades do gasto público, reforma impositiva, liberalización dos tipos de xuros, unha taxa de troco competitiva, liberalización do comercio internacional, liberalización da entrada de investimentos estranxeiros directos, privatizacións, desregulamentacións e dereitos de propiedade.

+INFO: en.wikipedia.org/wiki/Washington_Consensus

CUMIO DA TERRA

 Así coñeceuse a Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento de Río de Xaneiro en xuño de 1992. Os principais logros foron o acordo sobre a Convención Marco da ONU sobre o Cambio Climático, que máis tarde levaría ao Protocolo de Kioto e o Convenio da Diversidade Biolóxica.

+INFO: www.un.org
 

 


DAVOS

 Cidade e comuna suíza do cantón dos Grisóns famosa por ser a sede do Foro Económico Mundial (FEM), no que cada xaneiro se reúnen as elites políticas e económicas do mundo. En contraposición a el naceu en 2001 o Foro Social Mundial en Porto Alegre. O Foro de Davos foi creado en 1971, teoricamente para “contribuír na resolución dos problemas da nosa época”, mais os movementos antiglobalización acúsano de mirar só polos intereses das transnacionais.


O OUTRO DAVOS

 A principios de 1999, coincidindo coa celebración do FEM, celebrouse por iniciativa de ATTAC o encontro “O outro Davos” na mesma localidade, á que asistiron movementos sociais representativos das loitas anticapitalistas dos cinco continentes: Movimento Sem Terra do Brasil, sindicatos obreiros de Corea do Sur, Federación de Campesiños de Burkina-Faso, Movemento de Mulleres de Québec e Movemento dos Desempregados de Francia, así como analistas, politólogos, intelectuais, etc. Da xuntanza xurdiron boa parte das propostas de alternativas ao neoliberalismo que asumen hoxe os movementos sociais mundiais.

+INFO: www.attac.org

 


 DÉBEDA EXTERNA

 É a suma das obrigas dun país con respecto doutros, a miúdo a través do FMI e o Banco Mundial. Malia os 4,5 billóns de dólares que pagaron entre 1980 e 2001, os países en desenvolvemento teñen hoxe a débeda cuadriplicada. No canto de ser o Norte o que axuda ao Sur, é o Sur o que financia ao Norte. Entre 1983 e 2001 pagaron 368.000 millóns de dólares máis do que recibiron en créditos. Para entender isto hai que remontarse ao colonialismo. Os europeos espremeron o Sur establecendo abusivos sistemas de explotación das materias primas. Logo da descolonización, os países pobres tiveron que aceptar créditos, agravándose en 1960, cando o BM estimulou a petición de máis préstamos a baixos xuros, pero variábeis, e coa Guerra Fría, na que as superpotencias favoreceron réximes corruptos e ditatoriais. Coa suba do petróleo de 1973 e a dos intereses de 1979 a débeda fíxose inasumíbel. En 1982 México anunciaba a suspensión dos pagamentos. Entón o FMI creou as políticas de axustamento estrutural, con préstamos condicionados á liberalización dos mercados. Para os antiglobalización o BM, o FMI e o Club de París mudaron nunha mafia global de prestamistas. Consideran ilexítima a débeda, contraída ás veces por gobernos impostos e sen valorar séculos de explotación colonial. Quen debe a quen?.


DECRECEMENTO

 Corrente de pensamento político, económico e social favorábel á diminución regular da produción económica co obxectivo de establecer unha nova relación de equilibrio entre o ser humano e a natureza. Quen defende o decrecemento afirman que non é posíbel conservar o ambiente, e xa que logo a humanidade, sen reducir a produción económica, responsábel de que actualmente esteamos a superar a capacidade de rexeneración do planeta. Cómpre pois camiñar cara a redución radical do consumo e da produción, establecendo unha etapa de transición cara un novo xeito de organización social, cara unha economía que produza bens en función das necesidades reais de todas as persoas respectando os límites planetarios.

+ INFO: www.decrecimiento.info

DEMOCRACIA REPRESENTATIVA

É a forma de democracia baseada na elección por sufraxio universal de representantes encargados de tomar e executar as decisións.


DEMOCRACIA PARTICIPATIVA

Pode definirse como un modelo político que facilita aos cidadáns a súa capacidade de asociarse e organizarse de xeito que poidan exercer unha influencia directa nas decisións públicas (referendos ou outras iniciativas de consulta, asemblearismo...).

+INFO: www.democraciaparticipativa.net

DEPRECIACIÓN

Diminución do valor da moeda nacional en relación a outras moedas por mor dunha contracción da demanda polos mercados desta moeda nacional.

+INFO: www.cadtm.org

DEPRESIÓN

Fase do ciclo capitalista que segue a unha crise. Neste período interrómpese no fundamental a caída da produción, que queda atrancada no nivel acadado ao final da crise. As empresas traballan por baixo das súas posibilidades de produción. A cantidade de desocupados é tan elevada como durante a crise. Os prezos alcanzan certa estabilidade, pero nun baixo nivel.

+INFO: http://www.eumed.net

DESENVOLVEMENTO SOSTÍBEL

Malia que xa Ramonet e Chao apuntan á orixe platónica do concepto no seu Abecedario (subxectivo) da Globalización, o termo xurdiu nos 80’ en Estados Unidos e foi universalizado no Cume da Terra de Río de Xaneiro en 1992. Fai referencia a un sistema económico que responda ás necesidades do presente sen pór en perigo a capacidade das xeracións futuras de respostar ás súas propias. Vaia, a conxugar desenvolvemento económico e preservación do medio ambiente.

+INFO: www.unep.org

DOCUMENTO DE ESTRATEXIA DE REDUCIÓN DA POBREZA

En inglés Poverty Reduction Strategy Paper (PRSP). Posto en práctica en 1999 polo Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional (FMI), o DERP, oficialmente destinado a combater a pobreza, é de feito a continuación e profundización da política de axustamentos estruturais, que tenta lograr a legitimación desta polo consentimento dos gobernos e dos actores sociais locais. Ás veces denomínase Marco Estratéxico de Loita contra a Pobreza (MELP).

+ INFO: www.cadtm.org

DOHA, Rolda de

Da Organización Mundial do Comercio (OMC). É unha gran negociación emprendida para liberalizar o comercio mundial. O seu obxectivo apunta a completar un tema que quedara pendente dun gran ciclo anterior (chamado Rolda de Uruguai): o comercio agrícola, máis tamén os servizos. As negociacións están até agora atrancadas pola oposión dos países en desenvolvemento e os movementos antiglobalización.

DÚMPING

Venda de mercadorías nos mercados exteriores a prezos máis baixos cós vixentes no mercado interior e no mercado mundial e, a miúdo por baixo dos custos de produción. É unha arma do capital monopolista para a expansión do comercio exterior. As transnacionais utilízano para ampliar a exportación, eliminar a competencia, conquistar mercados e impor elevados prezos nos mercados interiores reducindo a oferta de mercadorías.

+INFO: www.eumed.net

ECONOMÍA ECOLÓXICA

 Rama da teoría económica, tamén coñecida como teoría do desenvolvemento humano ou economía do benestar natural, que asume unha relación inherente entre a saúde dos ecosistemas e a dos seres humanos. En ocasións menciónase como "Economía Verde", e atópase en amplo contraste con outras escolas de pensamento no seo da economía. Os economistas verdes adoitan tomar con frecuencia posturas máis radicais que as que se atopan entre a máis convencional economía ambiental con respecto ao crecemento económico.

+ INFO: Na Galiza: webs.uvigo.es/xsimon/ligazonseco.html | Sociedades de economía ecolóxica: www.ecoeco.org | www.euroecolecon.org

 


ECONOMÍA SOLIDARIA

A economía solidaria é unha procura teórica e práctica de formas alternativas de facer economía fóra do capitalismo, baseadas na solidariedade e no traballo colectivo que xera un conxunto de beneficios sociais e culturais que favorecen a toda a sociedade. Segundo o Abecedario Subxectivo da Globalización de Ramonet e Chao, os primeiros teóricos e as experiencias iniciais da economía social apareceron a principios do século XIX, como reacción fronte á brutalidade da revolución industrial. Xa sexa en forma de mutuas, cooperativas, asociacións ou fundacións, as organizacións de economía solidaria comparten cinco principios sagrados: independencia do Estado, libre adhesión de socios, estrutura democrática do poder (unha persoa, un voto), carácter inalienábel e colectivo do capital da empresa e ausencia de remuneración do capital. O obxectivo: a subministracións de bens e servizos de interese xeral, que o Estado non quere asumir, en condicións xustas.

+INFO: www.economiasolidaria.org | www.xarxaecosol.org | www.opeto.org

ESPECULACIÓN

Actividade consistente en buscar ganancias baixo a forma de plusvalía apostando polo valor futuro dos bens e activos financeiros ou monetarios. A especulación xera un divorcio entre a esfera financeira e a esfera produtiva. Os mercados de cambios constitúen o principal lugar de especulación.

+INFO: www.cadtm.org 

EXÉRCITO ZAPATISTA DE LIBERACIÓN NACIONAL (EZLN)

 Organización político-militar do estado de Chiapas (México) cuxo mando é o Comité Clandestino Revolucionario Indíxena-Comandancia Xeral (CCRI-CG) do EZLN, derivado da súa composición maioritariamente indíxena. Saíu á luz o 1 de xaneiro de 1994 ao tomar varias cabeceiras municipais, como San cristóbal de las Casas, o día que entraba en vigor o Tratado de Libre Comercio de América do Norte. Para moitos é o xerme dos movementos altermundistas –co exitoso chamamento dende as montañas do sueste mexicano en 1996, para o Primeiro Encontro Intercontinental pola Humanidade contra o Neoliberalismo–, quer por ser os primeiros en enfocar o neoliberalismo como inimigo, quer pola organización, case paraestatal, lograda polas comunidades zapatistas nestes anos, cos seus municipios autónomos, caracois e xuntas de bo goberno. A pesar do seu carácter de organización armada, a súa praxe colócanos á par doutros movementos, como o sen terra brasileiro, o piqueteiro arxentino, o cocaleiro boliviano, o okupa europeo, ou a antiglobalización en xeral, que non buscan necesariamente a toma do poder estatal.

+ INFO: www.ezln.org.mx | es.wikipedia.org/wiki/Ejército_Zapatista_de_Liberación_Nacional


FINANCIARIZACIÓN

 Mentres o crecemento bruto de capital fixo nos países OCDE entre o ano 1980 e 1992 foi de media o 2,3%, o de capital financeiro foi do 6%. Ao mesmo tempo, as transaccións financeiras alcanzaron unha dimensión tal que agora só o 2% dos movementos de capitais corresponden aos intercambios de bens e servizos. Segundo Walden Bello, de Focus on the Global South, o capitalismo ensaiou tres vías de escape para zafarse da súa crise de sobreprodución: a reestruturación neoliberal, a globalización e a financiarización. Nesta última fase, a economía financeira comeu a economía real, dando lugar ás famosas burbullas (hipotecarias, tecnolóxicas, etc.) e a elevadas operacións especulativas. A financiarización pode crear beneficio, dende logo, pero non crea valor novo: só a industria, a agricultura, o comercio e os servizos crean valor novo. O grao de financiarización dunha nación ou dunha empresa pode medirse por un indicador simple onde o numerador está composto polos activos financeiros e o denominador por estes últimos aos que se agregan os activos reais. De xeito máis preciso, hai financiarización cando as empresas industriais consagran unha parte crecente dos seus recursos a actividades estritamente financeiras e que tende a realizarse en detrimento da actividade principal.

+ INFO: Un bo documento: www.vientosur.info/documentos/Financiarizacion.pdf

 


FONDO MONETARIO INTERNACIONAL (FMI)

 Co Banco Mundial e a OMC completa o trío de institucións financeiras internacionais ás que máis fortemente se enfronta o altermundismo. Naceu, como o Banco Mundial, dos acordos de Bretton Woods (1944) e foi creado para defender o novo sistema de cambios fixos instaurado e facer préstamos urxentes a países que non podían controlar as súas balanzas de pagamentos. Os cartos devolveríanse unha vez superados os problemas. No entanto, ao remate dos acordos (1971), o FMI é mantido e transfórmase aos poucos no xendarme –cando impón programas de axustamento estrutural– e no bombeiro –cando intervén para soster os países tocados por unha crise financeira– do capitalismo mundializado. O seu modo de decisión baséase nunha repartición do dereito de voto en proporción ás achegas de cotización dos países membros. É necesario o 85% dos votos para modificar a Carta do FMI, máis EUA posúe o veto de facto ao ter o 17,35% de voces. Cinco países dominan: Os EUA (17,35%), Xapón ( 6,22%), Alemaña (6,08%), Francia (5,02%), e Gran Bretaña (5,02%). Os outros 177 estados membros estan divididos en grupos dirixidos, cada vez, por un país. Entre outras cousas, considéraselle responsábel da débeda ilexítima dos países en desenvolvemento.

+ INFO: www.imf.org/ | www.cadtm.org

FONDOS DE PENSIÓNS

Un fondo de pensións recibe unha parte do salario mensual dos seus clientes e especula nos mercados financeiros co capital reunido para facelo frutificar. A finalidade é dobre: por unha banda, asegurar aos seus clientes a xubilación ao final da súa carreira; doutra banda, obter un beneficio suplementario para a súa conta persoal. Os dous obxectivos son aleatorios e en moitos casos os asalariados atopáronse sen aforros nin xubilación por mor de bancarrotas abraiantes, como a do famoso imperio de Robert Maxwell no Reino Unido.

+ INFO: www.cadtm.org

FORO SOCIAL MUNDIAL

 É un encontro anual do que dan conta membros do movemento altermundista. Tivo o seu nacemento en resposta á celebración do Foro Económico Mundial de Davos. O primeiro FSM celebrouse, co lema de “un outro mundo é posíbel”, do 25 ao 30 de xaneiro de 2001 en Porto Alegre, Brasil. Foi un éxito cifrado en 20.000 asistentes, pasando a ser referencia dos movementos antiglobalización. No de 2009, en Belém do Pará, houbo 140.000 inscritos. O FSM réxese por unha carta de principios que o define como “un espazo aberto de encontro para: intensificar a reflexión, realizar un debate democrático de ideas, elaborar propostas, establecer un libre intercambio de experiencias e artellar accións eficaces por parte das entidades e os movementos da sociedade civil que se opoñan ao neoliberalismo e ao dominio do mundo polo capital ou por calquera forma de imperialismo e, tamén, empeñados na construción dunha sociedade planetaria orientada cara a unha relación fecunda entre os seres humanos e destes coa Terra”. Dende o principio o FSM animou á celebración doutros foros, rexionais e temáticos. O primeiro Foro Social Galego tivo lugar en decembro de 2008 en Santiago de Compostela.

+ INFO: www.forumsocialmundial.org.br | www.forosocialgalego.org

G7/G8

 É un club de países ricos, que exerce de actor público na globalización neoliberal e é claro branco das críticas dos movementos antiglobalización. As orixes do G7 establécense en marzo de 1973, cando, a petición do Secretario de Tesouro estadounidense, George Shultz, reuníronse os ministros de finanzas de Estados Unidos, Xapón, Alemaña Occidental, Francia e o Reino Unido. No cume de 1975, en Rambouillet, Francia, produciuse a entrada de Italia e en 1977, no cume de San Xoán, Porto Rico, uniuse a eles Canadá. Tras este último formouse o chamado G7, que a partir de 1998, coa integración de Rusia, denominouse G7+Rusia ou G8.

+ INFO: en.wikipedia.org/wiki/G7 | www.g8-alternative-summit.org

G20

 É un grupo de países formado en 1999 polos sete países máis industrializados (G7), Rusia (G7+1 ou G8), once países recentemente industrializados e a Unión Europea como bloque. Estuda, revisa e promove discusións sobre temas relacionados cos países industrializados e as economías emerxentes para manter a estabilidade financeira internacional, e encargarse de temas que estean máis aló do ámbito de acción doutras organizacións de menor xerarquía. Desde 2009 o G20 despraza ao G8 como foro de discusion da Economía Mundial.

+ INFO: en.wikipedia.org/wiki/G-20_major_economies

ORGANIZACIÓN MUNDIAL DO COMERCIO


 A Organización Mundial do Comercio (WTO, siglas inglesas), nace no ano 1995 para substituír ao GATT (Acordo Xeral sobre as Taxas Alfandegueiras e o Comercio) que, asinado por 23 países en 1947, instauraba novos regulamentos liberais minguando dereitos alfandegueiros e outras restricións ao comercio. A nova organización creouse para administrar os acordos da Rolda de Uruguai (1986-94, asinados en Marraquesh) da súa predecesora, pero con extensións. Non só se encarga de regulamentar os bens industriais, tamén os servizos –privatizacións en todos os eidos salvo o militar, policial, xudicial e o Banco Central–, a agricultura e a propiedade intelectual, incluíndo as patentes sobre principios activos de menciñas, sobre os OMX (Organismos Modificados Xeneticamente) e sobre os seres vivos.

Con sede en Xenebra, está composta por 153 países e a norma, ao contrario que o FMI ou o Banco Mundial (un dólar, un voto) é "un país, un voto". Mais poucas veces se vota. As decisións son tomadas polos países centrais, dado que a meirande parte de países do Sur non poden manter un embaixador permanente en Xenebra nin seguir as complexas negociacións, que precisan de amplas e expertas delegacións. Cada dous anos celebra unha xuntanza ministerial. A primeira foi en Singapur en 1996. Seguíronlle Xenebra, Seattle, Doha, Cancún, Hong-Kong e en 2009 (30/11 a 2/12) será a sétima, en Xenebra. A Rolda de Doha, único lugar no que non había acceso para os movementos antiglobalización, segue a ser a referencia dunhas negociacións freadas dende a "batalla de Seattle".

Se o FMI e Banco Mundial afectan á cidadanía de xeito indirecto, a OMC impón políticas de choque frontal contra os seus dereitos. O mercado manda sobre o dereito nacional. Os seus acordos son case mandamentos divinos que lle permiten meter chanca nas leis e asuntos internos dos países. Os programas de estabilización macroeconómica do FMI e de axustamento estrutural do Banco Mundial (BM) eran opcionais –malia que para moitos países a necesidade obriga–, mais as "leis" da OMC son obrigatorias. Así, prodúcense situacións como a chegada ao Sur de produtos do subsidiados do Norte por baixo do custe de produción e a ruína das economías locais. Os acordos máis polémicos son o ADPIC (Aspectos dos Dereitos de Propiedade Relacionados co Comercio), que ampliou a protección mundial das patentes, e o AXCS (Acordo Xeral sobre Comercio de Servizos), unha brutal ameaza sobre os servizos públicos de moitos países e unha pedra no camiño para os que os necesitan crear. Co AXCS a OMC considera no mercado dos "servizos" dende o ensino até a saúde, pasando loxicamente polo ambiente e o ocio (deporte, cultura…).

+ INFO: Páxina oficial da OMC: www.wto.org



Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
Seg. >