O que ler…
Altermundo   
Domingo, 31 de Xaneiro do 2010


Moacir Gadotti

FÓRUM SOCIAL MUNDIAL EM PROCESSO

Editora Publisher Brasil, 2010

 "Co soño e a utopía dun outro mundo posíbel, naceu, no ano 2000, o proceso de construción do Foro Social Mundial, un espazo pensado e xestado pola sociedade civil organizada como contrapunto ao pensamento único e ao modelo político, económico e social dominante no planeta. O Foro Social Mundial non é unha institución ou organización. É un espazo libre e autoorganizado que se caracteriza pola pluralidade e pola diversidade. Proponse facilitar a articulación de accións de movementos sociais e entidades en favor de alternativas concretas á perversa globalización capitalista. Todos aqueles e aquelas que desexan coñecer esa fecunda historia, encontraran no libro de Moacir Gadotti, non só un relato do proceso da súa construción e dos seus debates internos, mais tamén un estímulo para participar desa rica experiencia".

O texto anterior foi escrito por Salete Valesan, do Instituto Paulo Freire, e resume perfectamente cal é a intención do contido desta moi recente publicación do profesor Gadotti, a de dar a coñecer o proceso do Foro Social Mundial a quen non saiba nada del.

O libro é produto de varias publicacións na revista brasileira Fórum, e a diferenza doutros xa publicados, céntrase en valorizar o que non parece ser o centro do FSM: as súas etapas de construción, os desafíos de convivir coa dúbida de non ofrecer respostas acaídas, a grandeza de non querer ser e a maxia de estar sendo. En case que todos os capítulos, Gadotti vai apuntando a cuestións que fan do Foro Social Mundial esa invención política inédita, sen precedentes e, como escribe Chico Whitaker no seu prefacio, a superar esa insuficiencia de información que hai ao redor da organización do Foro, así como os naturais malentendidos que sempre xorden.


V. Martínez e F. García (Eds.)

COCINANDO EL PLANETA

Hechos, cifras y propuestas sobre cambio climático y sistema alimentario global.

Pódese baixar en: www.grain.org

 Excelente publicación electrónica (2009) elaborada por GRAIN e a Campaña “Non comas o mundo”, conformada polo Observatorio da Débeda na Globalización, a Xarxa de Consum Solidari, Entrepobos e Veterinarios sen Fronteiras.

Baséase en que o cambio climático é unha innegábel realidade cuxos efectos fanse sentir en todo o planeta. No entanto, non sempre se ten presente, como indican todos os datos, que na cerna está o sistema agroalimentario. Cando consideramos o binomio cambio climático e sistema alimentario, en xeral pensamos no transporte de alimentos ou, ás veces, na deforestación asociada á agrogandería. Mais poucas veces tomamos conciencia de que o manexo dos chans agrarios, a utilización de fertilizantes sintéticos, a fabricación de pensos industriais, ou a destrución dos mercados locais de alimentos constitúen o núcleo central das emisións planetarias de gases con efecto invernadoiro. Ao tempo, as grandes industrias procesadoras e de distribución de alimentos son tamén enormes emisoras. Calcúlase que o sistema agroalimentario chega a xerar ata un 50% destas emisións. O actual modelo de produción e consumo industrial de alimentos contribúe significativamente ao quecemento global, amais de afondar na destrución ambiental e no grave declive das comunidades rurais.

Nesta publicación preséntanse feitos, cuestionamentos, preguntas e propostas sobre o cambio climático e o sistema alimentario global, conscientes da necesidade de afondar na denuncia, situar o problema no centro do debate actual e esixir unha real xustiza climática. Moitas das solucións á actual crise climática e alimentaria xorden de actores sociais organizados, solucións que nos poden axudar a “arrefriar” o planeta..


Manuel M. Barreiro

A NOVÍSIMA DEREITA E NÓS

Pódese baixar en: dpaso.blogaliza.org

 Quen seguimos de preto o traballo que Manolo Martínez Barreiro desenvolve no seu caderno De paso —un dos sitios de referencia da blogoesfera galega— coñecemos ben o certeiro das súas análises e a calidade da súa escrita. É por iso que esta recompilacion en formato de libro electrónico, que vén de saír do prelo co título de A novísima dereita e nós, non só resultará interesante para quen se acheguen por vez primeira a esta literatura política creada a golpe de actualidade e rigor que procura evitar os simplismos aos que nos ten acostumados a escrita xornalística ao uso, senón tamén para os que xa estamos ben afeitos a lelo.

Barreiro interpreta, describe, cataloga e define a natureza deste novo PP feijonita que pouco comparte, agás as siglas, co vello PP ancient regime de Manuel Fraga, dono e señor de Galiza durante máis de tres lustros. Atopámonos, desta volta, ante un PP cunha media de idade renovada e cun perfil político que responde ao paradigma da nova dereita neocon norteamericana. En palabras de Barreiro: “O Movemento 1 de Marzo é o noso equivalente do Contragolpe que Thomas Frank debullou en Que pasa con Kansas?

Como os ultraconservadores conquistaron o corazón dos EUA, unha vontade política expresa por erradicar toda raíz cultural, política ou social alentadora de cambios transformadores e mesmo calquera memoria do desexo do cambio”. Vontade revolucionaria no cultural (de aí a política de terra queimada arredor da lingua galega) e agresiva no económico (véxase senón a entrega do sector eólico a empresas foráneas, a privatización dos servizos publicos, a derrogación da lei de protección da costa, etc.), son marcas da casa deste PP maximalista que, como glosa excelentemente Barreiro, goza dunha sensación de euforia e ascenso inversamente proporcionais ao sentimento de declive das figuras senlleiras do aznarismo (Rajoy incluído) que vive o PP central. Será esta perspectiva madrileña a clave que explique o españolismo furibundo dos Feijoo Boys?

Reseña de David R. Rodríguez (O funambulista coxo)

Serge Latouche

LA APUESTA POR EL DECRECIMIENTO

¿Cómo salir del imaginario dominante?

Icaria, 2009

 Reavaliar, reconceptualizar, reestruturar, relocalizar, redistribuír, reducir, reutilizar e reciclar. Estes son os oito “Rs” que propón Serge Latouche para camiñarmos cara ao decrecemento.“Como se pode imaxinar que o PIB mundial, que era de 6.000 millóns de dólares no ano 1950, pasou a 43.000 millóns no 2000, poida aumentar a 172.000 millóns no 2050 sen trastornar aínda máis os equilibrios naturais, como se isto fora unha mecánica virtuosa?”

Esta premisa serve a Latouche para desenvolver en primeiro lugar unha feroz crítica das supostas alternativas promovidas polo “establisment” político-económico: a substituibilidade da natureza pola artificialidade, a desmaterialización da economía e a ecoeficiencia. Define a sociedade do crecemento como insostible, indesexable, creadora de desigualdades e inxustizas, promotora dun falso benestar para uns poucos e baseada nunha falsidade como indicador de “progreso”: o PIB. O autor propón abordar un proceso ordenado e consciente de decrecemento.

Como primeiros pasos propón reducir a nosa produción a níveis equivalentes aos anos sesenta, internalizar os custos do transporte, relocalizar actividades, recuperar a agricultura agraria, transformar os beneficios da productividade en redución de tempo laboral ou na creación de empregos se fan falta, impulsar a creación de bens relacionais, reducir o desbaldimento enerxético nun factor 4, penalizar os gastos publicitarios e decretar unha moratoria na innovación tecnolóxica para reavaliar os seus obxectivos. O libro achéganos de xeito sinxelo ao decrecemento, sinalando aqueles espazos que aínda están por definir ou construír no corpus teórico.

Reseña de Xan Duro (Verdegaia)

Josep Maria Antentas y Esther Vivas

RESISTENCIAS GLOBALES

De Seattle a la crisis de Wall Street

Editorial Popular, 2009

 La “batalla de Seattle”, en noviembre de 1999, inauguró un periodo de auge del movimiento “antiglobalización”. Desde entonces, se han sucedido múltiples protestas en motivo de las cumbres internacionales del G8, el Banco Mundial, la Unión Europea, el G20... entre las que cabe destacar las masivas movilizaciones contra la guerra de los años 2003 y 2004. El estallido de la “gran crisis” en el 2008, con el hundimiento de Wall Street y la crisis financiera, abrió un nuevo escenario para las resistencias a la globalización. Una crisis que puso en evidencia la cara más destructiva del capitalismo global. Con el presente libro, Antentas y Vivas tratan de recorrer la “geopolítica de las resistencias” que ha venido trazando el movimiento “antiglobalización” a lo largo de estos años. Una obra que intenta ofrecer retrospectivamente una panorámica general y un testimonio de lo que ha sido esta década posterior a Seattle así como de los retos que enfrentan los movimientos sociales ante la crisis contemporánea, haciendo balance del pasado inmediato para mirar hacia el futuro.

Josep Maria Antentas es profesor de sociología en la Universitat Autònoma de Barcelona. Es co-editor, junto a Josu Egireun y Miguel Romero, de Porto Alegre se mueve (La Catarata, 2003). Esther Vivas es una activista y autora de diversos libros sobre movimientos sociales y soberanía alimentaria como Del campo al plato (Icaria, 2009), En pie contra la deuda externa (El viejo topo, 2008) y Supermercados, no gracias (Icaria, 2007), entre otros. Ambos han participado activamente en el movimiento altermundialista y son miembros de la redacción de la revista Viento Sur.


Atilio Boron

SOCIALISMO SIGLO XXI

¿Hay vida después del neoliberalismo?

Hiru, 2009

 O desenvolvemento económico das periferias do sistema dentro do marco do capitalismo non é máis que un mito invocado dun xeito moi persistente e persuasivo polos voceiros do sistema económico capitalista, como ben demostra a historia dos últimos séculos. Velaí a tese que sostén Atilio Boron no seu libro Socialismo siglo XXI: ¿hay vida después del neoliberalismo? (Hiru, 2009), no que afirma que o capitalismo é o camiño máis seguro para perpetuar o subdesenvolvemento da periferia mundial.

A historia de países como Brasil, Arxentina ou México, que o autor tan ben coñece, son a demostración máis evidente de que malia o crecemento económico, ás veces continuado ao longo de varias décadas, para os países da periferia é imposible alcanzar un grao de desenvolvemento económico semellante ao dos países do centro dentro do marco capitalista, pois non existe ningún camiño que permita o tránsito da periferia ao centro, cando menos dentro das regras impostas polas institucións económicas internacionais, que se encargan de impor mecanismo que garantan a perpetuación da dependencia.

A única posibilidade de escapar ao subdesenvolvemento é, como sinala Atilio Boron nas páxinas deste libro, mediante a superación do sistema capitalista, que non sempre é posible, malia que se dean as condicións obxectivas de exclusión, pauperización e crececente explotación, debido á eficaz dominación ideolóxica das clases posuidoras sobre as conciencias do pobo explotado. A recente historia de América Latina ensínanos as condicións de posibilidade dos novos procesos revolucionarios, unha lección da que en Europa temos moito que aprender.

Reseña de Alfredo I. Diéguez

Pedro Ibarra e Elena Grau (coords.)

CRISIS Y RESPUESTAS EN LA RED

Anuario de movimientos sociales 2009

Betiko Fundazioa / Icaria, 2009

 Na Betiko Fundazioa, que con sede no País Vasco promove unha cultura soportada polos valores da participación, a solidariedade, a cooperación e a equidade, levan xa dez anos publicando este imprescindíbel Anuario de Movementos Sociais que trata, por unha banda de analizar o que fixeron e como o fixeron os movementos, e pola outra de dar un enfoque reflexivo sobre as estratexias e contextos que orientan, ou deberían orientar, a acción colectiva destes.

Neste de 2009, amais de tentar reflectir, mediante artigos moi ben elaborados, unha visión de conxunto dos movementos obreiro-sindical, feminista, pacifista, veciñal, ecoloxista, de solidariedade internacional, antirracista e antiglobalización, inclúen algunhas experiencias concretas e análises ao redor do tema da crise de supervivencia que, afirman os seus coordinadores, afecta hogano ao xénero humano.

Deste xeito, o presente anuario aborda temas centrais, como o decrecemento, o cénit do petróleo, os agrocombustíbeis, o sistema alimentario mundial, a nova ofensiva pronuclear e o consumo consciente, amais de achegar casos concretos, como o que foi o primeiro Foro Social Catalán, as loitas polo dereito ao aborto ou o Plan Boloña.

Remata cun interesante ensaio en profundidade de Enric Tello sobre a crise, ou as crises do noso tempo, no que amais de analizar polo miúdo o panorama de crises múltiples que se estende polo planeta, achega un programa mínimo de cambio global apostando por un novo socialismo ecolóxico do século XXI unido á cultura da non violencia e á valoración do coidado dos demais.


Carlos Fernández Liria e Clara Serrano García

EL PLAN BOLONIA

Catarata: Madrid, 2009

 "Este libro trata de lo que se esconde detrás de tanta confusión: la destrucción de la Universidad Pública Europea. Se trata de un proceso que intenta mercantilizar la Universidad y ponerla al servicio del mundo empresarial" (p. 9). Así, de forma directa e clara, Carlos Fernández Liria, profesor de filosofía da UCM, e Clara Serrano García, licenciada en filosofía e anticapitalista, inician o seu libro sobre o Plan Boloña.

Ao longo de tres capítulos, "Mentiras, chantajes y propaganda" (pp. 11-32), "una universidad basura para un mercado laboral basura" (pp. 33-75) e "el mito del "aprender a aprender" (pp. 76-88), os autores analizan como os axentes neoliberais, a través da OMC e o Acordo Xeral de Comercio de Servizos (AXCS), foron quen, coa connivencia dos que (des)fan Europa, de situar á Universidade na visión mercantil e empresarial. Os autores desmontan un por un os argumentos dos proboloñistas, mesmo empregando documentos das axencias encargadas de levar a cabo a súa implantación (ANECA) en España.

A estrutura dos novos estudos universitarios está orientada para crear un enorme exército de "graduados" destinados a un mercado laboral precario, inestable e mal remunerado. Os mellores posgrados serán para aqueles que máis diñeiro teñan. Denunciando a intervención dos grupos mediáticos que silenciaron todos os actos contrarios a Boloña, os autores rematan afirmando que "estamos perdiendo (...) la libertad de la ciencia y el derecho de acceder a ella" (p. 95). De forma subliminal diríamoslle a todas as familias: "abride os ollos", este é o futuro, "que ides facer agora?"

Reseña: Xavier Ron

Xavier Montagut · Esther Vivas

DEL CAMPO AL PLATO. Los circuitos de producción y distribución de alimentos

Icaria, 2009

 Hoxe, o sistema de produción, distribución e consumo de alimentos, ao longo de toda a súa cadea do campo ao prato, está sometido a unha alta concentración empresarial, enraizado nunha lóxica capitalista, que antepón os intereses económicos das multinacionais do sector ás nosas necesidades alimentarias e ao respecto ao medio. Bens como a auga, as sementes, a terra? foron privatizados e convertidos en moeda de cambio á mercede do mellor ofertante.

Con este libro, Xavier Montagut e Esther Vivas queren mostrar a cara oculta deste sistema agroalimentario: os seus actores, impactos, as causas da crise alimentaria e sinalar as alternativas expostas desde distintos movementos sociais. Para iso, achéganse entrevistas con activistas, labregos e investigadores de medio mundo, dende a R.D. do Congo a Indonesia, Ecuador, México, India, Xapón ou Francia, quen nos relatan as consecuencias das políticas neoliberais, así como a súa loita a favor da soberanía alimentaria, o comercio xusto e o consumo crítico. Na primeira parte do libro, Esther debulla o sistema agroalimentario mundial e as alternativas, mentres que no último, Xavier expón as accións necesarias para camiñar cara a un outro comercio.

Xavier Montagut é presidente da Xarxa de Consum Solidari e coautor de Alimentos globalizados (Icaria editorial, 2006). Esther Vivas é coordinadora da área de sensibilización da Xarxa de Consum Solidari e autora de En pé contra a débeda externa (El Viejo Topo, 2008). Ambos os dous coordinaron anteriormente os libros Supermercados, non grazas (Icaria, 2007) e Onde vai o comercio xusto? (Icaria, 2006).


Pascual Serrano

DESINFORMACIÓN. Cómo los medios ocultan el mundo

Ediciones Península, 2009

 O colaborador de Altermundo e fundador de Rebelion.org, Pascual Serrano, debulla durante máis de 600 páxinas o funcionamento dos grandes medios de comunicación, para facernos comprender que a desinformación na que vivimos e tanta como a sobreinformación á que nos someten. O que cremos que está a acontecer no mundo é só unha falsa composición ao servizo duns intereses que van, aos poucos, conformando a opinión pública á mantenta. A obra, asemade, propón no seu último capítulo –Que facer?– técnicas e xeitos de lectura para fomentar unha nova actitude, o máis independente posíbel, perante a información e promover así unha cidadanía resistente á manipulación.

Con prólogo de Ignacio Ramonet e unha fabulosa introdución, na que Pascual explica como é que funciona o modelo de comunicación no planeta, o libro detalla centos de casos, ordenados por continenentes, que demostran que o que nos contan dista moito de ser unha información obxectiva e moito menos veraz. Segundo Pascual, a maioría dos cidadáns considera que, logo de ler a prensa ou ver os telexornais, está informada da actualidade internacional. Con todo, a realidade dista moito de ser a imaxe unívoca ofrecida polos medios. Xa que logo, este libro percorre os principais acontecementos dos últimos anos mostrando –tamén mediante entrevistas con expertos, bibliografía especializada e consulta de medios alternativos– que o sucedido non é o que reflectiron os grandes medios.

Como creador dun dos medios alternativos máis lidos de internet, Serrano incide tamén en como esta canle abriu o espectro informativo para acubillar aos disidentes e críticos.


Boaventura de Sousa Santos

RENOVAR A TEORIA CRÍTICA E REINVENTAR A EMANCIPACIÓN SOCIAL

Boitempo, 2009

 Edición de xaneiro de 2009, feita para o pasado Foro Social Mundial.

Reúne os esforzos do sociólogo portugués para repensar a teoría crítica diante dos desafíos e da diversidade do mundo contemporáneo. Particularmente, a partir da rica experiencia de Boaventura como coordinador de proxectos de investigación ao redor do mundo e participante e organizador do Fórum Social Mundial.

Unha reflexión para combater a “razón indolente”, como Boaventura chama ás formas acomodadas de pensamento. Unha busca pola superación de problemas e contradicións da modernidade nun mundo multicultural, sen caer no baleiro niilista do postmodernismo. Se para Boaventura é imposíbel crear unha “teoría xeral” que dea conta da diversidade do mundo, é necesario buscar procesos de “tradución” entre distintos sistemas e culturas que busquen a construción dun outro mundo posíbel. Entender e conciliar distintas loitas de oprimidos, sexa o proletariado, sexan cuestións de xénero, étnicas ou relixiosas.

O libro naceu de tres conferencias dadas polo profesor na Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires en abril 2005. Cada unha delas converteuse nun capítulo do libro, que tamén achega a riqueza dos debates que seguiron ás súas exposicións.

A necesidade de se reinventar conceptos como a emancipación social, repensar a teoría da socioloxía a partir da periferia, afrontar a lóxica do capital, recoñecer e dialogar cos saberes de fóra da universidade, a crise dos conceptos tanto de revolución como de reformismo, MST, Lula, imperialismo e Hugo Chávez enchen as súas páxinas e son tratadas de maneira orixinal polo profesor Boaventura.


Subcomandante Marcos e Paco Ignacio Taibo II

MUERTOS INCÓMODOS

Destino, 2005

 Polo seu interese recuperamos esta obra, enmarcada no xénero policial e escrita, segundo palabras do subcomandante Marcos, a catro mans, pois os capítulos impares foron redactados polo comandante insurxente e os pares por Paco Ignacio Taibo II, cada un reaccionando ao que enviaba o outro e sen falar nin encontrarse entre eles durante todo o proceso. Foi publicado primeiramente por entregas no diario mexicano La Jornada antes de mudar en libro.

Foi Marcos que propuxo o formato de traballo a Paco Ignacio, recoñecido escritor de novela negra e creador da serie protagonizada por Héctor Belascoarán Shayne, amais de ser autor dunha das biografías do Che Guevara máis lidas e celebradas do mundo.

A trama de Muertos incómodos desenvólvese cando unha serie de desconcertantes chamadas, que supostamente veñen dun militante estudantil asasinado en 1971, poñen a Héctor Belascoarán Shayne, detective privado, sobre a pista dun tal Morales, eixe de inumerábeis crimes protagonizados á sombra do Estado mexicano. Á vez, na selva chiapaneca, o investigador zapatista Elías Contreras recibe o encargo de seguir as pegadas de Morales que, segundo papeis que a familia de Manuel Vázquez Montalbán fai chegar ao EZLN, estaba involucrado en misteriosas operacións criminais e nunha estraña relación que vai de Barcelona á Cidade de México, pasando por Chiapas.

A novela, serve á vez para facer un descenso aos infernos do abuso de poder en México e para coñecer o pensar desa alternativa estrutura social das comunidades zapatistas da man dun entrañábel Elías Contreras.


Paul Singer

INTRODUÇÃO À ECONOMIA SOLIDÁRIA

Fundação Perseu Abramo, 2008

 O capitalismo tornouse dominante hai tanto tempo que a nosa tendencia é consideralo como normal ou natural. Vivimos, deste xeito, nunha sociedade na que a competición domina practicamente todas as áreas da actuación humana. No entanto, esta competitividade ten sido criticada por causa dos seus graves efectos sociais. A apoloxía da competitividade dá valor exclusivamente aos vencedores; os perdedores fican na penumbra ou son excluídos. Baixo esta premisa, Paul Singer trata nesta obra dos principios da autoxestión, do cooperativismo –de consumo, de crédito, de produción–, da banca solidaria, dos mercados e troco, fornecendo duns poucos pero claros exemplos que demostran que un outro sistema económico é posíbel.

Malia que se trata dun libro escrito por primeira vez en 2002, o profesor Singer revisouno hai poucos meses para volver ser publicado pola fundación do Partido dos Trabalhadores do Brasil.

Cun breve prólogo nas lapelas asinado por Luiz Inácio Lula da Silva, o profesor da Universidade de São Paulo trata de demostrar neste libro, case manual, que para termos unha sociedade na que predomine a igualdade entre todos os seus membros cómpre que a economía sexa solidaria no canto de competitiva. Así, Singer defende a idea de que ela podería ser unha alternativa superior ao capitalismo por proporcionar ás persoas unha vida mellor, con solidariedade e igualdade.

Paul Singer asumiu a tarefa de implementar, dende xuño de 2003, a Secretaria Nacional de Economia Solidária (SENAES), constituída polo presidente brasieleiro Lula dentro do Ministério do Trabalho e Emprego.


Alicia campos e Miguel Carrillo (eds.)

EL PRECIO OCULTO DE LA TIERRA

impactos económicos, sociales y políticos de las industrias extractivas

Icaria, 2008 (castelán)

 As riquezas minerais, sinónimo durante moito tempo de riqueza e prosperidade para calquera país do mundo, están sendo sinaladas como un dos elementos de inestabilidade política e de crecemento económico desequilibrado máis importantes na actualidade, a medida que aumenta a súa demanda e o seu valor nos mercados mundiais. A cotización actual do ouro, o coltán, o petróleo, o cobre ou o gas xustifican a súa explotación a calquera prezo, alí onde se atopen, e con independencia dos beneficios ou prexuízos das poboacións locais. Esta obra, froito do traballo de varias institucións e expertos en desenvolvemento e dereitos humanos, pretende analizar como a expansión das chamadas industrias extractivas están erosionando a construción de estados democráticos, xerando débeda, desarmando o tecido produtivo básico e atentando contra os dereitos máis básicos de persoas e comunidades, ademais de ocasionar impactos ambientais en moitos casos irreversibles.

'El precio oculto de la Tierra' é o primeiro paso da Plataforma de Seguimento das Industrias Extractivas (www.extractivas.org), colectivo de organizacións e persoas que traballan en diferentes niveis sociais contra os impactos das agresivas actividades extractivas en África e América Latina.

Entre as colaboracións atopamos as de Miguel Ortega, da revista Ecología Política; de Marc Gavaldà, da campaña de afectados por Repsol-YPF (repsolmata.info); do sacerdote peruano Marco Arana ou da galega Aloia Álvarez Feáns, investigadora do Observatorio de Multinacionais en América Latina (www.omal.info) e responsábel da revista Pueblos


Irene Cancelas (coord.)

ESPAÇOS ABERTOS PARA UNHA NOVA CULTURA

Guía de centros sociais da Galiza

A Fenda Editora, 2007

 Xurdido da coordinación de Irene Cancelas e con textos do consello de redacción do Novas de Galiza, un egrexio exemplo de xornal independente onde o social pesa sobre todo o demais, o libro lévanos de viaxe polos centros sociais galegos, exemplares espazos autoxestionados, do máis diverso, onde medran os e as activistas do país, sobre todo mozas e mozos que constrúen boa parte das loitas contra o neoliberalismo, en prol da ecoloxía, da lingua ou do independentismo, pola conservación da cultura tradicional, feministas, antimilitaristas, antifascistas e moitas cousas máis.

A publicación describe 21 centros sociais, dende os máis coñecidos, como o Atreu! da Coruña, A Revolta e A Cova dos Ratos de Vigo, os composteláns O Pichel e A Casa Encantada ou Artábria de Ferrol, aos que ao peche da edición estaban a piques de abrir e que hogano xa son realidades, como o Aturuxo de Boiro e Mádia Leva de Lugo.

Amais de dar conta da biodiversidade de colectivos que neles se reúnen, a cada descrición acompaña unha entrevista con algún parceiro ou algunha parceira do centro social autoxestionado.

Como ben escribiu Carlos Taibo no seu artigo Centros sociais para a descolonização, no que fai cumprida referencia a este libro, "Ainda que uns mais velhos que outros, ainda que uns com notável sucesso nos lugares em que radicam e outros mais marginais, estamos obrigados a concluir que todos estes centros, cientes de que fica muito caminho por recorrer, estão em processo de maduração. Não só devemos prestar-lhes atenção: bem estaria que decidissemos, com vontade crítica e participativa, entregar-lhes também o nosso apoio."


PENSAR EUROPA DENDE O RECUNCHO GALEGO

CAMILO NOGUEIRA PUBLICA DÚAS OBRAS QUE NOS PODEN AXUDAR A ENTENDER A DERIVA CONSERVADORA QUE VIVE A UNIÓN EUROPEA

 Nos últimos tempos estamos a asistir a unha deriva fortemente conservadora e ultraliberal da Unión Europea, velaí está a aprobación polo pleno do Parlamento europeo da Directiva de retorno de inmigrantes de terceiros países residentes no territorio da Unión –tamén coñecida polo seu acertado alcume: a directiva da vergoña– ou a aprobación polos ministros de Traballo da Unión Europea doutra directiva, esta relativa á xornada laboral, que prolongan a 60 horas semanais…

Fronte a esta deriva conservadora e ultraliberal, recollida en diferentes tratados redactados na estela do primeiro Tratado da Unión Europea de 1992, o pobo mostrou o seu máis rotundo rexeitamento en moi diversas ocasións; a última, a pasada fin de semana, cando o pobo irlandés deunos unha lección de clase, votando polo non naqueles barrios obreiros e nos condados rurais máis afectados polo neoliberalismo, do mesmo xeito que hai uns anos o non francés vencera nos territorios nos que hai 30 anos o Partido Comunista gozaba de maiorías absolutas.

Pola súa banda, fronte a ese rexeitamento popular, os representantes políticos da burguesía europea, autora material deses tratados, reaccionaron dándonos unha lección de democracia: “un elemental sentido común dita que o progreso dun colectivo de case quiñentos millóns de persoas non pode ser paralizado pola opinión adversa do un por cento dos seus integrantes, por moi respectable que sexa”, polo que seguirán artellando mecanismos cos que silenciar a voz da cidadanía crítica.

Agora ben, alén do non –que á marxe de ser defendido pola esquerda anticapitalista e alternativa, tamén foi defendido pola extrema dereita europea, antieuropeísta, nacionalista e xenófoba–, cómpre recoñecer que a unidade europea debe ser un obxectivo prioritario da esquerda europea, entre outras razóns por aquela que nos legaron Marx e Engels no Manifesto comunista de 1848, pola unidade do proletariado e a alianza dos pobos libres, tan ben resumida no lema Proletarios de todos os países, unídevos!

Neste sentido, para entender o proceso de construción europea e a actual crise constitucional, Camilo Nogueira vén de publicar dúas obras complementarias: Europa, o continente pensado (Galaxia, 2008. I.S.B.N. 978-84-9865-090-7) e Galiza na Unión. A porta atlántica (Galaxia, 2008. I.S.B.N 978-84-9865-063-1) –no que analiza as consecuencias da entrada de Galiza no espazo económico e político europeo–, coas que achega reflexións abondas para pensar Europa dende Galiza.

Reseña: Alfredo Iglesias Diéguez

CCIODH

CHIAPAS, OAXACA E ATENCO

Informe da situación dos Dereitos Humanos. Visita 2008.

CCIODH, 2008

 A Comisión Civil Internacional de Observación polos Dereitos Humanos (CCIODH) formouse a partir da sensibilidade e preocupación existente na sociedade civil mundial pola nova escalada de violencia de carácter militar e paramilitar que experimentou Chiapas durante o ano 1997 e que tivo a súa máxima expresión no masacre de Acteal (22 de Decembro de 1997) na que foron asasinadas 45 persoas: 15 nenos, 21 mulleres e 9 homes pertencentes á organización civil Las Abejas.

O 4 de decembro, semanas antes do masacre, o Parlamento Europeo emitiu un informe positivo en materia de Dereitos Humanos en México. Este visto e prace, era unha das cláusulas indispensables para dar luz verde á firma do Tratado de Libre Comercio México-Unión Europea. Mais o ditame causou tamén indignación á sociedade civil nacional e internacional, posto que non se correspondía coa gravidade da situación que se estaba dando e denunciando desde as montañas de Chiapas.

Dende aquela, a CCIODH fixo seis exhaustivas visitas de observación e documentación a México, nas que por medio de entrevistas principalmente, recollen a situación dos Dereitos Humanos na rexión e a transmiten ao mundo. Dez anos despois na matanza de Acteal aparece pois un novo informe, feito logo da visita á rexión de 50 persoas de 9 países que realizaron 275 entrevistas a un total de 612 persoas e que conta ademáis cunha moi boa descrición histórica dos conflitos de Chiapas, Oaxaca e Atenco. O informe, de 482 páxinas, vai tamén acompañado dun documental e está dispoñíbel de balde en formato electrónico en: cciodh.pangea.org.


Eduardo Galeano

ESPEJOS

Una historia casi universal

Siglo XXI, 2006
I.S.B.N.: 978-84-323-1314-1

 No seu primeiro libro tras catro anos, Galeano analiza a historia da humanidade dende as súas orixes ata hoxe, e faino dende a óptica dos feitos e das persoas menos coñecidas, dos que non figuran nos xornais nin saen nas fotos.

Para o autor de Espejos. Una historia casi universal: “A historia é un paradoxo andante. A contradición móvelle as pernas. Quizais por iso os seus silencios din máis que as súas palabras e con frecuencia as súas palabras revelan, mentindo, a verdade”. Pide perdón de antemán polo atrevemento, e parafraseando a Oscar Wilde con “Eu podo resistir todo, menos a tentación”, confesa que sucumbiu ao desexo de contar algúns episodios da aventura humana no mundo, e advirte que o fai “dende o punto de vista dos que non saíron na foto”.

No libro mestúranse relatos que nos levan dende as Cavernas, ao Nilo pasando pola Fundación del machismo, por Mahoma, pola Resurrección de Jesús, por Las edades de Juana la Loca, por El papá de las marionetas, polos Abanicos, por Bolivia que la borraron del mapa, polas Mans callosas, pola Resurrección de Zapata, por La educación en tiempos de Franco, por Barbie va a la guerra, por Los derechos civiles en el fútbol, polas Guerras mentirosas ou polo Peligro en la tierra, entre outros temas.

É un inventario xeral do mundo que aparece iluminado por este escritor capaz de enlazar o cotián, o poderoso, a denuncia, co máis sinxelo, co humor ou coa máis exquisita ironía. Un todo a coherencia do cal non son os séculos, nin os grandes acontecementos, senón a mirada lúcida e única que sobre eles ten Eduardo Galeano.

Reseña: Club Internacional de Prensa

Esther Vivas

EN PIE CONTRA LA DEUDA EXTERNA
Campañas, demandas e impactos del movimiento contra el endeudamiento del Sur

El viejo topo, 2008
I.S.B.N.: 978-84-96831-61-2

O movemento contra a débeda externa foi un dos actores de protesta máis importantes contra a globalización neoliberal dende mediados da década de 1980 até os nosos días. Un movemento artellado do Sur ao Norte que puxo no centro da axenda política a cuestión do endebedamento dos países do Sur e as súas consecuencias nas poboacións destes países. Un movemento amplo e plural que foi clave no impulso e o fortalecemento do movemento altermundialista contra o neoliberalismo. Neste libro analízanse os principais actores a nivel internacional e no Estado español: os seus antecedentes, as súas demandas, as accións levadas a cabo, o desafío ás institucións internacionais e os seus vínculos co movemento altermundialista, para acabar sinalando os seus impactos políticos e sociais e as perspectivas de futuro que enfronta.

Activista, ensaísta, Esther Vivas é militante do movemento alterglobalizador e investigadora do IGOP–Universitat Autónoma de Barcelona, ademais de membro do consello de redacción da revista Viento Sur. Despois de escribir ¿Adónde va el comercio justo? Modelos y experiencias (Icaria, 2006) e Supermercados, non grazas (Icaria, 2007) preséntanos este exhaustivo repaso a un dos movementos sociais máis influentes das últimas dúas décadas. O libro conta cun prólogo de Éric Toussaint –presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM-Bélxica) e membro do Consello Científico de ATTAC– e mais un epílogo de Gemma Tarafa –do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG).


Varios/as Autores/as

EL FUTURO DEL FORO SOCIAL MUNDIAL
Retos y perspectivas después de Nairobi

Icaria, 2008
I.S.B.N.: 978-84-7426-968

 Só a relación de autores e autoras deste volume é claro indicio do seu interese: Josep Maria Antentas, Olivier Bonfond, Wangui Mbatia, Hassan Indusa, Michael Warschawski, Immanuel Wallerstein, Walden Bello, Esther Vivas, Éric Toussaint, Pierre Rousset e Miguel Romero.

A nova alianza emerxente contra o neoliberalismo maniféstase –de xeito parcial, sen dúbida– no proceso do Foro Social Mundial, que presenta características novas respecto das organizacións internacionais clásicas de esquerda. O FSM está axudando á constitución dun vasto movemento de resistencia internacional que está en plena evolución. Carece dun centro único e é netamente heteroxéneo. Aínda así, non todos os compoñentes da resistencia á globalización capitalista neoliberal participan nel. O movemento zapatista, por exemplo, que nunca até a data formulou críticas ao FMS, non participou neles.

O concepto de estratexia alternativa está nos seus inicios e o vello e clásico debate entre reformistas e revolucionarios non se pechou. Como outros asuntos kantianos, é un debate inextinguíbel. Cal debería ser o obxectivo, cal é a finalidade do FSM: romper co sistema ou, dado o real e minguado amoreamento de forzas existentes, melloralo e conseguir que se apliquen verdadeiramente mecanismos de regulamento que nos acheguen a un capitalismo con rostro parcialmente humanizado? O outro, esoutro mundo posíbel e necesario, viranos dado ou xa sería aquel "mundo máis humano" o outro mundo desexado?

De todo iso, da historia, evolución e futuro do FSM fálannos nos traballos recolleitos neste novo volume de Icaria.

Reseña de: Salvador López Arnal

Vladimir Carrillo y Tom Kucharz

COLOMBIA: TERRORISMO DE ESTADO

Testimonios de la guerra sucia contra los movimientos populares

Icaria, 2006
I.S.B.N.: 84-7426-906-7

 A poboación colombiana vive unha dramática situación humanitaria marcada pola violencia política, o desprazamento forzado e masivo, a implicación das Forzas Armadas e as Forzas da Orde Pública en crimes, a paramilitarización do país e un estado de impunidade amparado polas máis altas institucións políticas e xurídicas.

A historia de Colombia é unha historia de violencia, e aínda que as súas causas son complexas, non son confusas. A diferenza doutros casos de violencia xeneralizada, en Colombia o conflito armado interno de longa duración preséntase no marco dun sistema político de democracia representativa. "No medio dunha ‘democracia’, puideron facer cousas peores que nunha ditadura", explica Aída Abella. Neste libro faise unha presentación das estruturas, soterradas ou legais, que utilizou o Estado colombiano na xestación de métodos de terror e "guerra sucia" contra numerosos sectores sociais e políticos. Expóñense casos paradigmáticos de crimes de lesa humanidade, como o xenocidio contra o movemento político de oposición Unión Patriótica (UP) ou a represión contra o Sindicato da Unión Sindical Obreira da Industria do Petróleo (USO).

Neste libro falan as vítimas do Terrorismo de Estado. Quere ser unha pequena achega á loita contra a impunidade, testemuño da memoria esquecida, silenciada e soterrada nas fosas da guerra sucia. Mais tamén un chamamento ao Goberno español e á Unión Europea para que revisen as súas políticas exteriores con Colombia e as súas relacións co actual presidente, Álvaro Uribe Vélez.


Carlos Estévez e Carlos Taibo (eds.)

VOCES CONTRA LA GLOBALIZACIÓN

Crítica, 2008
I.S.B.N.: 84-8432-972-0

 Nun planeta no que a especulación e os fluxos financeiros asolagan todo, os paraísos fiscais áchanse a pleno rendemento e os cartos criminais circulan libremente, algúns pensan que se pode vivir á conta da morte de millóns de persoas, ben sexa por fame, por falta de auga ou pola violencia que desatan as grandes empresas do armamento e do petróleo. Tamén hai quen cre que o desenvolvemento dos países ricos xustifica a perda da biodiversidade e o quecemento global que sofre a Terra.

Está a medrar, ao tempo, unha xeración formada por millóns de mozos cheos de rabia e sen futuro. É necesario procurar unha solución que non sexan as metralletas e os aramados.

Estas son as voces de Vittorio Agnoletto, Jean Ziegler ou Manu Chao, que xunto ás de Eduardo Galeano, Ignacio Ramonet, Thomas Lovejoy, Jaime Botey, Jeremy Rifkin, François Houtart, José Saramago, Amy Goodman, Federico Mayor, Miguel Delibes, Sami Nair, Susan George, Ramón Fernández Durán, José Vidal Beneyto, Fatema Mernissi, Giovanni Sartori, José Bové e Adolfo Pérez Esquivel pregúntanse: Quen goberna o mundo? Cal é o poder real dos gobernantes dos nosos países? Que é a globalización? Cal é o noso futuro?

Estamos perante o resultado da conversión en libro dos materiais que conformaron a serie documental de Carlos Estévez “Voces contra a globalización”, cuio núcleo central é a transcrición dunha vintena de entrevistas e que remata cun epílogo de Carlos Taibo de clarificador título: Outro mundo, peor, é probábel.


Liliana Suárez-Navaz, Raquel Maciá Pareja e Ángela Moreno García (eds.)

LA LUCHA DE LOS SIN PAPELES Y LA EXTENSIÓN DE LA CIUDADANÍA
Perspectivas críticas desde Europa y Estados Unidos

Traficantes de Sueños, 2007

 O 18 de marzo de 1996 un grupo de sen papeis ocupou a igrexa de Saint-Bernard, situada nun barrio popular de París; anos despois, o 20 de xaneiro de 2001, outro grupo de sen papeis, esta vez en Barcelona, ocupou, co beneplácito do párroco, a igrexa de Santa María del Pi. Así, mediante estas e outras accións, que se prolongaron en moitos casos ao longo do tempo, os e as inmigrantes sen papeis visualizaron a súa presenza, saíron da súa exclusión e marxinalidade.

Agora ben, que é o que puxo de manifesto esas accións? Un feito escandaloso nas nosas sociedades, supostamente democráticas: a profunda contradición entre os intereses do capital, que prefire inmigrantes sen regularizar para manter precarizado o mercado laboral, e as aspiracións democráticas dese colectivo, cada vez máis numeroso e  excluído socialmente, que esixe a extensión da cidadanía, sen limitacións, á totalidade dos e das residentes e dos e das traballadoras inmigrantes.

Neste sentido, como se pon de manifesto nos distintos traballos agrupados por Liliana Suárez-Navaz, Raquel Maciá Pareja e Ángela Moreno García no libro La lucha de los sin papeles y la extensión de la ciudadanía: perspectivas críticas desde Europa y Estados Unidos (Traficantes de sueños, 2007), a loita dos sen papeis e das sen papeis converteunos en axentes políticos principais nas nosas sociedades ao reclamaren a extensión do máis que democrático dereito á cidadanía: velaí a necesidade de apoiar as súas loitas.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez

Santiago Alba Rico

CAPITALISMO Y NIHILISMO
Dialéctica del hambre y la mirada

Akal, 2007
ISBN 9788446026167

 Conta o mito que un deus, chamado Cronos polos gregos e Saturno polos romanos, advertido por un oráculo de que sería destronado por un dos seus fillos, do mesmo xeito que el destronara ao seu pai (Urano), decidiu solucionar o problema coméndose a todos os seus fillos a medida que nacesen. Así, mortos os seus fillos, non habería fillo ningún que o puidese destronar; porén, Rea, a muller de Cronos, ocultou o nacemento dun deses fillos, Zeus, quen finalmente acabaría destronando ao seu pai e reinando no Olimpo sobre o resto dos deuses. Cronos, daquela, é un deus insaciable que o devora todo, incluídos os seus propios fillos, para manterse no seu lugar.

O capitalismo é como Cronos, igualmente insaciable; velaí están os milleiros de mortos, por fame e bala, que os sistema precisa diariamente para manter o nivel de consumo (de vida, din) das sociedades opulentas do Norte rico. Non obstante, para nós, os mortais que vivimos baixo a tiranía deste deus, ao que agora chaman libre mercado, resulta moi difícil percibir o carácter violento da economía, o carácter mortífero deste sistema.

Precisamente, para desvelar ese carácter violento, aceptado normalmente por quen vive nesta civilización capitalista, o filósofo Santiago Alba Rico (Madrid, 1960), autor de numerosos ensaios sobre o mundo contemporáneo e guionista do programa de TVE La bola de cristal, recolle en Capitalismo y nihilismo: dialéctica del hambre y la mirada (2007) unha serie de artigos nos que denuncia ese nihilismo espontáneo da percepción nesta orde burguesa.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez

Manolo Pipas

VIAXE AO PAÍS DAS NUBES

As comunidades, o consello indíxena e a outra campaña

Chilacayota, 2006

 Manolo Pipas, brigadista egrexio e cronista dende abaixo, fixo dúas viaxes ao sueste mexicano no último ano e medio, á terra oaxaqueña deses pobos orixinarios, indíxenas de cabeza fría e corazón ardente que se negan a ceder perante o asoballamento do neoliberalismo e do seu propio Estado Federal.

Dos sensíbeis miolos deste vigués de corazón mesoamericano xurdiu a viaxe ao país das nubes, ao país das guarachas e ao país dos chiles, onde o güero Pipas fundiu corpo e espírito con mixes, mixtecos, zapotecos, chatinos e chinantecos, cos fillos e fillas da Nai Terra. E O Pipas viaxou en verso, ou o verso viaxou co Pipas, o mesmo é. Decorou con mestría de trovador galaico, galego pues, dun tempo doutrora quizáis, as entrañas mestas do CIPO –Consello Indíxena Popular de Oaxaca–, cantou coma serea atlántica ás comunidades do millo e atopou e acompañou coma mendigo global e guerrilleiro verbal á Outra Campaña dos zapatistas. Do fogo á palabra. Oaxaca, Chiapas e Atenco. A viaxe do Pipas, aquel que mudou de güero a guaje. Fusión pues.

   Bota a andar
o escarabello chiapaneco
   deslizase
o caracol lacandon
   avanza
o pinguino zapatista
   
   animais de paso lento
i seguro pues.


Viaxe ao país da nubes pódese atopar en diferentes centros sociais autoxestionados de Galiza, como A Cova dos Ratos (Romil, 3 Vigo) ou A Casa Encantada (Betanzos, 35 Compostela).

Reseña de: Manoel Santos


Patricio Sánchez Fernández, Antonio Vaamonde Liste e Xenaro García Suárez

A POBREZA EN GALICIA: UNHA MEDICIÓN A TRAVÉS DO EQUIPAMENTO DOS FOGARES

Sotelo Blanco, 2007
ISBN 978-84-7824-521-5
Prezo: 13 €

 Tradicionalmente, asociamos á pobreza a situacións que normalmente non se identifican en Galicia; porén, malia certos discursos acomodaticios, no noso país existen familias que viven por baixo do limiar da pobreza, tanto nas rúas de Vigo e da Coruña como nas aldeas do interior do país. Velaí están, para quen os queira ver, os datos relativos á distribución da renda procedentes da Enquisa de Condicións de Vida do ano 2005 –a última dispoñible–, que mostran que a pobreza afecta aproximadamente ao 20 % da poboación galega con menos recursos económicos.

Así mesmo, nesa mesma enquisa ofrecíanse outros datos, como os relativos á vivenda; precisamente a partir deses datos, situándose na estela dos desenvolvementos teóricos que definen a pobreza como carencia de necesidades básicas, os profesores da Universidade de Vigo Patricio Sánchez Fernández, Antonio Vaamonde Liste e Xenaro García Suárez, analizaron a pobreza en Galicia en tanto que “dispoñibilidade real de bens que garantan unhas condicións mínimas de vida”, publicando os resultados no libro A pobreza en Galicia: medición a través do equipamento dos fogares (2007).

Así, aplicando unha metodoloxía acorde coas tendencias que se están a desenvolver actualmente nos estudos sobre a pobreza, os autores do traballo chegaron á conclusión de que o 10 % dos fogares galegos son pobres; un dato sensiblemente diferente ao  que se desprende da análise da renda debido a que a metodoloxía empregada en ámbalas dúas investigacións é substancialmente distinta.

Resulta evidente, á luz desa diferenza, que os resultados dependen da definición de pobreza coa que se traballe; non obstante, alén das diferenzas, se o obxectivo final é a efectiva erradicación da pobreza, cumpriría, ademais, analizar a súa xénese, vinculada á propiedade privada dos medios de produción, e relacionala coa riqueza. Non en van, en Galicia, como en todo o mundo, os datos sobre a pobreza mostran unha polarización entre ricos e pobres, sobre todo se temos en conta que eses datos reflicten unha tendencia iniciada xa hai anos. Velaí a razón pola que para erradicar a pobreza non só abonda coa vontade política de loitar contra a pobreza, cómpre a vontade política de transformar a sociedade radicalmente.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez


Rafael Carrasco, Miguel Jara e Joaquín Vidal

CONSPIRACIONES TÓXICAS

Como atentan contra nuestra salud y el medio ambiente los grupos empresariales
mr-ediciones, 2007
ISBN 978-84-270-3363-4

 O accidente do Prestige, que provocou unha das maiores catástrofes que asolaron Galicia, puido terse evitado de ter existido unha lexislación que tivese como obxectivo prioritario á defensa da natureza; unha sensibilidade ecolóxica que, por outra banda, tería como obxectivos prioritarios a loita eficaz contra os incendios, contra a contaminación ambiental, contra o feísmo arquitectónico e o caos urbanístico e a defensa dos espazos naturais que se conservaron intactos ao longo dos séculos. Agora ben, ¿cal é a razón pola que a cidadanía se atopa tan claramente indefensa fronte a esas prácticas tan destrutivas co medio ambiente e tan prexudiciais para a nosa saúde?

A razón, segundo explican Rafael Carrasco, Miguel Jara e Joaquín Vidal no libro Conspiraciones tóxicas: cómo atentan contra nuestra salud y el medio ambiente los grupos empresariales (2007), reside fundamentalmente no feito de que a política medioambiental está moi influenciada por lobbies que teñen unha gran capacidade para presionar sobre os nosos representantes políticos e sobre os axentes que teñen capacidade para influír neses mesmos representantes.

Un libro que debe ler xunto a estoutro libro: Traficantes de salud: cómo nos venden medicamentos peligrosos y juegan con la enfermedad (Icaria, 2007), tamén de Miguel Jara, no que nos mostra de que xeito os intereses económicos dun feixe de grandes corporacións farmacéuticas se antepoñen a nosa saúde.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez


Karl Heinz Roth

EL ESTADO DEL MUNDO: CONTRAPERSPECTIVAS

Traficantes de Sueños, 2007
ISBN: 978-84-96453-20-0
Idioma: español | Prezo: 15 €

 Fronte a revolta social que se estendía polo mundo a finais dos anos sesenta, as clases dominantes, temerosas de perder o poder, provocaron artificialmente a crise de 1971-1973. Ao abeiro desa crise, que se prolongaría até finais da década dos setenta, as clases posuidoras da tríade occidental (Estados Unidos, Xapón e Europa), iniciaron unha contraofensiva neoliberal, que supuxo unha profunda transformación do sistema capitalista mundial, que había de ter drásticas consecuencias para o conxunto das clases explotadas do mundo.

As consecuencias desta reestruturación do sistema capitalista para a clase traballadora son ben coñecidas por todos: fragmentación da clase traballadora, desintegración dos mercados de traballo regulados por unha política contractual, privatización dos servizos sociais e públicos…; así mesmo, para a clase dominante a consecuencia é completamente diferente: maximización dos beneficios.

Agora ben, esta reestruturación provocou a marxinación e exclusión social de milleiros de persoas que se suman aos explotados do sistema capitalista tradicional; daquela, a tarefa que propón o militante da autonomía obreira alemana, Karl Heinz Roth, no seu último ensaio, El estado del mundo: contraperspectivas (2007), é a transformación da multitude explotada, que agrupa tanto a técnicos industriais das metrópoles como a escravas sexuais das periferias ou mesmo campesiños empobrecidos, nunha clase obreira mundial capaz de transformar o sistema capitalista actual nunha dirección socialista. 

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez


Eric Toussaint 

BANCO MUNDIAL: GOLPE DE ESTADO PERMANENTE

El Viejo Topo, 2006
ISBN: 978-84-96356-96-2

 En 1941, por medio da Carta do Atlántico, o Reino Unido, que até ese momento era unha das principais potencias imperiais, recoñecía o dereito á autodeterminación dos pobos; poucas anos despois, en 1947, esa mesma potencia recoñecía a independencia da India británica, iniciándose así un proceso de descolonización que, anos despois, culminaría coa liquidación de todos os imperios coloniais construídos no século XIX.

Paralelamente, en 1944, delegados de 44 países acordaron, no transcurso dunha conferencia celebrada en Bretton Woods, a creación do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional, dúas institucións que entraron en funcionamento en 1946. Xa en 1947, os delegados da Unión Soviética renunciaron a asinar os acordos finais da conferencia de Bretton Woods e denunciaron ao Banco Mundial como unha institución “ao servizo dos intereses de Wall Street”.

Efectivamente, dende o mesmo momento da súa fundación, o Banco Mundial, como sinala Eric Toussaint no seu libro Banco Mundial: el golpe de estado permanente (2006) ten como obxectivo principal garantir o mantemento do liderado dos Estados Unidos a escala mundial, o que conseguiron seguindo dúas estratexias paralelas: garantir a dependencia económica das nacións que ía conquistando a súa independencia política das metrópoles europeas, para o que foi preciso transferir a débeda que as metrópoles contraeran para explotar os recursos e os pobos das colonias ás novas nacións independentes, e apoiar golpes de Estado cando perigasen os intereses dos EEUU, caso de Chile en 1973.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez


Slavoj Zizek

EN DEFENSA DE LA TOLERANCIA

Seguitur, 2007
150 x 210 mm.
Páxinas: 128
I.S.B.N.: 978-84-95363-30-5

 Resulta máis que evidente que nos últimos anos xurdiron un conxunto de feitos ben diferentes que cómpre explicar como produto dunha mesma sociedade: a da chamada, con acerto ou sen el, globalización capitalista.  Algúns destes feitos son, por por poñer uns exemplos, as maquiladoras centroamericanas, que realizan xeiras extenuantes para gañar un mísero soldo e os técnicos que traballan durante xeiras ilimitadas porque lles apaixona o traballo que realizan; o feito de que a maioría da poboación, a que chega con dificuldades a final de mes, acepte sen ningún espírito crítico os discursos macroeconómicos oficiais, aqueles que insisten na bonanza da economía, cando o certo é que para eles a economía vai moi pero que moi mal; o incremento das máis variadas prácticas esotéricas, que van dende o consultorio astrolóxico até a realización de cultos satánicos; o incremento das organizacións inspiradas nas ideoloxías nazi e fascista; a difusión dun novo discurso tolerante e multicultural que mantén a exclusión e marxinación das minorías...

Buscar unha explicación ao mecanismo que garante a feliz explotación dos técnicos europeos ou o recurso á astroloxía para satisfacer as crecentes intranquilidades deste mundo no que xa non hai certezas, é a tarefa a que se dedica o lúcido filósofo esloveno Slavoj Zizek no seu último libro En defensa de la intolerancia (Sequitur, 2007), unha obra na que realiza unha crítica profunda do liberalismo tolerante e multicultural, que non é outra cousa que a ideoloxía do actual capitalismo global.

Reseña de: Alfredo Iglesias Diéguez

Altermundo
Sobre o autor ou autora:
Artigo inserido ou creado por Altermundo.org
Ler máis >>
 
< Ant.   Seg. >