Autor/a

Creado en 1991, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é unha entidade independente e sen fins de lucro que ten por obxecto principal a investigación dos problemas internacionais e a activación de estratexias que favorezan unha maior proxección de Galicia no mundo en tódolos dominios.

banner_consello_peq

Categorías

Cumio de ‘Río +20’: a hora do Desenvolvemento Sostible?
Cumio de ‘Río +20’: a hora do Desenvolvemento Sostible?

Dúas décadas despois do primeiro Gran Cumio da Terra celebrado en Río de Janeiro en 1992, a cidade brasileira acollerá do 20 ao 22 de xuño a Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible, mais coñecida como Cumio de “Río+20”. Coa anunciada presenza de máis de 170 xefes de Estado, de Goberno e representantes diplomáticos, este cumio terá dous eixes principais de discusión: o primeiro, enmarcado na iniciativa da “economía verde” que implica o desenvolvemento sostible e a erradicación da pobreza; e o segundo, a potenciación dun marco institucional adecuado para alcanzar o desenvolvemento sostible.

En paralelo a este cumio celebrarase entre o 15 e 23 de xuño o Cumio dos Pobos que reunirá a diversos movementos sociais e ecoloxistas a través dunha axenda política alternativa, sumamente crítica coa axenda oficial do cumio Río+20 debido á preponderancia dos intereses dos países desenvolvidos. Estas críticas oriéntanse cara a consolidación do modelo de “economía verde”, a través do cuestionado “Documento Zero” aprobado pola ONU e que ratifica os compromisos asumidos durante o cumio de 1992. En contraposición, o Cumio dos Pobos centrará a súa atención na potenciación dun modelo de desenvolvemento “biocéntrico” que implique o recoñecemento oficial dos dereitos da Natureza, da erradicación da pobreza e da seguridade alimentaria.

Con notables ausencias de líderes mundiais como Barack Obama e Ánxela Merkel, o cumio de Río+20 vese constantemente condicionado polo impacto da crise económica mundial e os escasos avances rexistrados nas últimas dúas décadas en materia de desenvolvemento sostible, un factor que evidencia certa sensación global de pesimismo sobre os avances que poida ofrecer esta xuntanza mundial. Esta perspectiva deriva igualmente nunha marcada polarización de posicións Norte-Sur: os países ricos e desenvolvidos defenderán un modelo de “economía verde” cuestionado polo peso de intereses mercantís e empresariais en materia sanitaria e ambiental, mentres os países “do Sur” aspiran a asentar un modelo de desenvolvemento sostible que implique unha maior conciencia ecolóxica e de amplitude democrática.

Ao mesmo tempo, o cumio de Río+20 servirá para que , o país anfitrión, pulse a súa capacidade de influencia como actor emerxente nos foros internacionais e como defensor dun modelo alternativo de crecemento e de desenvolvemento. Esta perspectiva veríase traducida nunha maior conciencia a propósito dos factores sociais e ambientais na última década de gobernos progresistas, dende o ex presidente Lula da Silva ata a actual mandataria Dilma Roussef.

De 1992 a 2012: Avances ou retrocesos?

Vinte anos despois do célebre Cumio da Terra celebrado en Río de Janeiro en 1992, a discusión sobre a vixencia e o alcance do modelo de desenvolvemento sostible renovará a súa atención coa próxima celebración do Cumio de Río+20, esta vez marcado polos efectos dunha crise global de enormes proporcións socioeconómicas.

A entón imperante visión da globalización neoliberal que rodeou o cumio de 1992  vese actualmente contrastada polo ascenso a nivel global dunha maior conciencia de carácter ambiental, determinada pola escaseza de recursos e a persistencia de graves fracturas e desigualdades socioeconómicas. Neste sentido, saliéntase o peso dos movementos sociais e dunha sociedade civil con cada vez maior amplitude global, como axentes de vertebración das alternativas e postulados emanados dun modelo de desenvolvemento sostible mais equitativo no reparto dos recursos económicos e na defensa dos dereitos ambientais.

Por tanto, a contraposición de modelos será o eixe de definición do próximo cumio de Río+20, identificado no encontro “oficial” emanado da Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible e, paralelamente, da celebración do Cumio dos Pobos precisamente nun país como Brasil, referente a nivel mundial dos movementos ecoloxistas, altermundialistas e antiglobalización definidos nos últimos anos en torno ao Foro de Porto Alegre. Ambos eventos expresarán un pulso substantivo á hora de discutir e eventualmente adoptar un novo modelo de desenvolvemento sostible, mais crible e alternativo.

Segundo un recente estudo da Organización Mundial de Alimentos (FAO, polas súas siglas en inglés) titulado “Cara o futuro que queremos: erradicación da fame e transición cara sistemas agrícolas e alimentarios sostibles”1,nas derradeiras décadas houbo avances na produción de alimentos pero “aínda existen centos de millóns de persoas que pasan fame porque carecen dos medios para producir ou comprar comida”.

Tal e como argumenta nese informe o propio director xeral da FAO, o brasileiro José Graziano da Silva, a agricultura e a produción de alimentos consumen unha gran cantidade de recursos naturais, así como máis do 30% da enerxía mundial, mentres que os cultivos e o gando utilizan o 70% da auga que se extrae. Estímase que tres de cada catro persoas pobres viven en áreas rurais e subsisten grazas á agricultura, mentres que o 40% das áreas degradadas están nas rexións mais pobres. Seguindo coa FAO, considérase que aproximadamente 18 millóns de persoas na África subsahariana corren risco de sufrir inseguridade alimentaria e desnutrición.

A polarización Norte-Sur

Esta contraposición de visións sobre modelos de desenvolvemento definirá a evolución do cumio Río+20. Dunha banda teremos a visión preponderante das potencias económicas por asentar o modelo da “economía verde” erixido baixo postulados básicos como a xeración de enerxía limpa, a agricultura sostible ou o ecoturismo, que permita a concreción de “empregos verdes”, un aspecto sumamente cuestionado polos países do Sur, argumentando que agocha intereses de carácter mercantilista.

Neste sentido, a ONG Greenpeace denunciou recentemente que países como EUA, Rusia, Canadá, Xapón, Noruega e Islandia bloquean a iniciativa de protección da vida mariña nas augas internacionais, en aras de preservar os seus intereses de explotación petroleira ou de patentes farmacolóxicas. En contraposición, países como Brasil, Arxentina, Sudáfrica e a India apoian o inicio de negociacións sobre esta iniciativa2.

Pola súa banda, o Cumio dos Pobos defende a concreción dunha axenda efectiva destinada á erradicación da fame e da desnutrición como elementos inexorablemente ligados ao modelo de desenvolvemento sostible e en consonancia co compromiso asumido mundialmente de cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio en 2015.

A FAO secunda esta visión considerando que a seguridade alimentaria contribúe a construír un modelo de desenvolvemento sostible3, unha posición igualmente compartida por movementos como o brasileiro Vía Campesiña e o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial, que inclúe a gobernos, axencias da ONU, sociedade civil, entidades internacionais e do sector privado que terán un papel fundamental neste Cumio dos Pobos.

De cara á declaración final do cumio Río+20, a FAO instou a considerar determinados aspectos compartidos cos movementos sociais, tales como a adopción dunha mellor gobernanza nos sistemas de produción agrícola e alimentario así como un estudo exhaustivo sobre quen asumirá a carga financeira do desenvolvemento sostible4, un aspecto relevante no contexto actual de crise económica. A propia FAO xa declarou oficialmente que Río+20 será a derradeira oportunidade para comezar a solucionar o problema do cambio climático no sistema alimentario.

A pesar da polarización de posicións entre o “Norte” e o “Sur”, non semella observarse unha homoxenización absoluta de postulados dentro dos países ricos. Por citar un exemplo, Canadá rompeu recentemente co consenso establecido entre os países ricos ao aceptar o recoñecemento do acceso á auga e do saneamento como un dereito humano básico5, cando a maioría dos países desenvolvidos non aspiraban a recoller ese dereito no documento final de Río+20.

O estratéxico papel de Brasil

Alén da contraposición de opinións e modelos que determina a polarización Norte-Sur, a maioría dos observadores internacionais estarán pendentes da actuación e do peso que imprima o país anfitrión, Brasil, neste cumio de Río+20.

Simultaneamente a este encontro, a mandataria brasileira Dilma Roussef quixo incorporar unha perspectiva política de xénero ao convocar un cumio paralelo de mulleres xefes de Estado, no que participarán a arxentina Cristina Fernández de Kirchner; a costarricense Laura Chinchilla; a lituana Dalia Grybauskaite; a liberiana Ellen Johnson-Sirleaf, a primeira muller en converterse en presidenta dun país africano a través de eleccións democráticas; Kamla Persad-Bissessar de Trinidad e Tobago e a danesa Helle Thorning-Schmidt, listaxe que se amplía coa presenza da ex presidenta chilena Michelle Bachelet, actual directora executiva da ONU Mulleres6

Por tanto, un caudal importante das expectativas de éxito de Río+20 estarán centrados na capacidade de Brasil para moderar e equilibrar os contrapesos, a polarización e a contraposición de iniciativas e alternativas emanadas dos países, organizacións e movementos involucrados en ambos cumios. Particularmente relevante será a capacidade de Brasilia para alcanzar acordos e negociacións, en especial con respecto ao Cumio dos Pobos como foro alternativo que preme pola consecución dun novo modelo de desenvolvemento sostible, visiblemente diferente do modelo de “economía verde”.
               
Non obstante, este hipotético papel estelar de Brasil verase levemente opacado polas ausencias chave deste cumio Río+20, entre as que destacan a do presidente estadounidense Barack Obama, da chanceler alemá Ánxela Merkel ou do primeiro ministro británico David Cameron. A diferenza, si asistirán a Río de Janeiro os mandatarios dos países BRIC e IBSA, sendo estes ademais da anfitriona Roussef o presidente ruso Vladimir Putin, o primeiro ministro chinés Wen Jiabao, o surafricano Jacob Zuma e o indio Manmohan Singh, sen esquecer a sempre polémica presenza do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad. Por tanto, os países “ricos” desenvolvidos perden peso político nun cumio no que só contarán coa presenza significativa do recen electo presidente francés François Hollande7.

Aínda que non supón un tema central do cumio Río+20, o aspecto climático terá un peso político considerable. Brasil alberga a maior parte da reserva ambiental amazónica aínda que tamén é o país emisor de aproximadamente o 4% dos gases invernadoiros a nivel mundial. Velaí que os gobernos de Lula e Roussef imprimiran unha notable sensibilidade cara o tema climático, dando pasos importantes en medidas para a diminución dos gases invernadoiros.

En maio pasado, Roussef vetou parcialmente un Código Forestal que está provocando unha forte controversia política e social debido a que os movementos ecoloxistas lle esixían que o vetara por completo. A presidenta brasileira vetou a normativa que amparaba con amnistía a terratenentes que non cumpriran coas medidas ambientais pero, ao mesmo tempo, frustrou as peticións dos grupos ecoloxistas ao non vetar a norma que permitirá maiores explotacións agropecuarias na Amazonía8.

Por tanto, un eventual éxito do cumio Río+20 servirá para que Brasil consolide a súa ascendente posición global. Caso contrario, este cumio reproducirá a sensación de pesimismo e parálise política á hora de adoptar os compromisos ambientais, tal e como ocorrera anteriormente co Cumio da Terra de 1992 e coa Conferencia de Cambio Climático de Copenhague de 2009.

NOTAS:
2 MARCOS, Pilar, “Rio +20: EEUU está cortando el bacalao”, Greenpeace, Periodismo Humano, 28 de maio de 2012. Ver en: http://greenpeace.periodismohumano.com/2012/05/28/rio-20-eeuu-esta-cortando-el-bacalao/

3 ZACCARO, Sabina, “Sin desarrollo sostenible no hay futuro”, Inter Press Service en español, 31 de maio de 2012. Ver en: http://ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=100867

4 Ibid

5 “Canadá cambia postura sobre al agua de cara a Rio+20”, Inter Press Service en español, 1 de xuño de 2012. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/nota.asp?idnews=100877

6 “Rio+20 terá cúpula de mulheres líderes de governo”, revista Veja (Brasil), 31 de maio de 2012. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/internacional/rio-20-tera-cupula-de-mulheres-lideres-de-governo

7 “Lista de chamada da Rio+20: países em desenvolvimento ganham força na conferência”, revista Veja (Brasil), 18 de maio de 2012. Ver en: http://veja.abril.com.br/noticia/internacional/lista-de-chamada-da-rio-20-paises-em-desenvolvimento-ganham-forca-na-conferencia

8 “Roussef veta parcialmente polémica ley forestal en Brasil”, El Universo (Ecuador), 25 de maio de 2012. Ver en: http://www.eluniverso.com/2012/05/25/1/1361/rousseff-veta-parcialmente-polemica-ley-forestal-brasil.html

Share
 
Courte en longue robe avant, remplissage en couches blanc voile de dentelle, et noir arc taille exagérée entrent en collision les uns avec les autres un nouveau sens de la beauté. Robe De Mariée Ce ne regarde pas des combinaisons particulièrement familières? Anpassade festklänningar webbutik, skräddarsydd för billigt. Style är också särskilt hög. Jag hoppas du gillar, vi tar en titt på de nya 2016 festklänningar festklänningar men också en antydan av modeller bär spets festklänningar känsla Balklänning Robe De Mariée Robe De Mariée Balklänning