0 A democracia, un barco no medio dun océano salvaxe e encrespado, o treboento ultraliberalismo. E diríxeno de forma organizada cara ás rochas. Sabendo que hai opcións nihilistas, queremos impedir que o barco siga ese rumbo, cómpre reparar as fugas e redireccionar a nave á espera de que sexamos quen de navegar nas augas doutro modelo produtivo. Nese impedir está o noso futuro. O problema: liberar o barco do peso que o escora cara á dereita máis extrema.
1 Palabra secuestrada, pensamento dominado. As palabras, manipuladas, non son o que significan en realidade. Eis o que acontece, por exemplo, coa palabra liberdade que se converteu, di Todorov, no nome comercial de partidos políticos de extrema dereita, de nacionalismo segregador, excluínte e xenófobo1.
2 Paradoxo fundacional do grupo de extrema dereita: o ultraliberalismo que impulsa o individualismo extremo en todos os eidos. O individuo xenófobo atopa o seu igual desde parámetros de inclusión segregadores, parámetros de recoñecemento que negan a posibilidade de convivencia co OUTRO, hoxe convertido no ‘inimigo’ inmigrante (connotado etnicamente). O grupo de extrema dereita está vencellado ao capitalismo, emerxe como unha saída á fenda social que instaura o ultraliberalismo.
3 O perigo da extrema dereita repousa en dúas circunstancias, que poden ir vencelladas en función dos países:
- Nos últimos procesos electorais nacionais e nas Europeas do 2009 experimentou un significativo medre. A extrema dereita está no parlamento nacional de 13 países. Nas Europeas de xuño 2009 acadaron votos de dous díxitos en 7 Estados membros (Holanda, Bélxica, Dinamarca, Hungría, Austria, Bulgaria e Italia), e entre un 5 e un 10% noutros 6 (Finlandia, Romenia, Grecia, Francia, Reino Unido e Eslovaquia). Todo nun contexto de desafección, manifesto nas elevadas porcentaxes de abstención. En Hungría o Jobbik acadou nas lexislativas de 2010, un 16,67% para 47 deputados; en Finlandia, nas últimas lexislativas de 2011, os Verdadeiros Fineses de Timo Soini acadaron o 19,1%; nos comicios cantonais de 2011, en Nord-Pas-de-Calais, a Fronte Nacional de Marine Le Pen gañou en 21 dos 38 cantóns e conta cun apoio do 15-20% para as vindeiras presidenciais.
- Pola outra, debido a ese incremento electoral, os partidos de dereita deciden acoller nos seus programas políticos principios propios á extrema dereita, segregadores, excluíntes e xenófobos e, cando gobernan, converten eses principios en factores de desigualdade e discriminación. É a demostración do que Rancière chama racismo frío, o racismo institucional [na UE temos a aberrante Directiva da Vergoña, como proba; as diferentes leis de estranxeiría dos Estados Membros; normas que discriminan (coma en Alemaña onde a contratación diferencia inmigrantes non comunitarios dos demais); a existencia dos CIE’s, espazos-limbo de vulneración de dereitos das persoas migrantes].
4 No que segue describiremos só algúns casos que reflicten moi ben as dúas circunstancias enumeradas anteriormente.
4.1. Países bálticos: Estonia, Letonia, Lituania. Con pleno coñecemento e complicidade dos seus gobernos asistimos nestes países a unha revisión do seu pasado nazi, pero non con propósito de emenda, senón para eloxiar ese pasado. Homenaxes, desfiles coa esvástica de veteranos das Waffen SS, sucédense nestes países, sobre todo en Estonia. O racismo, o culto ás armas e ao militarismo, o desprezo polas minorías, a xenofobia e odio a xudeus e xitanos están cada vez máis presentes2.
4.2. O 13 de marzo de 2012, o Parlamento Europeo interpelaba ao goberno holandés, que conta coa participación do xenófobo Partido da Liberdade (PVV), porque este partido puxera en marcha unha web na que se alenta a delación de persoas inmigrantes procedentes do leste de Europa.
4.3. Patricia Simón infórmanos que o sábado 10 de marzo de 2012 un grupo de 52 congoleños era deportado, sen garantías e con violencia, ao seu país desde Madrid, despois de 6 anos de perigosas viaxes migratorias, pasando por unha miserenta estadía no CETI de Melilla e despois dunha folga de fame reclamando, asilo e un trato digno3. Sinalemos tamén que as redadas racistas son unha constante nos barrios con máis presenza de persoas migrantes en España (significativas as constantes redadas racistas en Lavapiés).
4.4. Sarkozy aproveita electoralmente a persecución ás persoas migrantes. A situación en que viven estas persoas en Nord-Pas-de-Calais é inhumana. Negadas as solicitudes de asilo, agora que se achegan as eleccións presidenciais van a por elas mesmo nos centros de distribución de alimentos, onde reciben alimentos que lles facilitan organizacións non gubernamentais.
4.5. En Grecia, a crise sistémica acelerada polas políticas de intervención da Comisión Europea, favorece a aparición de grupos de ideoloxía neonazi, un deles, Amencer Dourado (Jrysi Avgi), podería acadar representación nas vindeiras eleccións de abril ou maio. Pero, ao igual que acontece no resto dos países europeos, o goberno acolle ese discurso que ataca ao inmigrante como culpable dos males e propón a creación de 30 centros de internamento de inmigrantes ao mesmo tempo que incrementa a presión sobre as persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa.
5 Desentenderse das causas do crecemento dos grupos de extrema dereita significa deixar a democracia en mans dos seus inimigos máis íntimos. En nós está mudar esta realidade. Fagámolo.






Xavier Simón


















