Autor/a

Profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid. Membro do Consello Editorial de Altermundo

banner_consello_peq

Consello Editorial

X. M. Beiras
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Espabilemos! Argumentos dende o 15M
Espabilemos! Argumentos dende o 15M

A idea de que o momento presente, sexa cal for este, é o acaído para repensar a condición do movemento do 15 de maio e dispor o seu futuro leva camiño de se converter nun xenuíno lugar común. Repítese unha e outra vez, de calquera xeito, neste tórrido verán de 2012, cando se dan cita as inercias que, no que fai ao movemento, veñen do pasado e a infinidade de agresións que o propio 15-M padece.

O verán de 2012 é un momento tan apropiado como calquera outro para reflexionar sobre o movemento do 15 de maio. Non me gustaría deixar de lado, con todo, o que se adoita coar de rondón á calor desa demanda de reflexións urxentes que nos acosa por todas partes. Refírome á idea, de cando en cando enunciada con rotunda claridade, de que o movemento non está á altura do que cabería esperar. Confesarei rapidamente que non concordo. Sen ningunha vontade de ocultar as carencias do 15-M, paréceme que os seus activos son moito, moitísimo, máis importantes. Enuncio algúns deles: permitiu forxar unha nova, e orgullosa, identidade contestataria; rescatou discusións que o pensamento único conseguira arrinconar; perfilou ao seu redor un suxestivo espazo que fixo posíbel o reencontro de moitas persoas; conferiu dignidade á asemblea e á directa; deu ás ás iniciativas protagonizadas por outros movementos, e, por se fose pouco, logrou que moitas xentes descubran que poden facer cousas que en aparencia non estaban ao seu alcance.

Creo que non está de máis que formule aquí, brevemente, algunhas das intuicións que, sobre o 15-M, manexei ao longo do último ano. Sinalei en repetidas oportunidades que en orixe no movemento había dúas almas: mentres a primeira configurábana as xentes dos movementos sociais alternativos, a segunda constituíana o que, con escasa fortuna, demos en chamar mozos indignados. Axiña se fixo evidente que na maioría dos lugares producíase unha vivificación mutua desas dúas almas, cuxos perfiles diferenciadores ao pouco deixaron de ser manifestamente claros. Máis aló diso, o abandono das acampadas e o redespregamento do 15-M en forma de asembleas populares en barrios, cidades e pobos perfilou unha composición máis complexa do movemento, coa chegada, en particular, de moitos traballadores asalariados. Penso que en termos xerais ese proceso de diversificación viuse acompañado dunha deriva ideolóxica dabondo estimulante: moitos dos sectores do 15-M que no momento inicial defendían propostas de cariz meramente cidadanista –contestaban en singular algún elemento preciso do sistema que padecemos– transitaron rápida e espontaneamente cara a posicións francamente anticapitalistas –pasaron a contestar o sistema como un todo. De resultas, e por riba, pronto se fixo evidente que esta deriva ideolóxica reclamaba por necesidade o asentamento dunha instancia con franca vocación de permanecer no tempo.

Ao meu entender, e aínda con todo o anterior, no 15-M destas horas perviven dúas percepcións diferentes. A primeira, que mantén conexións obvias co cidadanismo, considera que a prioridade maior do movemento debe consistir en formular propostas na confianza de que antes ou despois serán escoitadas polos nosos gobernantes. A segunda estima, en troques, que o 15-M debe envorcar o groso das súas enerxías na creación de espazos de autonomía en virtude dos cales, sen necesidade de pedir autorizacións, procedamos a aplicar regras do xogo diferentes das que hoxe nos atenazan. Exemplos deses espazos achegaríanos as cooperativas integrais, os grupos de consumo, as ecoaldeas, as incipientes redes de banca ética e social, ou as pulsións autoxestionarias nas empresas. 

Aínda que as dúas percepcións que veño de glosar desenvolven a miúdo relacións fluídas, obrigado parece subliñar que remiten en último termo a proxectos ben distintos: se o primeiro se amosa máis vencellado coa vida política tradicional, e con fórmulas de democracia representativa, o segundo bebe dunha vea libertaria e preconiza o despregamento de mecanismos descentralizados que en boa medida se basean na democracia directa, na desmercantilización e –xa o adiantei– na autoxestión.

Tampouco está fóra de lugar –parece– que subliñe que o movemento arrastra as súas carencias. Non podía ser doutro xeito. A súa presenza no mundo do traballo segue a ser testemuñal, e respecto diso non acabou de clarificar o panorama das súas relacións cos sindicatos, maioritarios ou alternativos; as tarefas pendentes nestes terreos son tanto máis urxentes canto que, por moitos conceptos, a lóxica laboral que se nos impón está recuperando trazos propios de tempos moi afastados. Tampouco se fixo valer con forza o 15-M no campo, e iso que boa parte das demandas que xorden daquel conduce inevitabelmente a un designio de revitalización dunha vida rural hoxe claramente postergada. Hai quen adiviña, en fin, unha posíbel deriva tecnocrática nun movemento que debe moito a novísimas tecnoloxías pero que faría ben en non deixarse atrapar por elas. 

Sexa como for, e máis aló destas discusións, o 15-M debe colocar en primeiro plano tres dimensións decisivas, como son as que se refiren ao xénero –en lembranza consciente e permanente da marxinación, material e simbólica, que padecen as mulleres–, ao medio natural –aí están os dereitos das xeracións vindeiras e, con eles, os das demais especies que nos acompañan no planeta– e aos habitantes dos países do Sur –non vaia ser que reconstruamos os nosos marabillosos Estados do benestar á conta de ratificar atávicas relacións de explotación e exclusión.

A todas, ou a moitas, destas cuestións remiten os textos que se inclúen neste librito colectivo. Como o lector inmediatamente apreciará, acolle dúas ducias de reflexións que se interesan tanto polo 15-M e os seus deberes como polo escenario xeral no que nos movemos. Coido que non me trabuco cando afirmo que todas as materias tratadas son relevantes aínda cando, e por lóxica, falten outras que tamén o son. Os textos expresan moi a miúdo, polo demais, percepcións e sensibilidades distintas, despregadas con opcións terminolóxicas tamén diferentes. Esas percepcións e sensibilidades, máis moderadas ou máis radicais, emprázanse unhas veces –as menos– na liña da formulación de propostas e outras –as máis– na da amentada construción de espazos de autonomía e desmercantilización. Con frecuencia identifican, por riba, carencias evidentes do movemento do 15 de maio, como é o caso das que fan referencia ás mulleres, aos inmigrantes e á nosa actitude ante as diferentes débedas que contraemos cos habitantes do Sur do globo.

Debo chamar a atención, para rematar, sobre a ironía que se revela a través do de Espabilemos!, un título que non deixa de ser un remedo dun tipo de literatura que proliferou, con razoábel éxito, nos últimos tempos. Non parece ousado concluír que o que singulariza a este texto son dous feitos. Se o primeiro nos fala da súa xestación na base do propio movemento do 15 de maio, o segundo identifica unha rotunda vocación de mudar radicalmente, e de novo desde abaixo, este triste mundo no que vivimos.•

Desde e para o 15-M

Os textos de Espabilemos! fálannos dos mozos, as mulleres, os xubilados, a inmigración, o Estado do benestar, a sanidade, a educación, a vivenda, o sindicalismo, a autoxestión, o decrecemento, a enerxía, o gasto militar, os pobos do Sur, a banca ética, as cooperativas integrais, o paro, a vida rural, os medios de comunicación, o municipalismo, as asembleas, a opinión pública, a represión, a cuestión nacional e a protesta global. Expresan distintas percepcións e sensibilidades que unhas veces se orientan á formulación de propostas que deben ser atendidas polos nosos gobernantes e outras á construción de espazos de autonomía e desmercantilización. Por riba de todo, este libro é unha invitación á reflexión e á acción desde os argumentos do 15-M. Coordinado polo profesor e activista Carlos Taibo, o libro achéganos as reflexións de Jeromo Aguado, Mariano Aragonés García, Raúl Asegurado Pérez, Ángel Calle Collado, Jordi Calvo Rufanges, Sonia Campo Macho, Antonio Carretero, Ada Colau, Ángeles Díez Rodríguez, Enric Duran, Iolanda Fresnillo, Javier García Raboso, Yayo Herrero, Ana Jiménez Talavera, Marta Jiménez Carrillo, Sara López Martín, Patricia Manrique, Salvador Martí i Puig, Bibiana Medialdea, Paloma Monleón, Ángeles Ramírez, Raquel Ramírez, Enrique del Río, María Rodríguez Bajo, Manoel Santos, Gemma Ubasart-González, Ana Velázquez Perejón e Raimundo Viejo Viñas.

+INFO: www.catarata.org/libro/mostrar/id/780 ofrece un perfil dos autores e autoras
Editorial: Los libros de la Catarata, 2012 ISBN: 978-84-8319-736-3
Share
TAGS:  ,

3 Comentarios
  1. E velaquí radica “a diferencia entre os indignados e os indignos”, a outra teoría do Beiras a respecto deste movemento. Como el sinalaba nun artigo incluído dentro dunha compilación de ensaios sobre este dende a perspectiva galega, “15M: o Pobo indignado” , os “indignados” o son porque son dignos, teñen unha dignidade que protexer, mentres os indignos non teñen de que indignarse, máis que da súa propia hipocrisía. Beiras soubo manterse indignado dende o principio até o final, e aí radica tamén a forza do seu discurso. Por riba das súas virtudes e defectos, Beiras nunca mentiu. Sempre dixo o que pensaba, mesmo foi demasiado sincero para ser político, esquecendo todas as recomendacións do “márketing político” e do “politicamente correcto”. Por descontado, nunca se enriqueceu polo seu labor público, nin moito menos prevaricou con el, e non está a cobrar nada, como o resto de homes e mulleres do seu partido, por ningunha función executiva ou de calquera tipo dentro de Anova, nin representativa no seo da Alternativa. A xente valora que lle digan a verdade, e valora un proxecto tamén en función da credibilidade persoal dos que a levan a cabo. E nisto entra en xogo o conxunto da militancia e simpatizantes de AGE: Xosé Manuel Beiras é o máis parecido a un político que teñen nas súas filas (e para iso non profesionalizado, na medida en que sempre se dedicou e gañou máis coa súa profesión orixinaria, mestre catedrático, que coa súa acción institucional, e dende hai moito exclusivamente co que lle corresponde da primeira), posto que as candidaturas da coalición a forman homes e mulleres absolutamente do común, a maioría das cales nunca antes se presentaran a unhas eleccións, mais que sentiron a necesidade e a chamada da “urxencia nacional” que estabamos vivindo, e decidiron dar o paso.

  2. Malia que pensei que co paso dos días as augas ían baixar máis amodo, o certo é que non remitiu a discusión relativa a un suposto programa do movemento 15-M que se concretaría en catro puntos: reforma do sistema electoral, loita contra a corrupción, melloras en materia de división de poderes e control sobre os responsábeis políticos.

  3. Malia que pensei que co paso dos días as augas ían baixar máis amodo, o certo é que non remitiu a discusión relativa a un suposto programa do movemento 15-M que se concretaría en catro puntos: reforma do sistema electoral, loita contra a corrupción, melloras en materia de división de poderes e control sobre os responsábeis políticos.

 
Courte en longue robe avant, remplissage en couches blanc voile de dentelle, et noir arc taille exagérée entrent en collision les uns avec les autres un nouveau sens de la beauté. Robe De Mariée Ce ne regarde pas des combinaisons particulièrement familières? Anpassade festklänningar webbutik, skräddarsydd för billigt. Style är också särskilt hög. Jag hoppas du gillar, vi tar en titt på de nya 2016 festklänningar festklänningar men också en antydan av modeller bär spets festklänningar känsla Balklänning Robe De Mariée Robe De Mariée Balklänning