Categorías

Grecia: un país en Folga Xeral non declarada
Grecia: un país en Folga Xeral non declarada

Quen camiñe os últimos 20 días o centro de Atenas atópase cun fenómeno que chama a atención: varias manifestacións, pequenas na súa maioría (de 100, 200, 500, dúas mil persoas) percorren as rúas principais a cada intre, crúzanse entre si, saúdanse combativamente e continúan a súa marcha. Se alguén segue algunha delas para descubrir o seu destino, chegará a algún ou outro ministerio, edificio público e/ou municipal coa súa fachada adornada por unha manta enorme: "OCUPADO".

A folga xeral "oficial", convocada polos dous sindicatos maioritarios, é para os días 19 e 20 de outubro. Pero o país enteiro xa está en folga xeral, sen esperar esta vez a tal "oficialidade" para actuar contra o total "despoxo" de e as vidas humanas que a habitan.

Hai momentos na vida dos pobos que son indicativos e moi significativos porque neles se condensan realidades que nin ben nin mellor poden describirse con simples números. Velaquí esa realidade do "despoxo" dun país con dúas imaxes moi reais:

  • 12 de Setembro. Por primeira vez en 65 anos, desde 1946, comeza o ano escolar para as Primarias e Secundarias sen ter libros os alumnos. As escolas públicas abren as súas portas sen orzamento para conseguir nin sequera o elemental: petróleo para a calefacción, papel para fotocopias e, claro, como máis esencial, coa falta de mestres e libros. As medidas do memorándum prohiben novas contratacións -mesmo de mestres- e só hai cartos para pagar os intereses da débeda, nada máis.

  • 6 de Outubro. Chega aos medios de comunicación masiva unha chamada urxente da ONG "Médicos do Mundo". Aquí a súa tradución, sen máis comentarios: "Os últimos meses, como resultado do incremento de pobreza que leva a unha crise humanitaria, o número de doentes que recorren aos consultorios de 'Médicos do Mundo' en Grecia para tratamentos de balde aumentou dramaticamente. Desde setembro cun total no país do 90%, sendo en Salónica o 60% e o 30% en Atenas. Trátase de decenas de milleiros de gregos e inmigrantes que non teñen para mercar e pagar as máis simples menciñas. As que 'Médicos do Mundo' oferta de balde esgotáronse. Confiando na sensibilidade cidadá, de novo facemos unha chamada urxente para conseguir o absolutamente necesario de material farmacéutico; máis concretamente necesitamos URXENTEMENTE: antibióticos, antipiréticos, menciñas para a tose e o estómago, insulinas…".

Valen eses dous exemplos para describir a realidade de hoxe en Grecia?… Non, claro que non ou evidentemente que non só. Pero un país que non ten libros para os seus nenos e non pode ofertar o mínimo en servizos de saúde para os seus cidadáns é xa un país en quebra, sen dúbida. A velocidade con que se dirixen as cousas cara a esa dura e actual realidade é vertixinosa. Até hai poucos anos o capitalismo no "primeiro" mundo -e en Grecia- prometía a felicidade e a prosperidade eterna. Pero -apenas- hai un ano que todos sabemos e sufrimos as mentiras que unha vez máis nos vendían. Até hai poucos anos todos ou practicamente a maioría podiamos mercar un coche, unha casa, unha televisión moderna, ir de vacacións, mandar os nosos fillos á universidade. É dicir, cousas normais, máis ou menos. Pero -apenas- hai un ano que nos están a quitar, a roubar máis ben, cada posibilidade e esperanza de vivir unha vida normal. Ao final dese pequeno escrito hai uns datos dos dous últimos meses en Grecia que simplemente complementan a descrición da realidade grega, hoxe.

Con todo este escrito o que pretende é -sobre todo- falar da outra realidade, a que non se escoita nin se difunde: a realidade da resistencia, de moitas resistencias improvisadas e organizadas desde abaixo -aínda que non sempre desde os de máis abaixo proveñen- que non se expresan centralmente senón que teñen formas moi novas e moi radicais. Non se trata dunha análise, senón do mero rexistro e constatación dalgunhas loitas parciais, dispersas pero xeneralizadas, que suceden en Grecia.

A "listaxe" que segue podería ser a esaxeración dun "revolucionario" que anhela o "levantamento" e por todos os lados ve a revolución que vén. Pero non, non o é, tampouco chega a revolución, é simplemente unha tradución de novas dos grandes xornais gregos que xa non poden ignorar o que acontece:

Un país ocupado e en folga

Os dous últimos meses xurdiu unha nova forma de protesta en toda Grecia: as ocupacións. Os suxeitos desta forma de protesta tan "radical" non son os de sempre, é dicir mozos, estudantes ou anarquistas; son empregados públicos, persoas de clase media e/ou traballadores ou obreiros que ven a súa vida rota, arrasada e derrotada por unha política de austeridade que arrastra os seus soños a un presente e porvir de total precariedade e inseguridade:

Hogano baixo a ocupación dos seus empregados están: o Ministerio de Educación, o Ministerio de Economía, o Ministerio de Agricultura, as oficinas do Ministerio de Interiores, o Laboratorio Estatal de Química, a Oficina Estatal de Contabilidades, o edificio da Administración do Organismo de Augas en Atenas (EYDAP) e en Salónica (EYTHAP), varios edificios municipais en todo o país, parte das fábricas de produción de electricidade en Trípolis (DEH), a Secretaría Xeral de Mulleres, o Ministerio de Cultura, os dous grandes hospitais de Atenas "SOTIRIA" e "GENIKO KRATIKO", os Espazos de Deposición de Lixo de Attica e Salónica, o Palacio de Xustiza en Salónica…

Abonda comentar que todas esas ocupacións xa duran 15 días, unhas rotan, outras son permanentes e todas nos agasallaron momentos que moito gozamos. Por exemplo: o 13 de outubro, o Ministro do Interior procuraba por todo o día un edificio de calquera ministerio para dar unha entrevista e en ningún puido entrar, véndose obrigado a querer refuxiarse nas oficinas do seu partido PASOK, pero sen tampouco logralo aí pola rabia e decidida actitude duns manifestantes, até que ás seis da tarde usou o Parlamento para dar esa entrevista con relación á folga dos vertedoiros. Tamén abonda mencionar que os representantes da Troica [1] durante todo o tempo que estiveron en Atenas tampouco puideron entrar en ningún Ministerio e cada día o goberno buscaba edificios alternativos para poder realizar as súas respectivas xuntanzas.

Os dous grandes partidos do país, o PASOK que goberna e Nova Democracia que quere gobernar, puxéronse en alerta pola extensión de tan radicais formas de protestar e condenan as ocupacións, até "botando ao lume" aos seus propios sindicalistas e partidarios que participan nas mesmas.

Con todo, e a pesar das ameazas, as ocupacións seguen e esténdense como forma de loita, paralizando o núcleo duro do estado: a administración. E se se engade a esa listaxe o bloqueo de parte dos reitores da aplicación da nova lei para as universidades, as ocupacións de 600 secundarias e 400 facultades universitarias durante todo setembro (o número diminuíu en outubro), as tomas de rúa e portos por taxistas e camioneiros, as tomas das estacións de peaxes a cada intre e un sen número de ocupacións simbólicas e espontáneas cada vez que se anuncia algunha outra medida de austeridade, decatarémonos do tamaño da resistencia que acontece no país.

Namentres, están en proceso folgas moi duras en todo o sector público. Os dous sindicatos maioritarios do sector público e privado convocan folga xeral para os días 19 e 20 de outubro. E desde hai un mes xa que están en folga permanente os traballadores e empregados do sector de Limpezas; e en folgas intermitentes os traballadores dos medios de transporte público, os médicos dos grandes hospitais públicos e da Seguridade Social, os empregados e traballadores nos museos e espazos arqueolóxicos, varias asociacións de profesores universitarios, os Controladores do Trafico Aéreo…

Do mesmo xeito, a semana pasada e a que vén entraron en folga: os empregados de Facenda, os empregados das Alfándegas, os mestres das Primarias, os profesores das Secundarias, os avogados en todo o país, os empregados dos Tribunais, os empregados de Administración nas Universidades, os xornalistas, técnicos e empregados da Televisión Estatal e de todas as radios e medios estatais, os empregados do Banco de Agricultura, os traballadores nos trens, os empregados do Ministerio de Economía (ocupado desde hai 15 días), os propietarios dos camións, os traballadores na Empresa de Petróleo, os traballadores nas empresas de Construción de Estradas, os mariñeiros e os traballadores nos barcos, os xornalistas dos medios privados de comunicación… e até os xuíces (que decidiron absterse de traballar cada día, desde hoxe a decembro, de 12:00 a 15:00 horas). Sen tampouco esquecernos dos bloqueos do Ministerio de Defensa Nacional por oficiais xubilados que lles recortan as súas pensións. En fin, un cóctel inflamábel e explosivo…

Ademais, o 19 e 20 de outubro tamén estarán en folga os traballadores e empregados da Organización de Telecomunicacións e os empregados de todos os bancos, privados e estatais.

Con este panorama, sirva mencionar igualmente uns xeitos "moi outros" de loita baseadas en promover a solidariedade social (na práctica) e que aparecen timidamente, pero que van gañando espazo aos poucos:

  • O 16 de Outubro, a Confederación Panhelénica dos Médicos Hospitalarios decidiu avanzar na ocupación permanente de todas as oficinas administrativas dos Hospitais Públicos e as de todos os Servizos de Seguridade Social, mantendo ao mesmo tempo os hospitais abertos para ofertar tratamento de balde a quen o necesiten.

  • O Sindicato de Electricistas, tras ocupar o Centro de Organización de Electricidade onde se imprimen as contas e recibos que chegan aos consumidores, anunciou a formación de grupos de asistencia que van a reconectar a electricidade nas casas que se corta por non pagar o novo imposto-monstro pola vivendas.

  • En pequenas cidades da provincia xa se formaron estes grupos de técnicos que reconectan a electricidade en casas de desocupados e aos que non teñen para pagar as súas contas.

  • As asembleas populares dos barrios en lugar de deseñar en papel a "outra sociedade", xa se poñen a organizar a solidariedade cotiá para quen están en folga, para quen máis están sufrindo pola crise económica, para os veciños, para os máis febles.

  • En cidades pequenas xa está en proceso a organización de trocos e de moedas alternativas nun esforzo que ten as súas raiceiras na necesidade, pero que con todo vai máis aló dela.

  • E a maior de toda a solidariedade que non é organizada, tampouco se describe senón que se vive cando viaxas no autobús, cando tomas un taxi, cando camiñas na rúa, cando vas ao mercado ou a calquera tenda pequena e decátaste que es parte dunha DESOBEDIENCIA non organizada pero moi real: a desobediencia de non pagar os impostos-monstros. Calcúlase que un 70% non pagou o imposto que se bautizou polo goberno como "contribución solidaria" (sic!!!!!!), xa que logo, obrigando ao mesmo goberno a facer unha lei (apenas o pasado 13 de outubro) coa que se quita o diñeiro do dito imposto directamente do soldo dos empregados e traballadores do sector público.

  • Como último, pero non menos importante: o humor colectivo como xeito de loita contra a depresión que nos rodea. O marabilloso humor dun pobo enteiro que inventa e comparte chistes na fala da xente, xerando complicidade e sacando a lingua aos de arriba que se cren poderosos.

E pois… nisto estamos en Grecia. Camiñamos cara ás datas doutra folga xeral nunha tensión terríbel. Non coñecemos que vai pasar. Temos medo pola represión. Non estamos tan organizados para enfrontar esa represión cuxo rostro violento xa o coñecemos duramente o xuño pasado na Praza de Syntagma e en todas as marchas e mobilizacións que seguiron. Con todo, a maioría da sociedade camiña cun desexo e unha aposta: ¡QUE SE VAIAN dunha puta vez! Gobernan sen ningún consenso e pola forza, impondo un estado de excepción permanente. A súa "democracia" ficou espida e sen os seus adornos falsos ante a mirada de todos e todas.

Todo pode gañarse nestes dous días de folga xeral que se aveciñan, pero o único seguro é que nada vai perderse do que xa vai gañándose durante estes meses de resistencia. A sociedade grega é unha sociedade EN MOVEMENTO e no seu trascurrir mudaron conciencias e tecéronse espazos e redes capaces de ofertar o apoio mutuo, tan necesario sempre e imprescindíbel agora para poder seguir vivindo -sobrevivindo- nos anos difíciles que xa empezaron e de xeito evidente seguirán, para longo e até a peor, moito me temo.

Aínda que… non sei mañá, pero hoxe ninguén se sente só en Grecia.

Atenas, 14 de Outubro. E.M.

NOTA

[1] 2 de setembro. Os representantes da Troika deixan unha bomba na mesa das "negociacións" e saen de Atenas: para dar a sexta dose do préstamo piden-esixen: a) ingresos por calquera xeito de 5,7 bis-millóns para o 2011 e o 2012; b) despedimento de 200.000 empregados públicos até o 2014, empezando coa esixencia de 30.000 despedimentos para o 2011; c) venda de propiedade pública por valor de 50 bis-millóns de euros; d) privatizacións inmediatas; e) anulación dos Convenios Nacionais de Traballo que aseguran un soldo mínimo aos traballadores do sector privado.

Nas cinco semanas que seguen o goberno anuncia:
  • Un imposto máis de "urxencia", que cada grego ou grega cunha casa ou propiedade deberá pagar. Aínda os desocupados, aínda quen pagan préstamos en bancos pola súa casa, aínda quen contan cun soldo ou pensión de 360 euros/mes. Exceptúanse os hoteis grandes, as industrias e as igrexas. Calcúlase que cada familia grega vai pagar de 700 a 5.000 euros por ano. O imposto seguirá até o 2014 e o mecanismo de cobralo é inmediato polas contas do Organismo de Electricidade. A "multa" para quen non pagan é a interrupción da súa conexión eléctrica.
  • Recortes do 20-40% a soldos e pensións, xa recortados un 20% nos dous últimos anos.
  • Despedimentos de 30.000 empregados públicos até o 1 de xaneiro de 2012. E duns 150.000 empregados durante o 2012 e o 2013.
  • Unha "reforma" nos Servizos de Saúde comezando coa abolición de centos de clínicas e consultorios hospitalarios en todo o país.
  • O recorte dos orzamentos nos sectores de saúde e educación. Xa recortados un 40% nos dous anos pasados.
  • A votación dunha lei que "equilibra" os soldos no sector público, pondo o teito máis alto en 2.200 euros/mes. Segundo ese proxecto de lei (que se aprobará o 20 de outubro polo Parlamento) un empregado de clase media que hoxe cobra mensualmente 1.800 euros, de aí en diante terá un soldo mensual de 1.100 euros. Quitando logo e directamente do dito novo soldo todos os impostos de "urxencia" que se consideran necesarios para a "salvación" do país. Como primeiro exemplo, xa aplicado, o imposto de "contribución solidaria" que oscila entre 700-1.000 euros para cada familia.
  • A inmediata venda e privatización sen preposicións e sen ningunha condición de toda a propiedade publica: terreos, praias, illas, edificios, Organismos de Telecomunicación (xa vendido aos alemáns baixo o estado do "express"), Electricidade, Augas, Petróleos, Sistemas e Armas de Defensa, OPAP (Lotería Nacional), Aeroportos e Portos.
  • A baixada do ingreso anual libre de impostos aos 5.000 euros (xa se baixou en xuño-2011 dos 12.000 aos 8.000 euros). Abonda indicar aquí que o límite de pobreza na Unión Europea está fixado nos 6.500 euros.
  • A creación de Zonas Especiais de Investimento, traducido isto a zonas onde calquera empresa, grega ou estranxeira, pode investir sen a obriga de respectar normas e leis nacionais que teñen que ver co medio ambiente e os dereitos laborais.
  • E o último (aínda que non ten fin esta listaxe) que se anunciou hai unha semana: xa non valen (por lei que se aprobará o 20 de outubro) os Convenios Nacionais de Traballo que aseguraban -aínda na letra- un soldo mínimo (mixto) de 740 euros/mes aos traballadores do sector privado: cada empresa pode facer contratacións individuais cos seus empregados, nun país onde xa aos mozos e mozas até os 25 anos que entran no mercado de traballo págaselles (por lei aprobada o 2010) 400 euros ao mes, nun país onde o desemprego -segundo números oficiais- está no 17% da poboación activa, nun país… en fin, nun país fodido que os seus gobernantes entregaron a -segundo o seu criterio- "soberanía nacional" a intereses económicos que en ningún caso interésanlles as vidas humanas nin os lugares onde a cadaquén nos tocou vivir. Non lles interesa Grecia, nin Portugal, nin España, nin Irlanda…. en definitiva, cuxos intereses son só puros números económicos traducidos en millóns de euros onde desde logo que non cabemos nós…

E, en tanto todo iso acontece, cos invisíbeis "mercados" e os seus criminais beneficios, indiferenzas, refugallos, guerras, exterminios e orxías "colaterais" como destacados causantes, DOE moito -demasiado- asomarse ás montañas de lixo que se van amoreando en cada recuncho de Atenas pola xusta folga dos vertedoiros, para ver a seres humanos que proliferan como sombras dunha longa e triste "noite dos soños rotos": buscando que entre tanto lixo noxento? Si, estamos en Grecia, en Europa, no máis "puro" capitalismo do século vinte e un.

PD. Din que Grecia ensinou ao planeta a democracia, a civilización, a cultura…. Non se se así é, non confío nos mitos que occidente creou. Pero desexo con todo o meu corazón que de verdade lográsemos ensinar o que pode ser e significar a resistencia á tanta barbarie e barbaridade.
Escrito por E. M. en Eurozapatista
Share