A revista estadounidense TIME fixo personaxe do ano 2011 ao “manifestante”, simbolizando a eclosión de movementos contestatarios por todo o mundo cunha forza descoñecida nas últimas décadas. Hai quen ve neste feito a confirmación de teorías conspiratorias que sitúan na órbita do poder a promoción deste fenómeno. Hainos que o achacan exclusivamente á forza expansiva de redes sociais e novas tecnoloxías da comunicación.
Entre ambas crenzas cabe preguntarse por que xorden en poucos meses procesos que agrupan decenas de miles de persoas en aberto –por veces difuso– desafío ao poder dos seus respectivos Estados. A chamada Primavera árabe en Tunisia, Exipto e países do Oriente Próximo; os indignados e a geraçao á rasca na península ibérica; os estudantes chilenos e os cidadáns de Grecia; Occupy Wall Street e os movementos do 99% comparten a ocupación de espazos públicos e a horizontalidade na convocatoria dunhas protestas que cuestionan o “sistema” expresando o anoxo de amplos sectores populares polas crecentes desigualdades e inxustizas políticas e sociais. Os programas e reivindicacións difiren –de acordo aos seus respectivos contextos sociopolíticos– pero todos os casos parecen translucir desconfianza coas institucións e as formas de representación política tradicional, ademais de dinamizar sectores antes apáticos.
O certo é que a extensión destas mobilizacións –canda outras de carácter máis específico de determinados países e situacións, como as que comezan na China e Rusia, as antinucleares do Xapón ou as dos movementos indixenistas suramericanos na defensa da Terra, entre outras– ten devolto en plena crise un ben ganado protagonismo á forza popular –que algúns equiparan coas revoltas dos anos 1960– cando semella evidente o decurso de grandes mudanzas no panorama xeopolítico mundial. A incerteza pola evolución dalgún dos procesos abertos non reducen a súa grande significación como ingrediente e síntoma destes cambios.
Paralelamente, o Foro Social Mundial (FSM) xurdido en 2001 na localidade de Porto Alegre (Brasil) continúa inmerso nunha dupla tensión, entre o éxito da súa expansión (55 foros en 28 países diferentes en 2010) e o risco de estancamento pola súa dificultade para converter as enerxías que dinamiza nun maior impacto político ou en convocatorias e programas de acción conxuntos. Curiosamente, algúns dos movementos actuais –que representan tamén un salto xeracional, incorporando xente máis nova en idade e experiencia política– foron quen de artellar con naturalidade (e simpatía mediática) unha mobilización global exitosa –a do 15 de outubro de 2011 en case mil cidades– lembrando as recordadas manifestacións contra a guerra promovidas polos movementos antiglobalización en 2003.
Así as cousas, para estes últimos resulta necesaria a confluencia futura de ambos procesos, tal como se pode constatar nas análises que enmarcan a convocatoria da seguinte edición do FSM, prevista para 2013 na rexión do Magreb-Mashrek buscando “situar ás organizacións sociais de todo o planeta na resistencia ás ofensivas imperialistas que pretenden (re)asegurar esta parte do mundo para os seus obxectivos xeopolíticos e xeoeconómicos dominantes”, algo ben evidente a xulgar pola inestabilidade na zona.
No camiño da construción dese vindeiro FSM hai en 2012 dúas citas importantes: Porto Alegre acolle en xaneiro un foro temático sobre Crise Capitalista, Xustiza Social e Ambiental e Galiza ofrecerá en setembro a posibilidade de debater sobre o porvir da antiglobalización no Foro dos foros, convocando aos organizadores dos principais eventos realizados desde 2001.
Ambos proxectos comparten a preocu¬pación por renovar e fortalecer o proceso cando parece chegado o momento de “ir alén do anuncio de que outro mundo é posible”. Desde Brasil chámase a “reinventar o mundo” na busca de “paradigmas alternativos de sociedade” a partir das “achegas socioambientais do altermundialismo, contrarias ao desenvolvimentismo”, enriquecidas “polo movemento a prol da autonomía e o control do poder no mundo árabe e polas vastas expresións de indignación co capitalismo financeiro e as grandes corporacións en Europa e Estados Unidos”.
Trátase de “mudar o sistema para defender o 99% da humanidade” fronte a falla de resposta efectiva dos poderes do capitalismo global a unha “converxencia de crises –climática, alimentar, das condicións de vida, da política e de valores éticos– que deparou en crise de civilización”. Coa preocupación pola excesiva “fragmentación, heteroxeneidade e desarticulación das forzas antisistémicas” quérese animar a súa converxencia con reflexións estratéxicas e obxectivos mobilizadores comúns, comezando polo Cumio dos Pobos paralelo á Conferencia das Nacións Unidas sobre Desenvolvemento Sustentábel (Río+20) que acontecerá en Río de Xaneiro en xuño de 2012.
Os pobos están tamén na base do foro mundial galego. Foi a Rede polos Dereitos Colectivos de Pobos orixinarios e Nacións sen Estado, legalizada o 30 de novembro de 2011 en Bruxelas con significativa presenza galega, quen promoveu esta iniciativa para dar a oportunidade de repensar e anovar o FSM, aprendendo da súa experiencia e incorporando tanto a reflexión estratéxica sobre os cambios xeopolíticos, económicos e sociais acaecidos desde a súa orixe como o impulso de máis protagonistas, con especial interese polos novos suxeitos políticos e os pobos non recoñecidos que cuestionan a vella orde e a lexitimidade dos grandes Estados.
Fronte ao fundamentalismo ultraliberal que non amaina, albíscanse novos folgos e posibilidades de resistencia inusitados na era da globalización. Mais a desexable converxencia plural de todos os actores que cuestionan abertamente o sistema capitalista, “en diálogo –libre de imposicións e preconceptos– coas anteriores xeracións da esquerda”, urxe respostas positivas respecto as características do mundo alternativo: a desglobalización, a reversión da liberalización económica sen fin, a preeminencia da política sobre os mercados, novas formas de participación democrática directa ou a necesidade de mudar a relación da economía coa natureza son só algunhas das liñas citadas como base –aínda insuficiente– para a construción de “identidade, propósito e estratexia comúns” entre os anoxados de antes e de agora.
Tirado do IGADI Annual Report 2011-2012, que leva por título "Novos liderados avantaxan ás vellas hexemonías".





Xavier Simón


















