Autor/a

Político galego, economista e voceiro do Encontro irmandiño. Membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial e membro do Consello Editorial de Altermundo.

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

“Indignádevos!”
“Indignádevos!”

Para Maite Álvarez, que se indigna con razón

Máis dunha vez, mesmo moitas de máis se cadra, téñoo expresado e praticado no Parlamento da na época en que alí se libraban combates a peito descuberto -combates ideolóxicos e políticos, quero dicir- no canto de xogos de adiviñas, bailes de mascaritas ao compás do rigodón, e "compromisos podres", que diría Lafontaine. Máis dunha vez, dicíavos, teño expresado e praticado, verbalmente e xestualmente, a indignación. E non escribo a "miña" indignación porque non era só nen primordialmente miña: érao dos cidadáns que eu alí representaba, e que me elixiran para iso mesmamente, pra representalos, ou sexa, pra diciren e faceren meiante min o que non podían iles dicir nen facer alí presencialmente. Portanto tamén pra, chegado o caso, expresaren a sua indignación -e chegaba o caso con frecuencia abondo. E, cando chegaba, adoitaba eu espricarlles aos moitos pasmóns que alí sentaban, e só remexían pra me botar en cara a miña actitude, que só se in-digna quen ten dignidade -e a exerce. Claro, porque non abonda téla: compre exercela.

Coa dignidade pasa coma coa liberdade: por moito que se teña, se non se exerce acábase por perdela. De xeito que, unha e outra, compre exercelas. Sobre todo cando están en perigo, cando alguén chas ameaza, cando chas restrinxen ou chas negan -que é mesmamente cando custa, cando compre facer un esforzo e asumir un risco para pólas en acción. Necesario é na vida cotián individual e social. Moito máis necesario aínda na sua proxeción política. Por iso mesmo, se na instancia política, alí onde se moven e actúan os representantes (electos) dos cidadáns, deixa de exercerse a dignidade e facerse valer a liberdade dos representados, terán que ser os cidadáns mesmos os que reactiven o exercizo da sua dignidade e a sua liberdade por iles mesmos directamente, e non só na sociedade civil senón na politica tamén. Comprirá que se "indignen" -e, pola mesma, se rebelen. Ou acaso a revolta non é a tradución da indignación en acto, a traslación dese estado de ánimo e conciencia ética á acción cívica e política?

Dun certo tempo pra acó, eu adoito dicirlles aos amigos de meu, cunha pinga de ironía sarcástica a respeito de min mesmo, que me vexo convirtido nun predicador ambulante, algo así coma o "don Jorgito el inglés" aquil do XIX, o famoso autor de "La Biblia en España". Só que eu non vendo biblias nen libro sagrado ningún. Son un predicador profano: predico a rebelión cívica como exercizo de dignidade democrática e motor da revolta política -que pasa pola a un poder que perdeu a sua lexitimidade.

"Re-aprender o irrespeito" era o provocativo título dun alegato satírico anti-gaullista, escrito por François Fonvieille-Alquier e editado a meiados dos sesenta polas edicións de La Table Ronde nunha coleición rotulada Combat -rótulo a mantenta idéntico ao do famoso periódico da Resistencia, editado de primeiras clandestinamente baixo a ocupación nazi, no que Camus publicara as suas punxentes Cartas a un amigo alemán. Ese alegato, construido ao estilo dun manifesto, constituía unha expresión xenuina da ideoloxía republicana radical, característica da tradición revolucionaria "montagnarde" na cultura cívica francesa, e incitaba á revolta fronte ao cesarismo gaullista de entón. Nunha elocuente nota de apresentación, os editores declaraban que o rótulo da coleición "ben puiera ter sido Re-aprender a liberdade", e daban as grazas "aos escritores que teñan a ben manifestar que a liberdade existe aínda, que non está completamente apagada, menos polo feito das proibicións da xustiza ca polo da tan violenta autocensura arestora reinante". O primeiro dos capítulos -algúns diles con rótulos tan gráficos como "O pai", "O totem", "O bruxo ou o exercizo do poder"- debullaba o miolo da custión: "Do cidadán ao súbdito". Da diagnose, escólmovos este aserto: "Eiquí, os golpes de Estado trunfan cando os banqueiros fan cadrar os seus intereses coas paixóns das rás que reclaman un rei, ou cousa polo estilo". E na conclusión, esta sentencia inapelábel: "Refacer un cidadán esixe retorcerlle o pescozo ao imbécil que se agocha disposto a saltar cando pasa un quepis. Abonda dese respeito que supura por ondequer! Abrámoslle paso é impertinencia!".

Lembreime disto todo ao recibir dun amigo de meu noticia doutro alegato-manifesto, absolutamente actual estoutro, que ven de aparecer o mes pasado nunha editorial alternativa francesa e acadar un fulminante éxito de difusión -dez reimpresións e máis de 800.000 exemplares vendidos. Titúlase precisamente Indignez-vous!, "Indignádevos!", e é un opúsculo de só tres ducias de páxinas que, de xeito conciso e directo, argumentan a prol dun chamamento condensado neste enunciado: "Compre indignarse, compre resistir, estamos fartos!". O autor é un vellote nonaxenario, de nome Stéphane Hessel. Fillo de xudeus alemáns inmigrados en Francia nos anos vinte, Hessel combatera na Resistencia, fora apresado polos nazis, torturado e deportado a Buchenwald, de onde lograra fuxir. Despois da guerra chegaría a ser embaixador de Francia, e en 1948 foi un dos redactores da Declaración Universal dos Dereitos Humanos da ONU. Nesa Declaración se inspira, poisque no seu artigo primeiro afirma: "Tódolos seres humáns nacen libres e iguais en dignidade e dereitos", e máis "Iles están dotados de razón e de consciencia e deben actuar uns a respeito dos outros nun esprito de fraternidade". Guiado por eses principios exerceu sempre Hessel como cidadán: protexeu aos arxelinos durante a guerra de liberación contra o estado francés, e nos tempos que andamos segue a defender aos inmigrantes, aos "sen teito", aos "sen papeis" -e aos palestinos fronte ao estado sionista de Israel.

En esencia, o manifesto proponse recuperar os valores polos que a sua xeración loitara hai agora sete décadas, e de feito Hessel reuníuse con antigos membros do Consello Nacional da Resistencia na preparación do seu alegato, e mesmo pon en boca dese histórico organismo algún enunciado desa proclama, como se for un chamamento reeditado nun contexto actual análogo ao de outrora: "O Consello nacional da Resistencia chama aos que construirán este novo século a indignárense perante a desigualdade, a pobreza, as ditaduras fascistoides, a despiedada ditadura económica dos mercados financeiros…" para "encetaren unha insurreción pacífica real" -"unha insurreción pacífica contra o consumo masivo, o desprezo polo débiles e a competencia de todos contra todos". O chamamento vai dirixido primordialmente á xente nova, pra que se opoña a toda caste de totalitarismos, fascismos e ditaduras, e exórtaos a resgataren a "verdadeira ", esixiren a independencia dos meios de comunicación e opórense ao "acoso á liberdade de prensa". Fala dunha "amnesia xeralizada" da sociedade, e denuncia o desastre ecolóxico planetario, o desnorte e perda de sentido dos dirixentes políticos actuais e o poder omnímodo da plutocracia: "O poder do diñeiro, que tanto combatemos, nunca foi máis insolente e egoísta, con servidores nas máis altas esferas do Estado".

En suma, un alegato radicalmente demócrata e republicano, dirixido a soerguer a sociedade civil e a social -isto si, sen nengunha outra concreción máis definida no abano ideolóxico do republicanismo e a . Nunha entrevista para un semanario francés tamén alternativo, o xornalista menciona unha frase de Sartre que o proprio Hessel cita no seu libriño, e coa que eu concordo -"Sempre se ten razón en revoltarse"- e pergúntalle se existe unha diferencia entre a "revolta" invocada por Sartre e a "indignación" que il propugna. Veleiquí a resposta de Hessel, ideolóxicamente ben siñificativa: "A dignidade, máis que a revolta, é algo que marca ao individuo humán. O cidadán está orgulloso da sua dignidade de home e, cando a sinte atacada, é normal que se indigne". Mais -reitero eu- acaso a revolta non é a tradución da indignación en acto? Revisito O home revoltado de Camus -aquil seu longo e denso ensaio que tanta polémica suscitara na esquerda hai máis de meio século por mor dos seus heterodoxos distingos entre revolta e revolución. E leo: "Mais a revolta é, no home, o rexeitamento de ser tratado como unha cousa e de ser reducido á simples historia". Non sei pra vós, mais, pra min, a revolta é revolución que garante a liberdade. Nen cousificación, nen conversión en monifates da historia. Ou?

Share
TAGS:  ,