O Servizo de Prisións de Israel prepárase para recibir ó máis do milleiro de activistas que anunciaron a súa participación na próxima Frota da Liberdade, que ten previsto pór rumbo a Gaza a finais deste mes. O seu voceiro, Sivan Waizman, dixo onte que a institución “está mantendo conversacións e facendo preparativos co Exército” para xestionar a posible detención de centos de persoas en mar aberto, aínda que engadiu que non se levou a cabo “ningunha preparación física” nas prisións.
Segundo a emisora Radio Israel, a autoridade de prisións xa baleirou unha á do centro de detención Ohalei Keidar (ó norte da cidade de Beersheva) e está en trámites para preparar espazo tamén no cárcere de Sharonim (ó suroeste de Gaza), co fin de acoller os activistas que, previsiblemente, serán detidos.
Comandos da Mariña tamén se preparan para abordar os quince barcos cos que diversos grupos pro-palestinos anunciaron que tratarán novamente de romper o bloqueo marítimo a Gaza, informou o diario israelí Jerusalem Post.
Entre as naves podería estar a turca Mavi Marmara, fretada pola organización islamita IHH e cuxa violenta abordaxe por parte de soldados israelís en maio de 2010, cando formaba parte da primeira Frota da Liberdade, causou a morte de nove activistas turcos. Varias unidades de elite, como a de Shayetet e outras forzas especiais, fixeron onte un simulacro de abordaxe no que traballarán con distintas posibilidades, desde que os activistas mostren resistencia pacífica a que os barcos estean ocupados por mercenarios armados, segundo o Jerusalem Post.
A Mariña recibiu ordes do Goberno de non lles permitir ós barcos violar o bloqueo marítimo e chegar á franxa palestina, argumentando que poderían transportar armas para as milicias dese territorio.
As organizacións de varios países que impulsan a acción, denominada “Frota da Liberdade II -Sigamos sendo humanos”, aseguran que estará composta por uns quince barcos que partirán cara a Gaza desde distintos portos do Mediterráneo e que levarán a bordo a doutores, profesores, artistas e activistas de medio centenar de países.
Na iniciativa participan ONG e movementos sociais de países como Turquía, Grecia, Suecia, Holanda, EEUU, Canadá, Bélxica, Alemaña, Suíza e España. Tras o violento asalto da Frota da Liberdade, Israel recibiu condenas internacionais e chamamentos a levantar o bloqueo a Gaza, o que o levou a aliviar as restricións e permitir a entrada de alimentos, medicinas e outros bens, aínda que segue impedindo a exportación e a entrada de materiais de construción e produtos que teme poidan ter un dobre uso.
A organización turca IHH, unha das máis implicadas no envío da segunda frota humanitaria á Franxa de Gaza está pensando endesistir desta empresa pola delicada situación política e social que atravesa a rexión e, especialmente, pola tensión que se vive na fronteira entre Turquía e Siria. “Estamos reconsiderando os nosos plans. Non podemos pechar os ollos a algo que pasa tan cerca”, declarou un voceiro de IHH, Huseyin Oruc, en declaracións ó xornal turco Hurriyet” Ata agora, o grupo insistira en que se sumaría á frota que partirá desde distintos puntos do Mediterráneo.
A CERNA
Rumbo a Gaza pide axuda institucional
O equipo de Rumbo a Gaza pediulle onte ó Goberno que envíe unha “comisión de inspección” ó barco que achegarán á Frota pola Liberdade para certificar que non levan armas, que garanta a seguridade da expedición e que se sitúe” sobre a legalidade da operación. Os coordinadores de Rumbo a Gaza reuníronse onte no Congreso dos Deputados con ERC, EU, BNG e ICV que expresaron o seu apoio á misión e comprometéronse a pedir unha reunión urxente coa ministra de Exteriores, Trinidad Jiménez. Para os organizadores da frota, as inspeccións oficiais que certifiquen que a bordo non hai máis que activistas desarmados e material escolar e sanitario serían “a mellor garantía contra os posibles abusos de Israel”. Os parlamentarios explicaron en roda de prensa que lle pedirán a Jiménez “un compromiso claro” coa seguridade da frota.



