Grazas ao seu xeito de facer e de loitar o Sindicato Labrego Galego mudou en todo un referente, que propón un modelo agroecolóxico fronte á revolución verde.
Coñecín persoalmente a Lidia nunha asemblea no Pavillón dos Deportes de Lugo na que nos presentou Manolo Mel, mais xa se lle coñecía pola experiencia de militante política e de traballo sindical no sur de Lugo, na que era colaboradora habitual das Comisións Labregas. Lidia era filla de labregos e tiña a bagaxe de facer asembleas, de organizar.
|
SLG: EN CONSTRUCIÓN COLECTIVA
|
A principios dos ‘80, Lidia incorpórase ao traballo en Lugo. Daquela Lugo asumía certas funcións sindicais nacionais con medios mínimos e colaboracións desinteresadas, como a axuda de Calín na coordinación ou a do BN-PG que emprestaba coches para os desprazamentos a feiras, asembleas e outros actos. Nesa época, afrontabamos fundamentalmente un traballo de descolonización, con loitas como a da Cota Empresarial da Seguridade Social Agraria. O punto de inflexión fora esta etapa de poxas como a do Páramo, unha importante en Lugo en abril do 1981 e a seguinte en Láncara, na que o Sr. Xulián se mantivera firme. En toda esta loita fora importante consolidar a idea que expresaba Lidia: coa loita e a mobilización poden cambiar as cousas… e ímolas cambiar.
No ano 1982 sobe ao poder o PSOE, como suposta esquerda. Os medios impulsaban o capital e o pelotazo económico para sermos modernos. Non vendía o social, si o liberal. Nese intre, o PSOE viña a significar dereitos sociais superados; o que debuxa para nós un contexto político e social complicado, desmobilizador. Houbo que apostar inicialmente pola resistencia para continuar a pór na axenda propostas para que o agro galego sobrevivira dignamente. Daquela, Lidia Senra axuda a reforzar internamente o sindicato, a mellor forma de manter viva a loita contra a Cota Empresarial. Ademais, axuda a actualizar a información e a realizar novas propostas e posicionamentos perante as novas situacións que se aveciñan para as galegas e os galegos do agro.
No segundo Congreso do SLG, Lidia asume a responsabilidade da Secretaría de Organización e Finanzas, traballando desde o local de Lugo que entón era o de referencia das CCLL. Nesta etapa deuse un debate importante no SLG e co conxunto dos labregos e labregas da Galiza: as consecuencias da entrada no Mercado Común Europeo (MCE). Fíxose moita campaña en contra da entrada no MCE porque as negociacións para a adhesión a este e á OTAN soterraban no ostracismo o resto de problemáticas. Esta adhesión vendíase como a solución divina para todos os males presentes e futuros. O agro galego usábase como moeda de troco terribelmente marxinada nas negociacións de entrada no MCE, que nos deixaba sen capacidade produtiva, cun reparto de dereitos de produción e financeiro nefasto para os sectores produtivos. Asinado o tratado, o ministro de Agricultura quería aplicar estes recortes produtivos e financeiros á produción galega custe o que custar. Entón impulsamos propostas de política agraria e accións reivindicativas que contribuíron a mobilizar todos os sectores, cristalizando alianzas como a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. Isto deu como resultado unha acción social irrepetíbel e o Goberno español tivo que ceder, polo menos parcialmente. Lucidez e constancia como as da compañeira Lidia son imprescindíbeis cando unha loita dura anos, sobre todo sendo ela a engrenaxe da organización.
Nesta etapa, decidiamos nas asembleas e na Dirección do sindicato, mais comezamos a executar telefonicamente, “con fixos”, para dar información ou convocar asembleas, concretar a participación… e iso era unha novidade para nós.
Á hiperactividade mobilizadora súmase a aposta polos servizos, para facilitar a xestión e tramitación diante das novas imposicións burocráticas. Alén disto, créanse a estrutura e os medios para reforzar a implantación do SLG en diversas comarcas de Galiza. O traballo a prol de prezos xustos está sempre na axenda. A finais dos ‘80 asínase un contrato homologado cunha parte da industria, cun prezo base de 37 pesetas para a primavera-verán –durante 6 meses–, e 42 no outono-inverno –contrato con prezo mínimo. O compromiso de Lidia lévaa a ser elixida máxima responsábel do SLG por unanimidade no Congreso de Lugo de 1989, que seguiu a renovar en posteriores congresos até 2007, cando propón renovar a máxima responsábel da organización.
Ademais, Lidia, coa súa visión de futuro, participa de xeito decisivo desde os ‘80 na formación de alianzas a nivel europeo, cando se forma a Coordinadora Labrega Europea, e nos ‘90 no proceso que da lugar ao movemento labrego mundial Vía Campesina, principais azoutes fronte ao neoliberalismo da PAC e da OMC ao crear iniciativas como a da soberanía alimentar, hoxe referente dos dereitos humanos e dos pobos. No xeito de facer de Lidia podemos ver o seu estilo de traballar en rede e en solidariedade europea e mundial, desde a soberanía de cada organización.
Grazas ao xeito de facer de Lidia, o SLG foi e segue a ser referente galego, propondo un modelo de produción baseado na agroecoloxía fronte á “revolución verde”: o saber labrego harmonizado cos recursos do medio natural, imprescindíbel a nivel ambiental e para a calidade nutritiva, mais non menos para a viabilidade económica das explotacións.
Eu penso que houbo, e segue a haber, un aspecto inmutábel na traxectoria de Lidia: a súa constancia sen bandazos, porque o mellor proxecto do mundo pode non valer nada se non se leva á práctica con constancia. Nela, a constancia a nivel político, social, sindical, de organización é unha máxima: tirar para adiante co acordado até máis non poder. É realista, ten pragmatismo e un ollar profundo para mudar as cousas, para mudar o modelo social –ese modelo social de “canto tes canto vales”–, mudalo por dereitos para toda a humanidade na Galiza, no mundo e para loitar polo recoñecemento e prestixio de quen produce alimentos en harmonía coa terra e demais recursos.
Outra virtude que cómpre destacar nela, por escasa, é a capacidade para facer equipo: o saber traballar para a construción dunha organización horizontal, tanto desde a segunda parte dos ‘70 colaborando, como despois sendo asalariada ou tamén como secretaria de organización, como secretaria portavoz e como secretaria xeral. A nivel de organización, Lidia sempre traballou respectando, sempre lle deu importancia á organización horizontal e axudouna a construír. Ademais cumpriu un obxectivo nas direccións do sindicato: que o voto fose só de labregas e labregos.
Como máxima responsábel sempre estivo presente nas asembleas, nos Consellos Comarcais e en todos os conflitos. Nunca desliga o teléfono, sempre está para todo o mundo. Ela non sae nunca do guión do que se decide colectivamente. Ademais a ela tocáronlle etapas en que traballabamos totalmente en precario, tanto a nivel de estrutura organizativa como administrativa ou de prensa. Mesmo foi nai pasadas poucas horas de estar de reunión sindical. Co tempo, Lidia pouco mudou, agás en madurez, en anos e en familia.
O éxito de Lidia está en traballar e defender desde un sindicato nacionalista galego, cos pés na terra, cuestións de fondo como o modelo de produción baseado na soberanía alimentar, os dereitos labregos e os dereitos humanos, a reforma agraria e as políticas de igualdade real. Empezamos defendendo a nosa capacidade produtiva… e hoxe falamos de sustentabilidade e agroecoloxía e igualdade. Con Lidia iniciáronse todos estes debates e traballos.
Ademais, Lidia ten o mérito de ter colocado na axenda política moitos temas agrarios e sociais que estaban esquecidos ou non se querían debater. Hoxe é unha persoa de referencia, unha voz autorizada para loitar polos dereitos. Tanto no país, como en Europa e mesmo a nivel internacional, e iso non é doado que o logre alguén que representa unha organización agraria, ademais sendo muller. Si, actualmente Lidia é unha persoa de prestixio, recoñecida como muller e como labrega. Lidia é humana, por iso é unha referencia. Sendo moitas as súas virtudes, tamén ten defectos, mais non desvirtúan para nada o achegado, porque é honesta. E non aproveitou a representación para promocións nin negocios persoais, que non de todas as persoas publicas se pode dicir o mesmo.
Se traballar a terra contase o mesmo ou máis que facer negocio, Lidia Senra sería un referente; éo, pero non para os medios e o poder..
O artigo corresponde a unha das colaboracións do libro Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable (Laiovento, 2010), de Tareixa Ledo.
Tareixa Ledo: “O SLG defende unha alternativa ao modelo de crecemento neoliberal desenfreado”
Unha líder sindical pode ser entrañábel?
Aí está Lidia… Os liderados entrañábeis non son só unha categoría psicolóxica; son un xeito novo de crer e crear organización, de estar en plataformas, en movementos sociais, en partidos políticos… Son un estilo de liderado cálido, desde a confianza, creando redes… Son liderados que suman e inclúen desde a horizontalidade. Rachan coa concepción patriarcal do poder entendido como dominio –como “poder sobre”– e actúan desde outra experiencia: desde o “poder para”, o “poder con”, o “poder de”. Por iso necesitan colocar no centro a vida das mulleres, as súas condicións de desenvolvemento, a súa saúde, o seu horizonte… E iso pasa por colocármonos cada unha de nós –eu muller– como prioridade para a miña vida!
Que houbo de innovador, de diferente, no liderado de Lidia Senra á fronte do SLG?
Coido que Lidia é unha muller que traballa e vive desde as claves dos liderados entrañábeis. A súa función como secretaria xeral non a arredou da xente, é dicir, non impulsou dinamismos verticais dentro da organización, senón todo o contrario: apoiouse nela para crear dinamismos internos de participación horizontal dos labregos e, máis innovador aínda, das labregas. Desde a conciencia da súa condición de muller foi detectando a discriminación de xénero das labregas e impulsou a Secretaría das Mulleres. Ademais, de Lidia, todo o mundo recalca a súa autenticidade. É unha muller sinxela, forte, transgresora; unha muller compacta, enteira… Como millóns doutras mulleres no mundo, está a introducir algo novo na historia da humanidade ao traducir as súas propostas utópicas á propia vida… Está a introducir unha coherencia fonda entre o seu pensar, o seu ser e o seu xeito de estar; unha coherencia nova entre a palabra e a vida… E isto estase a dar por primeira vez de forma colectiva…
Beiras define a situación labrega histórica de exterminio, mesmo de etnocidio. Concordas con el?
A pretensión do neoliberalismo é exterminar todo colectivo, todo dinamismo, toda vida que non se conforme e adapte á súa engrenaxe, que é unha engrenaxe que o pretende reducir todo a mercadoría para beneficio económico de sectores minoritarios privilexiados. E o resultado témolo diante: millóns de seres humanos morrendo por desnutrición no sur e millóns de seres humanos enfermos de obesidade e depresión e sen sentido vital no norte. As dúas caras dunha mesma moeda. Por iso ese empeño por destruír o modelo labrego: tanto o modelo produtivo labrego, que é un xeito de relación desde o respecto á terra e desde o coidado agarimoso aos animais… un xeito non depredador, consciente da mutua pertenza; como tamén o modelo de vida labrego, que ten moito de acollida próxima e de relacións comunitarias de apoio mutuo, que agocha unha sabedoría milenaria que sabe da vulnerabilidade de todo o que vive, que coñece o ciclo perenne de vida/morte presente en todo (nas estacións, nas colleitas, na vida da xente…), que parte da interrelación de todo con todo… O modelo de vida labrego presenta unha alternativa ao neoliberalismo. E na Galiza aínda está moi vivo… Coido que precisamos reatoparnos con el desde outras miradas…
E Carme Freire fala do SLG como dunha construción colectiva para consolidar unha “organización social”. O futuro pasa por aí? Como o imaxinas?
O SLG defende o modelo labrego. Eu entendo esa aposta como unha alternativa ao modelo de crecemento neoliberal desenfreado. E vívoa como unha proposta aberta que estamos a articular colectivamente no día a día, aos poucos, en intercambio e diálogo interno e con outros colectivos de dentro e de fóra do país. É unha proposta que reborda os límites dun proxecto sindical para labregas e labregos. Porque falar de desenvolvemento sustentable ou de soberanía alimentaria, de consumo responsable ou de mercados locais, de recursos -como a auga- para todo o mundo, de paridade na organización ou de posta en valor do propio ten que ver con todas e todos, con cada un e cada unha de nós, xentes da Galiza e habitantes do planeta.
Daquela, a única alternativa posíbel está fóra do neoliberalismo?
Sen ningunha dúbida. Aínda que é un movemento intencionadamente silenciado polos poderes establecidos, moitos colectivos, moitas organizacións de base e antiglobalización, moitos homes e moitas mulleres no mundo enteiro estamos a tecer alternativas. Coido que é unha transformación imparábel; confío nesta xestación silenciosa que crea a posibilidade dunha orde nova máis solidaria. A miña experiencia de traballo político, social e sindical sempre me levou a confiar nos dinamismos do abaixo e do círculo… E sigo confiando….





[...] Máis información: http://www.altermundo.org/lidia-senra-autorizada-para-loitar/ [...]
[...] Lidia Senra, autorizada para loitar http://www.altermundo.org/lidia-senra-autorizada-para-loitar/ por Socram hai 2 segundos [...]