Non pasara aínda unha semana dende o meu artigo da semana pasada, no que denunciaba as consecuencias sociais que supón transitar polo “bo camiño” de Fernández Ordóñez e outros voceiros da burguesía, cando a compañía Telefónica nos ofrece unha mostra máis da obscenidade de seguir por ese camiñoao anunciar que despedirá o 20% do seu cadro de persoal en España (arredor de 6.000 persoas) nun momento no que a mesma compañía anunciaba que en 2010 gañara a nada desprezable cantidade de 10.167 millóns de euros -o que significa un aumento do 30% con respecto ao ano anterior-, e que na súa próxima xunta de accionistas proporá un bonus de 450 millóns euros e o repartimento de máis de 6.900 millóns en dividendos, datos que se suman a estoutros: os seus altos cargos, dos que tres se atopan entre os 10 mellor pagados de España, cobran de media 103,5 veces máis que os seus traballadores e as súas traballadoras e mais estoutro: a partir de xuño as chamadas nacionais de fixo a fixo subirán até un 150% no seu prezo por minuto e un 50% na tarifa por establecemento.
Velaí as consecuencias do bo camiño: precarización da clase traballadora e acumulación de riquezas pola clase posuidora. Non hai outra opción dentro dese camiño!
Ora ben, entendendo que dou por feito que ese non é o camiño para seguir. Que outro camiño é o que se pode tomar?
Resulta evidente que só hai unha alternativa, a que pasa por darlle un xiro de 180º á política económica do Goberno. Unha estratexia que ten que ter como principios estratéxicos fundamentais os seguintes: primeiro, crear unha Banca Pública orientada ó financiamento real da economía e das familias; segundo, enfocar a política orzamentaria á creación directa de postos de traballo en actividades como a educación, a sanidade, a axuda as persoas dependentes…; terceiro, crear empresas públicas naquelas actividades económicas que garanten o benestar da cidadanía (enerxía, transportes, comunicacións…) mediante a nacionalización daquelas que foron privatizadas (Telefónica, Iberia…) ou outras vías alternativas, co fin de garantirlle á cidadanía o acceso a servizos públicos de calidade aos que ten dereito; cuarto, establecer unha estratexia industrial axeitada ás necesidades reais da cidadanía e que faga compatible o binomio economía e medio natural; quinto, modificar os treitos do IRPF para que pague máis quen máis ten e introducir as modificacións necesarias que limiten a acumulación de beneficios -que deben reverter na sociedade- e os desequilibrios entre o salario máis baixo e o máis alto dunha mesma empresa.
Así mesmo, resulta evidente que esa nova política económica ten que ir acompañada, tamén, de profundas reformas democráticas, aquelas que fagan posible o control cidadán das actividades económicas en sede parlamentaria e a participación dos traballadores e das traballadoras na xestión democrática das empresas.
En definitiva, un sistema que poña a actividade económica ao servizo da cidadanía e non a cidadanía ao servizo dos intereses dunha minoría..






Xavier Simón


















