"A maioría das traballadoras do rural da comunidade pensan que non se lles valora. Sobre todo pola cuestión económica", asegura Bea Teijeiro, da Cova da Terra, unha das organizadoras do encontro internacional "As mulleres alimentan o mundo" que entre mañá e pasado se celebra en Lalín
O número é infrecuente: Máis de duascentas traballadoras do rural galego xa se inscribiron no encontro internacional As mulleres alimentan o mundo que entre mañá e pasado se celebra en Lalín. Trátase do efecto do proxecto ambulante que baixo o mesmo nome percorreu Galiza durante un ano para sensibilizar as produtoras sobre comercio xusto, soberanía alimentar, consumo responsábel e sobre as desigualdades de xénero que existen ao redor da produción e consumo de alimentos. Bea Teijeiro, da Cova da Terra, fixo quilómetros polas aldeas e vilas da comunidade para abordar a cuestión.
Como percibe o rural galego conceptos como comercio xusto e soberanía alimentaria?
Os grupos que tiven foron dispares. A algúns soábanlles evidentemente os conceptos, e estaban metidos no tema. Concretamente había un grupo de mariscadoras e outro de agricultoras que estaban a incorporalos. A outros non lles soaba de nada o concepto. Si estaban de acordo con moitos dos formulamentos pero non o coñecían como concepto. E, por último, tivemos algúns grupos que puxeron trabas e aos que lles parecía imposíbel poñelo en marcha coa presión das multinacionais e do grande poder enriba.
Como foi a recepción dos obradoiros?
Foron obradoiros participativos. Non só se trataba de expoñer eses conceptos, senón que elas daban a visión sobre os seus problemas. Démoslle unha perspectiva de xénero, no que se lle preguntaban cantas tarefas realizaban ao día, se crían que estaban valoradas, etc.
E que respondían?
A maioría pensaba que non se lles valoraba. Principalmente pola cuestión económica, porque é unha tarefa que non lles está remunerada. Como dicían, trátase dun traballo invisíbel: agora limpas, agora comes, e ninguén o ve. E había mulleres que traballan na explotación ou no marisqueo e logo seguen a traballar na casa. Tíñanse que facer cargo de xente maior, dos nenos…
Non era así o dos homes.
Non, eles levan un salario e iso vese diferente.
Que zonas xeográficas foron máis receptivas?
Non me atrevería a discernir por xeografías, pero desde logo, na costa, as mariscadoras eran máis activa. Tamén hai que ter en conta os grupos de idade, no que non é o mesmo a actitude das novas que daquelas que xa están xubiladas.
As xornadas de Lalín serán unha reflexión sobre todo o aprendido?
Queremos conexionar a primeira fase do rural galego coa experiencia das mulleres do sur.
Hai moito en común?
Si. Hai problemas comúns. O tema do acceso ás terras, que están en propiedade dos homes é un dos fundamentais.
Iso parece que por fin en Galiza vai cambiar. A ver.
VELLA REIVINDICACIÓN DO SLG
35.000 labregas poderán ter a titularidade compartida
As organizacións de mulleres rurais recibiron onte con satisfacción o anteproxecto, que vén substituír o decreto que estableceu en 2008 a titularidade compartida, cuxo desenvolvemento nas comunidades quedara en promesas baleiras. "Agora ten carácter de lei, xa que logo, haberá unha figura xurídica de titularidade compartida que permitirá unha xestión solidaria", valora a presidenta da Federación de Mulleres Rurais, Fademur, Teresa López.
En Galiza hai 35.000 mulleres que traballan na explotación familiar sen ter a titularidade; 400.000 no conxunto do Estado. "Estamos a falar miles de mulleres que, en pleno século XXI, traballan a tempo completo en explotacións agrarias que están a nome dos seus cónxuxes e que, polo tanto, carecen de ingresos propios e de dereitos sobre a explotación -cotas leiteiras, por exem- plo-, non poden solicitar axudas ao seu nome, non poden xestionar ningún tipo de trámite, non teñen beneficios fiscais, etcétera", alerta Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG) En que consiste a nova lei? Cando a parella se dea de alta, a súa explotación agraria recibirá un NIF e a explotación quedará a nome dos dous, o que permitirá que os ingresos se repartan ao 50% e se poida facer unha declaración de renda separada. Doutra banda, o anteproxecto, que se verá en primeira lectura este venres en Consello de Ministros antes da súa exposición pública, recolle a posibilidade de que a muller que participa na xestión da explotación, aínda que non se dea de alta, poida recibir unha compensación en caso de divorcio da parella.
Hai outra modalidade, a creación dunha sociedade de responsabilidade limitada entre a parella, con personalidade xurídica, para a que se elaborarán uns estatutos.
O antigo decreto, aprobado en novembro de 2008 tamén se recibiu con aplausos entre as mulleres do campo, porque supuña a caída dun antigo vestixio machista: as explotacións agrarias só podían ter un titular e xeralmente recaía no home. A partir dese momento, ambos poderían ser cotitulares e elas non terían que levar un permiso asinado para formalizar o papelorio da explotación. A responsábel da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, participou onte nun encontro celebrado no Ministerio de Medio Rural (MARM) no que se presentou o borrador da futura Lei de titularidade compartida nas explotacións.
Para Vilalba, que estivo presente na xuntanza, o borrador supón "un salto cualitativo moi importante, froito da constancia que organizacións, como a Secretaría das Mulleres do SLG, mantivemos á hora de denunciar, durante décadas, a situación de flagrante desigualdade que estaban a sufrir milleiros de mulleres labregas en todo o Estado, mulleres que traballan e comparten responsabilidades xunto aos seus cónxuxes, pero que carecen dos dereitos máis básicos na súa profesión ao non poder figurar como titulares da explotación na que traballan". Vilalba expresou o seu desexo de que, tras tantos anos agardando, o borrador se converta en lei o máis axiña posíbel para pór fin, dunha vez por todas, a unha forte discriminación sufrida polas labregas que sempre se amparou no baleiro legal existente.
Cinco ONGD organizan a reunión con gandeiras de América Latina, Asia e África
Cinco ONGD galegas organizan o Encontro Internacional de Mulleres, unha reunión que se levará a cabo no Auditorio Municipal de Lalín (Pontevedra) entre mañá e pasado. Reunirá mulleres do rural galego, Sri Lanka, Cabo Verde e Nicaragua e nel analizaranse aspectos como o papel da muller como produtora e consumidora de alimentos, a soberanía alimentaria como dereito dos pobos e o comercio xusto como ferramenta de loita contra a desigualdade de xénero e social. O Encontro Internacional de Mulleres forma parte dunha campaña posta en marcha pola Cova da Terra, Amigos da Terra, Intermón Oxfam, Panxea e Taller de Solidariedade, cinco ONGD que, xunto Axuda en Acción e Solidariedade Internacional de Galicia, forman parte da Comisión de Comercio Xusto e Consumo Responsable da Coordinadora Galega de ONGD. O Encontro está enmarcado no proxecto "As mulleres alimentan o mundo" que ten o obxectivo principal de sensibilizar á sociedade galega sobre o Comercio Xusto, a necesidade de consumir de forma response e sobre as desigualdades de xénero que existen ao redor da produción e consumo de alimentos.






Xavier Simón


















