Autor/a

Político galego, economista e voceiro do Encontro irmandiño. Membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial e membro do Consello Editorial de Altermundo.

Consello Editorial

X. M. Beiras
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

O estado composto, descomposto
O estado composto, descomposto

O que comezara como disque espranzadora desconxelación do avance no autogoberno das nacionalidades históricas, con demostración prática do célebre "seny" catalán, derivou en requentamento abrasador das engranaxes institucionais, e acabou en colapso da maquinaria constitucional do , seica composto, das autonomías, con demostración igualmente prática do non menos célebre sectarismo españolista. 

[Extraído de Galicia Hoxe]

Estraña maneira ésta de comezar, hoxe. Quen lea o rótulo e, a seguida, as citas do cabezal, pensará que ao Beiras patínanlle as meninxes máis do usual -poisque non é coñecido como autor de teatro do absurdo. Non teño dotes para tal arte, por moito que mo facilite a realidade política mesma, ou sexa, por moi absurdo que resulte de seu o teatro político actualmente representado en celtiberia. Daquela, qué terá a ver o descomposto Estado composto español dos nosos días co "Nathan o sabio" de Gothold Lessing do século das luces e a noción de tolerancia concebida pola Ilustración? Enigma ou delirio: só algún deses dous termos pode calificar a ocurrencia de establecer semellante relación absurda. Pillaría en Atenas algún andacio de proceso febril retardado?

Sereivos sinceiro. A verdade é que pensara comentarvos eiquí a crise política catalá desencadeada pola deflagración atmosférica do Estatut. Iso, índa que non o pareza, motiva o rótulo deste artigo. Mais o azar -ou a necesidade, quen sabe-quixo que polo meio se interpuxese a leitura dun delicioso ensaio de Reyes Mate sobre o conceito ilustrado de tolerancia, encarnado por Lessing no seu modélico Nathan, en contrapunto coa releitura crítica que fai Franz Rosenzweig a comenzos do s. XX. O Reyes e máis eu coñecéramonos, cando novos, na clandestinidade antifranquista, inanque non me eu lembraba. Relembroumo il con ocasión de coincidirmos, o pasado febreiro, nas sesións de traballo en equipa celebradas en Compostela para rematarmos a elaboración do famoso informe sobre a Cidade da Cultura, coordenado por Denis e Villanueva, que tánto deu que falar naquel intre.

O caso é que conversamos encol de como encrucillada de civilizacións, da diversidade cultural, das identidades e a mestizaxe, de aí pasáramos ao contraste antre diáleticas de conflito e de reciprocidade arrequecedora, e ao cabo saíra o tema da tolerancia como cultura das relacións enfiadoras da alteridade e a diferencia. Eu, afrancesado impenitente, tirara a colación ao Voltaire apoloxista da tolerancia, defensor do infortunado Callas e combatente contra o fanatismo -viña de editarse en galego o seu mordaz "Exame importante de Milord Bolinbroke". E o Mate, de envexábel formación filosófica xermánica, argumentara a sua preferencia polo modelo de tolerancia deseñado por Lessing no seu drama ""Nathan o sabio", no mesmo contexto da Ilustración. Prometera daquela remesarme logo un seu ensaio: é o que veño de ler á volta de Atenas, o que se esculíu no meu caletre posto a cismar sobre a crise catalá. Velaí a espricación do enigma -ou do delirio, como prefirades.

Claro é que para delirio, o que se dí delirio, o da clase política celtibérica no affaire do Estatut. Calquera día, para xustificárense, acusan a Evo, "o indio", de terlles dado a mascar coca -en folla. Doutro xeito non se esprica. O que comezara como disque espranzadora desconxelación do avance no autogoberno das nacionalidades históricas, con demostración prática do célebre "seny" catalán, derivou en requentamento abrasador das engranaxes institucionais, e acabou en colapso da maquinaria constitucional do estado, seica composto, das autonomías, con demostración igualmente prática do non menos célebre sectarismo españolista. E como pandote, o infausto goberno tripartito catalán -predestinado il.

Ben sei o que digo. Estou a dicir que o que parece ou preséntase como unha crise do goberno da Generalitat, non é tal. Noutras verbas: afirmo que a natureza da crise política catalá non é a dunha crise de goberno, senón outra moi diferente e situada noutro nivel institucional máis medular e vital do rexime vixente. En primeiro lugar, é unha crise dos resortes constitucionais do chamado "estado das autonomías". Nefeito, o foco causal da crise consiste en que, no proceso de elaboración e aprobación do novo Estatut, impúxose a vontade política das forzas españolas de ámbito estatal acuantes nas Cortes, sobre a vontade do povo catalán representado no seu Parlament. A cousa non resultaría anómala se se tratase dun asunto concernente a tódolos cidadáns españois. Mais non é o caso: o asunto en custión é -era- o avance no autogoberno do povo catalán. Se ese avance implicase reforma da constitución, poderíase argüir que, daquela, concernía a tódolos cidadáns españois aceitalo ou refugalo. Fora ise o argumento esgrimido para rexeitar a proposta defendida nas Cortes para a Comunidade de Euskadi polo seu lehendakari Ibarretxe. E foi agora o punto de ataque escollido pola grea "popular" para tentaren impedir o debate do Estatut nas Cortes. Mais o Tribunal Constitucional sentenciou que o Estatut non puña en custión a Constitución vixente. Portanto, o avance no autogoberno catalán proposto no novo Estatut non alteraba o marco constitucional, e pola mesma non atinxía aos dereitos políticos dos cidadáns non cataláns. Esa era, en boa lóxica, a condición tácita esixibel para o cumplimento da célebre promesa feita por Zapatero, de que o que aprobase o Parlament valería en Madrid. Os cataláns cumpliron a condición. O poder central incumplíu a sua promesa. As forzas estatais impuxeron a vontade política española á vontade democrática do povo catalán. E así resulta que o autogoberno dos cataláns decidírono os españois inda que non alteraba o marco constitucional común. Qué caste de autogoberno é ise? O Estatut pasou de ser "carta outorgada" conforme á vontade catalán, a convirtirse en "carta ortopédica imposta" por España a . Qué desenvolvemento constitucional do Estado das autonomías é ise? Colapso, resulta ser, e non avance ningún. Descomposición do Estado composto -de nación "española" e nacionalidades "históricas"- e reinstauración do Estado unitario xenuino da "España uniforme" que retratara, lúcidamente por certo, o profesor Lacasta hai poucos anos.

E é que o problema non é a constitución: agora vese claro que, no caso do novo estatuto vasco, a "salvagarda" da inalterabilidade constitucional fora un simples pretexto para impedir o debate do "Plan Ibarretxe". O problema é a sabotaxe política praticada pola caverna celtibérica, non xa ao desenvolvemento, senón ao simples funcionamento do estado das autonomías conforme ao auténtico deseño constitucional, que non receita "café para todos" nen equipara o rango autonómico das nacións-sen-estado ao das restantes comunidades non existentes con anterioridade á promulgación da Constitución -ou sexa, non forxadas pola historia como comunidades nacionais diferenciadas da española. O problema está, pois, na sectaria negación desta evidencia: a realidade plurinacional do espazo sociopolítico encorsetado polo Estado unitario español. A crise do goberno catalán é un fenómeno reflexo, por rebote, da crise do modelo constitucional estabrecido e das pezas do aparello de Estado que o "compoñen" -a empezar polos partidos de ámbito estatal, que seguen a praticar, á hora da verdade, un feroz españolismo chovinista e reaccionário, chámense iles como se chamen.

Mais inda hai outra faciana non menos grave e soturna desta crise. Porque, en segundo lugar, trátase dunha crise da lexitimación e representatividade das institucións do poder lexislativo. Unha crise análoga en natureza á que padecen as equivalentes francesas dende o referendum do tratado constitucional da U.E. No caso francés a deslexitimación radica en que os cidadáns, en plebiscito, desmintiron e desautorizaron aos seus representantes eleitos na Asemblea Nacional: a imensa maioría distes estaba polo si a ese tratado; os cidadáns, en plebiscito, dixeron maioritariamente non. No caso do Estatut, a posición de voto do PSC, e IV no Parlament foi representativa do eleitorado catalán, que os elixira representantes para faceren ese Estatut. Mais tanto PSC e IV coma deixaron de representar a vontade dese eleitorado catalán cando mudaron a posición de voto nas Cortes e apoiaron a mutilación do Estatut aprobado no Parlament. Só mantivo nas Cortes a lealdade á cidadanía catalá: non só ao seu eleitorado, senón ao das outras tres formacións que elas treicionaran en Madrid. Convirtir a , precisamente a ela, en pandote desa trapallada desleal, e por riba culpala da crise da Generalitat e expulsala do goberno catalán por esixencia do poder central, é unha falcatruada que leva ao paroxismo o esperpento celtíbero escenificado no teatro político catalán.

Agora comprenderedes que non era un absurdo nen un desvarío febril relacionar a descomposición do estado composto español coa noción de tolerancia definida por Lessing no contexto cultural da Ilustración, redefinida por Rosenzweig á luz da posterior experiencia histórica europea, e lúcidamente repensada polo filósofo español -si, español, il si- Reyes Mate, meu antigo camarada de loita clandestina antifascista cando mozos. Porque il mesmo extrae á luz a raíz do problema, a etioloxía da doenza en termos de moral social: "Hoxe a intolerancia ten forma de xenofobia". Refírese naturalmente á intolerancia en termos universais, nas diversas manifestacións dela que empezoñan a convivencia de povos, culturas, etnias e crenzas na humanidade. Mais esa pulsión atávica irracional e perversa é a doenza que está a impedir de raíz a articulación cívica e política da pluralidade de identidades nacionais, culturais e lingüísticas existentes no ruedo ibérico. "Só se ti es ti e eu te aceito como es, diferente de min, só así podo ser eu mesmo". O arquetipo celtíbero rexeita cegamente ese sinxelo postulado. Por iso nen sequer pode ser íl mesmo -por iso carece, en rigor, de identidade propria. •

Share
Deixa un comentario