Autor/a

Integrante de Salva la Selva na Galiza

banner_consello_peq

Categorías

O mito moderno do ‘sustentábel’
O mito moderno do ‘sustentábel’

O titulo podería ser máis ben, “O mito moderno do ‘sustentábel’ e a seguir destruíndo o planeta.

O que chaman consumo “sustentábel” –que abrangue non só produtos necesarios, senón tamén produtos superfluos e de gran luxo– crea a falsa impresión dun comportamento ético ou responsábel. Pero o acto de mercar por mercar non pode ser nunca sustentábel. O modo de vida en torno ao consumo leva implícita a idea de “non prescindir de nada”. Un auténtico compromiso co planeta implicaría máis ben rexeitar de plano certas áreas do consumo.

“Sustentábel” significa –especialmente en ecoloxía e economía, que se pode manter durante longo tempo sen esgotar os recursos ou causar grave dano ao ambiente. Desenvolvemento, economía sustentábel? É a definición do dicionario da Real Academia da Lingua Española RAE.

Pero o “sustentábel” está tan manoseado que en ocasións resulta confuso. Empresas, gobernos e medios de comunicación empregan esta verba de xeito deliberadamente abusivo. Un recurso natural utilízase de forma sustentábel se non se esgota, se é posíbel a súa rexeneración e a súa produción e reprodución futura. Unha produción autenticamente sustentábel de bens ou servizos requirirá unha organización da vida en torno á auténtica protección da natureza, da conservación da biodiversidade. Non só local, senón tamén nacional e globalmente, atendendo a protexer ecosistemas e poboacións e atendendo ás súas necesidades. A meirande parte de esquemas de evaluar a céntranse con todo en aspectos case exclusivamente económicos, ignorando o ecolóxico e o social. Así acontece cando se fala por exemplo de minería sustentábel, ou produción sustentábel de enerxía. A consideración do aspecto sustentábel é demasiado estreita e apunta máis ben a xustificar estas actividades, e até a impoñelas.

Bling, bling, o brillo que cega

Na vida cotiá, as cidadás e cidadáns chegamos a dobregar moi a miúdo a nosa vontade perante bens, servizos e obxectos de consumo que requiren grandes cantidades de materias primas e enerxía: electricidade e calefacción, telecomunicacións, grandes infraestruturas, tecnoloxía, transporte de persoas e mercadorías. Comer carne e produtos lácteos, utilizar cosméticos e produtos de beleza, gadgets electrónicos –ipads, ipods, toda clase teléfonos portátiles, ordenadores, consolas–, voar barato, renovar de seguido o vestuario, xoias, beber refrescos das grandes multinacionais… Todas estas tendencias pásannos por riba impoñéndosenos, pero non melloran realmente a nosa calidade de vida. Porén, si concentran ganancias e poder en mans das grandes empresas e industrias que se esforzan por todos os medios de convencernos de que sigamos a mercar por mercar.

Multinacionais sustentábeis?

Moitos compradores están saturados e en realidade posúen xa todo o que necesitan. O slogan publicitario pasa a ser o de que “comprando, salvamos o mundo”. Cada vez máis empresas únense á tendencia de “defender a natureza”. Saben que isto lles produce sustanciosos beneficios.

Acusada de acaparar as fontes de auga comunitarias en lugares como México ou a India, até a Coca-Cola dise sustentábel. Igualmente chocante é que se digan sustentábeis megaempresas multinacionais como Ikea, que vende cen millóns de mobles cada ano en todo o mundo, para os que demanda 12 millóns de metros cúbicos de madeira; ou que unha liña aérea como Lufthansa queira voar sustentabelmente, cando utiliza 30 millóns de litros combustíbel ao ano e emite á atmosfera unha cantidade inmensa de gases daniños para o clima.

Pola súa banda, outras multinacionais como Zara, Adidas, ou Wallmart producen e venden de xeito masivo, esnaquizando tecidos empresariais locais, explotando traballadores, terceirizando as producións, esclavizando seres humanos e afectando severamente ao medio. Que se denominen sustentábeis non é ecolóxico, nin moito menos ético.

Producir continuamente tal cantidade masiva de “bens” e obter as materias primas e enerxía necesarias para producilos, conduce sen dúbida a hipotecar a humanidade e o patrimonio ecolóxico. As super-ofertas págaas sempre a natureza.

A maldición das materias primas

Ouro, prata, cobre, níquel, litio, aceite de palma ou de soia, cana de azucre, cacao, café, algodón, salmón ou camaróns son recursos mineros e produtos agroindustriais de alta demanda. Presentar a extracción e a produción industrial a grande escala de calquera destas materias primas como “sustentábeis” é a gran mentira verde do noso tempo. Alá onde existen estes recursos existe o risco de que as multinacionais obteñan concesións para a súa explotación.

A minaría industrial ao descuberto e a grande escala nin é nin poderá nunca ser sustentábel, aínda que as grandes compañías mineras como Barrick, Rio Tinto ou Anglogold enchan as súas páxinas web con esta palabra. Tampouco é en ningún caso sustentábel a agricultura industrial a grande escala ou agronegocio, que require un acaparamento sen precedentes de terras de cultivo que previamente era traballada por poboacións rurais; e o uso masivo de agrotóxicos para o control das pragas e o aumento da productividade. Para mostra un botón, Monsanto, o xigante das sementes transxénicas tenta por todos os medios tamén de crear ao seu redor unha imaxe sustentábel á vez que pasa como unha apisoadora sobre a agricultura tradicional acabando literalmente coa vida rural de moitas rexións e así coa existencia de moitas comunidades e familias labregas. Por iso, tampouco son entón sustentábeis os produtos producidos a partir destas materias primas. Nin a extracción de carbón, de gas ou de petróleo. Nin o seu transporte, distribución, venda ou consumo. Todas as grandes empresas petroleiras falan incisivamente de sustentabilidade nas súas webs, incluída BP, causante da mais recente catástrofe petroleira no Golfo de México, pero tamén Shell, Chevron ou Repsol, todas elas ligadas a violacións de dereitos humanos, contaminación do medio natural e accidentes e derrames petroleiros de diversa consideración.

A resistencia cidadá e rural cada vez máis numerosa non é pois gratuita, senón que obedece á elevada preocupación dos pobos polos seus dereitos fundamentais e polo medio natural da súas contornas.

Máis e máis crecemento…

Os mercados son globais, impoñen máis “crecemento” como “solución” para a crise económica. O sistema establece que todo o tempo hai que producir e vender “algo”. Para impulsar tal crecemento irracional, politicamente deciden, aproban e fomentan toda clase de infraestruturas, proxectos extractivos de materias primas mineiras, petróleo, gas e comoditties agrícolas. As transnacionais fan cifras marca, e concentran cada vez máis a riqueza.

Problemas globais exacerbados coa globalización como o fame, a seca, a mudanza climática, ou a destrución de ecosistemas importantes, como as últimas selvas tropicais, requiren respostas políticas contundentes que rematen coa corrupción e os privilexios, e que apunten a solucionar –e non a dilatar– os problemas sociais e económicos.

O Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, a Organización das Nacións Unidas e as súas convencións marco –ou a súa conferencia de desenvolvemento sustentábel celebrada o ano pasado en Río–, van dictando as políticas económicas e enerxéticas que han de ir tomando os países dos hemisferios Norte e Sur. Pero estes foros están dominados pola palabra das transnacionais, convidadas de honra e socias destes espazos de poder, e con toda seguridade, ningún dos grandes problemas da humanidade vai solucionarse con máis do mesmo.

Formas de organización auténticamente participativas e responsábeis son as que poden marcar o camiño correcto. Volver a fomentar un tecido social baseado e diverso, o próximo, o local é a única porta a un modo de vida autenticamente sustentábel.

LEMBRA

S e te venden a idea do "sustentábel" a grande escala industrial non é para protexer a natureza, senón para xerar e manter mercados.

As estratexias que promoven un uso "sustentábel" dos recursos a grande escala industrial, conducen –no medio de palabras bonitas- a perdas de economías locais, de ecosistemas, de biodiversidade e de modos de vida tradicionais de pobos rurais e indíxenas.

Si ou si, moitos recursos, materias primas e até fontes de enerxía como o petróleo están ao bordo do esgotamento. As nosas sociedades modernas están a desenterrar o auténtico benestar ou "bo vivir", a proximidade e o respecto aos demais e á natureza. Moi atrás quedan aspectos fundamentais para o ser humano como o territorio, o traballo, a saúde, a educación e ata o pensamento, os sentimentos ou as emocións. Non te deixes enganar pola palabra "sustentábel". Só é unha verba. Mira sempre máis aló. Evita o consumo por imposición e polo puro gusto. Usa menos bens de consumo, aqueles realmente necesarios e cunha vida máis longa. Non te deixes cegar co brillo do ouro.

+INFO: SALVA LA SELVA
www.salvalaselva.org
www.facebook.com/salvalaselva
Share

2 Comentarios
  1. […] continúa a ler este artículo en Altermundo […]

 
Courte en longue robe avant, remplissage en couches blanc voile de dentelle, et noir arc taille exagérée entrent en collision les uns avec les autres un nouveau sens de la beauté. Robe De Mariée Ce ne regarde pas des combinaisons particulièrement familières? Anpassade festklänningar webbutik, skräddarsydd för billigt. Style är också särskilt hög. Jag hoppas du gillar, vi tar en titt på de nya 2016 festklänningar festklänningar men också en antydan av modeller bär spets festklänningar känsla Balklänning Robe De Mariée Robe De Mariée Balklänning