Autor/a

Político galego, economista e voceiro do Encontro irmandiño. Membro do Consello Internacional do Foro Social Mundial e membro do Consello Editorial de Altermundo.

banner_consello_peq

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

O roubo da auga (I)
O roubo da auga (I)

I. DE BEN "LIBRE" A MERCADORÍA COBIZADA

Os manuais académicos de Economía Política ao uso cando eu era estudante universitario primeirizo -poisque estudante seguino a ser logo como docente e inda o sigo a ser de vello agora- adoitaban definir os bens económicos polo principio da escaseza. Para seren bens "económicos", dicíasenos, era condición primeira e necesária que fosen aptos para satisfaceren necesidades humás. Mais non abondaba con iso: era ésa unha condición necesária, mais non suficiente. Compría asemade unha segunda condición: que fosen escasos. A escaseza era o atributo que marcaba a diferencia específica definitoria dos bens económicos dentro do conxunto dos bens aptos de seu para satisfaceren necesidades humás. Os bens non escasos, mesmo que fosen úteis para o ser humán, denominábanse bens "libres". E o exemplo de ben "libre" máis recurrentemente mentado naqueles manuais eravolo… a . Mesmamente. Tamén o aire, abofé. Xa vedes que moito choveu dende aquela, e adoito en forma de choiva aceda, para chegarmos á situación actual do planeta e do sistema-mundo, que desminte e invalida, coa contundencia dos "feitos pertinaces", os exemplos dados nos manuais académicos para ilustrar a sua axiomática "declaración universal" do que é "económico" e o que non: sic transit gloria mundi -que diría a curia romana no enterro de tan sabido dogma… académico.

Porque, unha de duas: ou a tal definición non é valedeira, ou é que a auga e o ár deixaron de ser bens "libres". Ora, se nen sequer o ár e a auga son bens "libres" xa, qué caste de bens cabe imaxinar que sexan aínda "libres", qué caste de bens úteis existentes na "natureza" -na biosfera- cabe cualificar de "libres", é dicir, non "económicos"?. E se todo na biosfera son bens económicos, de qué raio val logo a "diferencia específica" entre bens "económicos" e "libres" que dota de sentido á susodita definición?. Ou sexa: de qué val unha definición que xa non define o que pretende definir?. Non, non é unha brincadeira miña. Non estou a xogar aos trabalíngoas, nen a imitar ao inimitábel Groucho Marx -malia que algo de parodia hai neste meu palique. Estou a pórvos -paródicamente- en evidéncia o fraude conceitual que, dende as mesmísimas nocións basilares, permite convirtir a ciencia económica en ideoloxía ao servizo da mercantilización do universo todo, da conversión en mercadorías de absolutamente todos e calisquer elementos da natureza, da insaciábel depredación mercantil da biosfera enteira. Até das fontes da vida no planeta: a auga e a atmosfera.

Porque a escaseza non é un atributo dos obxetos naturais, senón un resultado da acción humana sobre a natureza: un fenómeno social, e non natural, que difire segundo sexan os modelos de civilización e de modo de produción e distribución dos produtos desa acción humana -e xa que logo, das relacións dos colectivos humáns cos ecosistemas da biosfera. E é a combinación da lóxica do modo de produción capitalista -o lucro e a acumulación- coa da civilización industrial -a cousificación utilitarista do medio natural- o que reduce tódolos bens úteis a mercadorías -ou sexa, tódolos bens económicos a unha soa das suas formas posíbeis- e tódolos elementos da natureza a recursos produtivos -ou sexa, a unha soa das suas posíbeis funcións, aquela que mesmamente os des-naturaliza: a de forzas produtivas para a transformación industrial. O resultado do primeiro é o desprazamento do valor de uso dos bens económicos polo seu valor de cambio: a mercantilización a prol do lucro privado. O do segundo éo a conversión da natureza nun obxeto inerte de apropriación sen reposición: a depredación levada ao paroxismo. Mercantilización e depredación: duas metáforas do roubo.

Emporiso, a segunda vaga histórica da razón ilustrada, a do pensamento revolucionario do s.xix en diante, procedeu á crítica das nocións elaboradas pola economía política do liberalismo burgués, a desvelar a sua función ideolóxica de apoloxética do e a contrapórlle outra perspectiva. Nela, os bens aptos para satisfaceren necesidades humás son obxetos úteis, a sua idoneidade radica no seu valor de uso. Uns téñena no seu natural, e abonda usalos ou consumilos. A outros, os máis, compre dárllela meiante procesos produtivos, compre producilos: como resultado, son produtos. Mais non por iso son necesariamente mercadorías. Convírtense en mercadorías cando se producen, non para utilizar o seu valor de uso, como por caso nas culturas campesiñas tradicionais, senón por mor do seu valor de cambio: para a venda -para o mercado. O paso seguinte é: para obter lucro. Cada paso na conversión do produto en mercadoría distánciao máis do seu valor de uso, é dicir, da sua función primixenia: cubrir as necesidades materiais da existencia humá. Ao mercado só ten acceso quen dispón de cartos pra poder comprar -non quen ten necesidades que satisfacer. Por iso, nun sistema que tente realizar o benestar social, os bens que satisfan necesidades básicas non poden convirtirse en mercadorías -non poden mercantilizarse. Saúde, educación, cultura son bens sociais non mercantilizábeis: o acceso a iles forma parte dos dereitos humanos fundamentais. Tamén os alimentos. E tamén, sobranceiramente -madia leva- os elementos todos do patrimonio natural, a empezar polos máis vitais para a biosfera. A auga, pois, tamén.

A "razón perguiceira" -obrigado, Boaventura- do liberalismo burgués negouse decote, teimudamente, a aceitar a existencia, e comprender a índole, tanto dos bens sociais coma dos patrimonios naturais. Non lle conviña: para ela business is business -e con iles non podía especular. E a "razón ilustrada" do pensamento revolucionário -anti-sistémico, pois- tardou de máis en dexergar e entender os colectivos humáns, as formacións sociais, como parte integrante da biosfera e dependente dos seus ecosistemas -de xeito que o socialismo ensaiado na prática tampouco chegou a ser un "eco-socialismo". Só a irrupción do ecoloxismo na escea das propostas e movementos alternativos mudou a cosmovisión da interacción home-natureza e o valor dos ecosistemas -redimensionada á sua vez, inda máis tarde, pola emerxencia das culturas dos povos orixinarios e os movementos indixenistas. Mais, entramentras, a contra-revolución desencadeada polo ultraliberalismo exacerbaría, até levalos ao paroxismo, os procesos de mercantilización e depredación dos bens naturais, consustancias coa aberrante lóxica do capitalismo: un capitalismo non depredador é tan inimaxinábel coma un tigre vexetariano -na sarcástica imaxe do Sousa Santos. E nésas estamos. A "lóxica" voracidade do capital convirtiu en mercadoría cobizada a auga, os sistemas hídricos todos do planeta, á par que esparexía a sua contaminación -e pola mesma convirtía as augas limpas nun ben cada vez máis escaso: provocaba a sua escaseza como coartada para facer business con ela. E tamén o vento -co pretexto das enerxías renovábeis, após espoliar as fósiles. E mesmo a atmósfera -ou qué outra cousa é o "mercado do carbono", ese enxendro ecocida.

A mercantilización da auga comezou pola dos servizos de suministro -de auga "potábel"- en expansión correlativa aos procesos malchamados de "urbanización" do habitat humán. Unha mercantilización privatizadora dos servizos públicos ao compás da desmontaxe peza a peza do "welfare- state" no actual período histórico de crise e involución reacionária. Mais o obxetivo fulcral atinxe á auga en si mesma, como xa dixen: á mutación do ben "libre" en "recurso escaso" -e portanto, á sua "lóxica"(?!) conversión en "mercadoría", a sua inexorábel mercantilización privatizadora. En prata: o seu roubo, a sua confiscación polo capital privado. É o pinchacarneiro espoliador que ven de pegar ese tigre non vexetariano tamén onda nós, no colo da consabida brigada política de demolicións: a recente "Lei de Augas… de Galicia". Da , dixen?. Meigas fóra! -mais o esconxuro fica prá vindeira semán.

Share
Deixa un comentario