Os países ricos acoden a Rio de Janeiro coa proposta principal da “economía verde”. Un concepto-trampa que se limita a designar, a maioría das veces, unha simple camuflaxe verde da economía pura e dura de sempre. Un “enverdecemento”, en suma, do capitalismo especulativo. Eses países desexan que a Conferencia Rio +20 lles outorgue un mandato das Nacións Unidas para empezar a definir, a escala planetaria, unha serie de indicadores de medición para avaliar economicamente as diferentes funcións da natureza, e crear dese xeito as bases para un mercado mundial de servizos ambientais.
Brasil acolle en Rio de Janeiro, do 20 ao 22 de xuño, a Conferencia das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sustentábel, chamada tamén “Rio +20” porque se celebra dúas décadas despois do primeira gran Cimeira da Terra de 1992. Asistirán a ela máis de 80 xefes de Estado. As discusións centraranse na volta de dous temas principais: 1) unha “economía verde” no contexto do desenvolvemento sustentábel e a erradicación da pobreza; e 2) o marco institucional para o desenvolvemento sustentábel. En paralelo ao evento oficial, tamén se celebra a Cimeira dos Pobos que congrega os movementos sociais e ecoloxistas do mundo.
As cuestións ambientais e os desafíos do cambio climático seguen constituíndo urxencias maiores da axenda internacional (1). Pero esta realidade está a ser agochada, no Estado español e en Europa, pola gravidade da crise económica e financeira. Normal.
A eurozona atravesa un dos seus momentos máis difíciles a causa do fracaso manifesto das políticas de “austeridade sen concesións”. A recesión instalouse en varias economías, cun desemprego en alza e dramáticas tensións financeiras. o Estado español, en particular, vive os seus momentos máis preocupantes desde 2008; peores que cando crebou o banco Lehman Brothers. A economía debeu someterse á auditoría dos inspectores de Bruxelas. A prima de risco disparouse entrando en zona de intervención, e volveron aparecer todas as dúbidas sobre a solvencia do sistema bancario español, arrastrado pola escandalosa creba de Bankia.
Ante o fracaso do Banco de España, e as dúbidas sobre a credibilidade do sistema financeiro, tívose que recorrer a un grupo de firmas “independentes” estranxeiras para analizar a morosidade oculta dos bancos españois (2). Entre os cidadáns esténdese a idea de que o Estado español vai necesitar, de xeito máis ou menos inmediato, o apoio do Fondo de Rescate Europeo, como xa lle ocorreu a Irlanda, Grecia e Portugal. O 62% dos españois témeo.
Reina pois o pesimismo. O premio Nobel de economía Paul Krugman botou leña ao lume cando, o mes pasado (3), avisou de que é “moi posíbel” que Grecia abandone o euro no curso deste mes de xuño… Unha saída de Atenas da moeda única europea tería como consecuencia inmediata a fuga de capitais cara aos países veciños e a retirada en masa dos depósitos bancarios. Fenómenos que se contaxiarían inevitabelmente a Portugal e Irlanda e, sen dúbida, a España e Italia. Krugman vaticinou por certo que non desbotaba que, despois, chegase ao Estado español e a Italia un corralito bancario (4)…
Nesas preocupacións estamos. E por iso os cidadáns europeos seguen con tanta atención a axenda electoral europea: eleccións lexislativas francesas o 10 e o 17 de xuño; novas eleccións gregas ese mesmo día 17 de xuño. E a cimeira de Bruxelas do 28 e 29 de xuño que decidirá por fin se a Unión Europea segue o vieiro alemán da austeridade até a morte, ou se adopta a vía francesa do crecemento e do rexurdimento. Dilema vital.
Pero iso, a pesar do seu dramatismo, non debe facernos esquecer que, a escala do planeta, hai outros dilemas vitais non menos decisivos. E o principal deles é a desfeita climática da que falará tamén este mes, en Rio de Janeiro. Lembremos que, en 2010, o cambio climático foi a causa do 90% dos desastres naturais que ocasionaron a morte dunhas 300.000 persoas, cun quebranto económico estimado en máis de 100.000 millóns de euros…
Outra contradición: en Europa, os cidadáns reclaman, con razón, máis crecemento para saír da crise; pero en Río, os ecoloxistas advertirán que o crecemento -se non é sustentábel- significa sempre maior deterioración do medio ambiente e maior perigo de esgotamento dos limitados recursos do planeta…
Os líderes mundiais, xunto con miles de representantes de gobernos, empresas privadas, organizacións non gobernamentais, movementos sociais e outros grupos da sociedade civil, reúnense pois en Rio de Janeiro para definiren precisamente unha axenda global a fin de garantir a sustentabilidade ambiental e tamén reducir a pobreza e promover a igualdade social. O debate central estará entre o concepto de “economía verde” que defenden os voceiros do neoliberalismo, e o de “economía solidaria”, promovido polos movementos que cren que sen a superación do modelo actual de “desenvolvemento predatorio”, baseado na acumulación privada de riqueza, non haberá preservación ambiental.
Os países ricos acoden a Rio con esa proposta principal da “economía verde”. Un concepto-trampa que se limita a designar, a maioría das veces, unha simple camuflaxe verde da economía pura e dura de sempre. Un “enverdecemento”, en suma, do capitalismo especulativo. Eses países desexan que a Conferencia Rio +20 lles outorgue un mandato das Nacións Unidas para empezar a definir, a escala planetaria, unha serie de indicadores de medición para avaliar economicamente as diferentes funcións da natureza, e crear dese xeito as bases para un mercado mundial de servizos ambientais.
Esa “economía verde” desexa non só a mercantilización da parte material da natureza senón a mercantilización dos procesos e funcións da natureza. Noutras palabras, a “economía verde”, como afirma o activista boliviano Pablo Solón, busca non só mercantilizar a madeira dos bosques senón mercantilizar tamén a capacidade de absorción de dióxido de carbono deses mesmos bosques (5).
O obxectivo central desa “economía verde” é crear, para o investimento privado, un mercado da auga, do medio ambiente, dos océanos, da biodiversidade, etc. Asignando prezo a cada elemento do medio ambiente, co obxectivo de garantir as ganancias dos investidores privados. De tal xeito que a “economía verde”, no canto de crear produtos reais, organizará un novo mercado inmaterial de bonos e instrumentos financeiros que se negociarán a través dos bancos. O mesmo sistema bancario culpábel da crise financeira do 2008, que recibiu miles de millóns de euros dos gobernos, disporá así, ao seu antollo, da Nai Natureza para seguir especulando e realizando de novo cuantiosas ganancias.
Fronte a estas posicións, paralelamente á Conferencia da ONU, a sociedade civil organiza en Rio a Cimeira dos Pobos. Neste foro preséntanse alternativas en defensa dos “bens comúns da humanidade”. Producidos pola natureza ou por grupos humanos, a nivel local, nacional ou global, estes bens deben ser de propiedade colectiva. Entre eles están o aire e a atmosfera, a auga, os acuíferos -ríos, océanos e lagos-, as terras comunais ou ancestrais, as sementes, a biodiversidade, os parques naturais, a linguaxe, a paisaxe, a memoria, o coñecemento, Internet, os produtos distribuídos con licenza libre, a información xenética, etc. A auga doce empeza a ser vista como o ben común por excelencia, e as loitas contra a súa privatización -en varios Estados- tiveron importante éxito.
Outra idea que preconiza a Cimeira dos Pobos é a dunha transición gradual entre unha civilización antropocéntrica e unha “civilización biocéntrica”, centrada na vida, o que implica o recoñecemento dos dereitos da Natureza e a redefinición do bo vivir e da prosperidade de xeito que non dependan do crecemento económico infinito. Tamén defende a soberanía alimentaria. Cada comunidade debe poder controlar os alimentos que produce e consome, achegando consumidores e produtores, defendendo unha agricultura campesiña e prohibindo a especulación financeira cos alimentos.
En fin, a Cimeira dos Pobos reclama un amplo programa de “consumo responsábel” que inclúa unha nova ética do coidado e do compartir; unha preocupación contra a obsolescencia artificial dos produtos; unha preferencia polos bens producidos pola economía social e solidaria baseada no traballo e non no capital; e un rexeitamento do consumo de produtos realizados a custa do traballo escravo (6).
A Conferencia Rio +20 ofrece así a ocasión aos movementos sociais, a escala internacional, de reafirmaren a súa loita por unha xustiza ambiental en oposición ao modelo de desenvolvemento especulativo. E o seu rexeitamento do intento de “enverdecemento” do capitalismo. Segundo eses movementos, a “economía verde” non constitúe unha solución á crise ambiental e alimentaria. Ao contrario, trátase dunha “falsa solución” que agravará o problema da mercantilización da vida (7). En suma, un novo disfrace do sistema. E os cidadáns están cada vez máis cheos dos disfraces. E do sistema.


