Autor/a

Biólogo, analista e produtor editorial. Director e fundador de Altermundo.

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Osíxeno africano para o FSM
Osíxeno africano para o FSM

Manoel Santos-. A pesar das súas evidentes feblezas organizativas, metodolóxicas, operativas e mesmo ideolóxicas, o (FSM) segue a ser, con moita diferenza, o maior espazo de encontro dos mundiais. En Senegal reafirmouse como lugar preferente de posta en común das alternativas da social global fronte ao fundamentalismo do mercado creado polo dominio do sistema capitalista.

Cunha década xa de experiencia na procura destas alternativas populares rematou o 11 de febreiro unha nova edición centralizada en , a terceira que acontece –se contamos o evento de Bamako en 2006, compartido con Caracas e Karachi– no berce da humanidade. As cifras, e máis se temos en conta que se realizaba na África subsahariana, só se poden ler dende un ollar optimista, pois duplicaron as previsións iniciais do Comité Organizador, segundo o tunesino Taoufik Ben Abdallah, un dos seus membros: 75.000 delegados e delegadas de 132 países –sen contar as moitas nacións sen Estado que participan como tales no foro–, unhas 1.300 organizacións, máis de 1.200 actividades, 38 asembleas temáticas, decenas de mobilizacións a prol das máis diversas causas e sobre todo unha sobresaínte presenza da muller africana, que por veces parecía hexemónica na universidade Cheikh Anta Diop. A “tente des femmes” foi sen dúbida un dos espazos centrais desta edición.

Sen organización, autoxestión

O FSM comezou –e seica rematou– con moitísimos problemas de organización. O primeiro día especialmente, que estaba dedicado a África e a súa diáspora, moitas actividades non se desenvolveron por falta de salas de aula, algo que tivo moito que ver cun troco á mantenta na dirección da Universidade a poucas semanas de comezar o evento. Non en van, o presidente do Senegal, Abdoulaye Wade, afirmou o día 7, nun acto centrado na presenza do ex presidente do , Luiz Inácio Lula da Silva: “Eu non estou de acordo con vostedes, se cadra nos obxectivos de reducir a pobreza ou a fame si, máis non no camiño. Eu son liberal e creo no mercado”.

Do mesmo xeito, a tradución simultánea prevista para moitas actividades non existiu, o sistema de acreditación foi máis que deficiente e a inexistencia dun programa impreso a tempo dificultou moito o traballo dos e das activistas.

Porén, o FSM funcionou, se cadra porque despois de 10 anos quen participa del ten tan asumidas as súas metodoloxías, moi centradas na autoxestión das actividades, que sabe improvisar e resolver calquera problema. Axiña se produciu unha instalación masiva de grandes tendas –as aldeas internas– que se encheron de mulleres, campesiños, pescadores, migrantes, sindicalistas, mestres e mil e unha dimensións das loitas sociais. Deste xeito, a desfeita organizativa revelou tamén unha das grandes virtudes do foro, a capacidade de organizacións dos movementos. Chico Whitaker, un dos seus fundadores, daba no albo coa súa retranca brasileira: “Xa sabemos de tres cousas que non precisa o foro: Davos –desta vez non se realizou en paralelo ao Foro Económico Mundial–, a tradución e a organización”.

Movementos africanos, unha grande esperanza

A presenza do FSM ao sur do Sahel revelou tamén que o movemento social medra exponencialmente no continente negro, e que é moito máis forte e diverso do que nos imaxinamos no Norte. É un dato importante, por canto dende o sábese que no intre en que África se levante, o mundo poderá mudar a mellor. Se hai alternativas, por forza xurdirán do mundo de abaixo.

O día 6, nunha extraordinaria e longuísima marcha inaugural que contou, segundo a organización, con 70.000 persoas, a presenza das organizacións africanas foi moi numerosa. Alí se mesturaron as brillantes cores de decenas de movementos feministas co verde da Vía Campesina, as pancartas manufacturadas dos sen voz –sen vivenda, sen terra, sen traballo…– coas túnicas da delegación saharaui, as reclamacións dunha pesca artesanal e sustentábel coa esixencia da libre circulación de persoas, as denuncias do acaparamento de terras coa opción da agricultura labrega e as sementes tradicionais fronte os transxénicos, as loitas contra a débeda coas alternativas populares fronte a mudanza climática.

Delegados e delegadas do Senegal, A Gambia, Burkina-Fasso, Malí, Benin, Togo, Nixeria ou a achegada Mauritania berraban as súas consignas e se sumaban á ilusión xerada polos levantamentos de e Exipto, cuxos procesos estiveron omnipresentes no FSM.

Se o foro comezaba coa recente caída de Ben Alí en Tunisia, remataba o día 11 de febreiro coa renuncia –ou expulsión– de Mubarak. Abofé que o mundo pode cambiar.

Non hai capitalismo bo

Reforzar e axudar a articular e converxer os movementos antisistémicos a escala mundial é o grande obxectivo do FSM. Mais no seu concepto inicial, como movemento de movementos contra a globalización neoliberal, o FSM está a mudar, mesmo a radicalizarse nos seus posicionamentos. O sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos explicábao ben nun seminario organizado polo GRAP (Grupo de Reflexión e Apoio ao Proceso do foro, que integran boa parte dos fundadores) no Institut Goethe de Dakar, afirmando que o Foro sufriu unha evolución na última década cara a un movemento xa marcadamente anticapitalista, e non só neoliberal, pois a historia demostra que é imposíbel falar dun capitalismo benévolo ou humano. “Sería como falar dun tigre vexetariano”, ironizou.

De feito, o de Dakar é o primeiro Foro no que a opción do económico no Norte aparece por fin como un tema central para a procura da tan arelada xustiza social global. Amais da antedita, houbo varias actividades específicas ao redor desta necesidade, como unha de Attac Francia ou outra dos cataláns de Nova, e a consigna debateuse tamén en moitos espazos relacionados co “bo vivir” andino, por considerarse obxectivos similares a aplicar en diferentes contextos planetarios. O director executivo do ETC Group, Pat Mooney, resumíamo dicindo que o crecemento económico como obxectivo central das nosas sociedades “condenou gran parte da humanidade á escravitude, á pobreza e á exclusión” e advertiu que, “en tanto que se basea nun espolio da natureza e dos seus recursos finitos, ameaza calquera posibilidade dun novo futuro”.

Fronte común polo planeta

Alén da procura de novos paradigmas civilizatorios, poida que a cuestión que máis consenso xera no FSM sexa a ecolóxica en todas as súas dimensións, dende a crise de recursos á loita contra os agrocombustíbeis, os transxénicos e a xeoenxeñería en xeral, a perda de biodiversidade, etc. As asembleas máis concorridas, amais da de movementos sociais, tiveron que ver coas estratexias para camiñar coordinadamente cara á COP17 –Conferencia das Partes do Convenio de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático– de Durban (Suráfrica), que terá lugar o vindeiro novembro, e cara a Río+20, dúas décadas despois do Cumio da Terra de Río de Xaneiro, que acontecerá en xuño de 2012. No FSM sábese que a cuestión ambiental é un tema central por pura responsabilidade como cidadáns e cidadás da Terra, mais tamén pola potencialidade que ten como aglutinador de mobilizacións a escala mundial, especialmente entre a xente nova do norte xeopolítico. Baixo este prisma, o FSM pretende liderar de novo grandes mobilizacións, como a que o 15 de febreiro de 2003 sacara ás rúas do mundo 60 millóns de persoas contra a guerra.

A Asemblea de Movementos Sociais, que adoita marcar a axenda de mobilizacións globais entre foros, estableceu, amais do seu compromiso con moitas loitas xenéricas, como as que fan referencia á soberanía alimentaria, o patriarcado, a anulación da débeda ou os dereitos dos e das migrantes, algunhas datas para que os movementos se coordinen nos vindeiros meses. Alén das xa clásicas, contra o G8 –en xuño en Francia– e o G20 –tamén en Francia, en novembro– chamaron a que o 20 de marzo sexa un día mundial de solidariedade co levantamento do pobo árabe e africano. Tamén queren facer do 12 de outubro –día da dignidade indíxena– un día de acción global contra o capitalismo.

Asemade, fronte ó fracaso de Copenhaguen e o acordo ilexítimo de Cancún, ao que só se opuxo –como lembrou Naomi Klein–, a asemblea aliñouse co acordo alcanzado no Cumio dos Pobos Contra a Mudanza Climática e polos Dereitos da Nai Terra, realizada en Cochabamba en abril de 2010, onde “verdadeiras alternativas á crise climática foron construídas con movementos e organizacións sociais e populares de todo o mundo”.

A , os políticos, o futuro

Entre as moitas asembleas que tiveron lugar os dous últimos días unha destacaba por incidir abertamente nese eterno debate que arrastra o foro dende que comezara en Porto Alegre en 2001: a súa relación cos movementos políticos. Proposta polo Foro Mundial das Alternativas de Samir Amin; por Mémoire des Luttes, con xente como Bernard Cassen; e por Transform! unha rede europea de pensamento alternativo e diálogo político con presenza en 16 países, e que conta con organizacións marxistas como a Fundación Rosa Luxemburgo, a asemblea de “converxencias entre movementos sociais e actores políticos” pasou, paradoxalmente, bastante desapercibida.

Está claro que a incidencia do proceso global do FSM na sociedade planetaria sería máis forte se este fose, no canto dun espazo aberto, un movemento con identidade propia que se proxectase á instancia política. Porén, tamén é evidente que un aliñamento explícito neste sentido por parte do FSM, que asemade precisaría de crear unha dirección executiva –ou unha cúpula– imposíbel de consensuar, isto é, xerarquías impensábeis nun proceso que quere ser horizontal, suporía a perda inmediata dun gran número de efectivos, dunha importante parte da diversidade social que aglutina o proceso, que é un dos seus grandes éxitos.

Asemade, non é certo que non exista relación entre o FSM e a política, iso sabémolo todos e todas, pois a presenza de mandatarios da esquerda e organizacións afíns a partidos ao redor do Foro repítese en cada edición. O desencontro é, por riba de todo, entre o FSM e o poder, cousa que ten difícil arranxo na meirande parte do planeta. Malia isto, ninguén nega a influencia do proceso dos foros por exemplo nos evidentes cambios xeopolíticos xurdidos en América latina na última década. Isto explica por exemplo que un ex mandatario como Lula, que deixou a presidencia cuns índices de popularidade nacional e internacional nunca vistos, decidira reaparecer publicamente no eido mundial precisamente durante o Foro Social Mundial, afirmando ademais que o Consenso de Wáshington fracasou e que o G20 non ten a máis mínima sensibilidade coa fame e a pobreza no mundo. Non será que son as organizacións políticas, que saben que teñen pouca capacidade de manipulación na dinámica do FSM, as que non queren ter esa relación? Certo é que, como di Esther Vivas, “o Foro non ten xa a centralidade que tivo nos seus comezos, na fase de ascenso do movemento altermundialista…”, e se cadra non é iso o que ten que ter, pois o FSM non pode substituír o traballo de base das organizacións que nel participan, que é o realmente transformador. Porén, segue a atesourar unha potencialidade tremenda como espazo de visibilización e artellamento de loitas, como lugar de necesario encontro internacional entre movementos, como xerador de pensamentos alternativos ao capitalismo no ámbito mundial e, se queredes, como bomba de osíxeno para quen deixa a vida na ardua tarefa de derrubar a hexemonía abafadora do capitalismo. Só por saber que non estamos sós e soas na loita o FSM xa paga a pena.

Logo de 10 anos, seguro que o Foro ten que cambiar moitas metodoloxías, por exemplo, cunha mudanza paulatina dos espazos reflexivos cara a obradoiros prácticos; moitos aspectos da organización interna –tamén do Consello Internacional–, como o de lles dar meirande relevancia aos movementos fronte as grandes ONG; e tamén formas de expansión, difusión, financiamento, compromiso, ou mesmo consensuar obxectivos máis concretos –cando menos uns poucos– para lograr vitorias concretas, cousa que sería ben factíbel, porque existen loitas que todos os movementos presentes no FSM poderían asumir sen problemas.

Mais afirmar que é un proceso esgotado tendo só unha década de vida é moito afirmar. Isto último ten de seguro moito que ver con esa inusitada tendencia á autodestrución e a crítica excesiva que sempre tivo a esquerda no eido mundial. Ao redor do FSM, e sobre todo despois de cada edición centralizada, xéranse moitos artigos e opinións sobre as súas feblezas, mais moi poucos sobre as súas potencialidades e menos aínda sobre as cousas concretas que se deberían mudar para avanzar neste proceso único a escala mundial. Vaia, que se albisca demasiada crítica e pouca proposta concreta.

Debemos lembrar, como escribiu Susan George no seu último libro, que os nosos inimigos, o que ela dá en chamar a ‘clase de Davos’, “están moito máis unidos e mellor organizados ca nós”, e esnaquizar os poucos espazos que temos é, máis que a expresión dun espírito autocrítico –que debe existir na súa xusta medida–, un suicidio colectivo. Que outro espazo da esquerda social é quen de xerar tanta dinámica a nivel global como o FSM? Ningún? Pois sigamos a construír e reforzar o xa creado.

A BATALLA INFORMATIVA

Centos de xornalistas e comunicadores, particularmente de África, cubriron o FSM de Dakar para tratar de combater o nulo tratamento informativo dun movemento que reúne centos de milleiros de activistas a escala mundial. Moitos deles pertencen a medios alternativos. A prensa local senegalesa asegurou unha cobertura de proximidade. O xornal Le Quotidien publicou en separata diaria, a Flamme d’Afrique, e a BBC e Radio Francia Internacional brindáronlle espazos amplos nas súas programacións diarias. Houbo tamén enviados de The Guardian e un equipo de El País Semanal.

“Foi un dos logros principais desta edición de Dakar en relación á información” salientou Bernard Bokodjin, sociólogo da comunicación togolés, quen tres semanas antes chegou a Dakar para reforzar o pequeno equipo de Prensa do Foro. “A pesar das nosas limitacións, o FSM gañou a batalla mediática, particularmente en África”, subliña. “É agora un desafío para o Consello Internacional e os organizadores africanos dar continuidade a este traballo. Deben apropiarse realmente deses contactos para seguir informando e asegurar que o proceso do Foro siga tendo o impacto que lle corresponde”. (Información de Sergio Ferrari, E-Changer)

+ INFO: Ciranda: http://www.ciranda.netCarta Maior: www.cartamaior.com.br |Terraviva/IPS: www.ips.org/TV/wsfFlamme d’Afrique: www.panos-multimedia.org/flammeAMARC (radio): www.amarc.orgIndymedia Áfricaimc-africa.mayfirst.orgAltermundo: www.altermundo.orgRevista Fórum:www.revistaforum.com.brE-Changer: www.e-changer.ch

Share