Autor/a

Profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid. Membro do Consello Editorial de Altermundo

Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Pola autoxestión e a desmercantilización
Pola autoxestión e a desmercantilización

Dentro do movemento do 15 de maio -e dentro doutras moitas iniciativas- hai, se así se quere, dúas grandes posicións. A primeira entende que o labor principal do movemento estriba en elaborar propostas que se espera sexan escoitadas, nun grao ou outro, polos nosos gobernantes. A segunda, moi diferente da anterior, aspira, así a todo, a crear espazos de autonomía nos cales procedamos a aplicar regras do xogo diferentes das que nos impón o sistema que padecemos. E a facelo, por riba, sen agardar nada deses gobernantes que veño de mencionar.

A miña impresión é que a segunda das posicións foi gañando terreo no . Non se esqueza a respecto diso que o panorama xeral no que fai a ganancias da man da primeira das perspectivas enunciadas é manifestamente desalentador. Claro que non só se trata diso: hora é esta de lembrar que nunha das súas matrices principais o movemento do 15 de maio naceu, un ano atrás, ao amparo dun propósito expreso de cuestionar un sistema pseudodemocrático no que ao cabo, e de sempre, son os grandes poderes económicos os que ditan as regras do xogo. Sobre esa base estaba servida a conclusión de que, aínda sendo comprensíbeis as demandas de reforma dese sistema que formulaban moitos sectores do , a inercia do movemento conducía moi a miúdo ao que cabía entender que era unha aposta pola construción dunha orde distinta e plenamente autónoma.

Non está de máis que propoña dous exemplos que permiten perfilar o escenario da discusión. O primeiro remite á moi estendida petición, que algúns asimilan sen máis co 15M coma se unha e outra realidade se solapasen, de reforma da lei electoral. Supoñamos, que é moito supor, que os dous grandes partidos aceptan a reforma en cuestión e que esta ten un perfil saudábel. Que mudanzas profundas cabe augurar que se derivarían diso? A posibilidade de que PP e PSOE perdesen unha parte, sen dúbida menor, dos escanos dos que hoxe gozan no parlamento, modificaría substancialmente a realidade que palpamos nestas horas? Non é lamentabelmente inxenuo supor que unha reforma da lei electoral vai resolver algún dos nosos problemas principais?

O segundo exemplo que me interesa rescatar é o da proposta de creación dunha banca pública. Non se trata agora de discutir o bo ou mal sentido de tal proposta. Trátase de preguntármonos, antes ca nada, canto tempo podemos agardar para que se perfile esa fórmula de banca. Direino cun punto de ironía: canto tempo haberá de transcorrer para que Unida conte con 150 representantes no Congreso de Deputados? Podemos permitirnos esperar até daquela ou, como me temo, os deberes son moito máis perentorios e imperativos? Mal fariamos en esquecer que a xestación dunha banca pública reclama inexorabelmente do concurso de partidos, parlamentos e leis, ou, o que é o mesmo, esixe o beneplácito de forzas políticas e de grupos de presión que apostan con descaro, apoiados nas maiorías, por outros horizontes. E ollo que non cabe de ningún xeito descartar que populares e socialistas acaben por perfilar unha banca pública con labores ben diferentes dos que, cargados de respectábeis boas intencións, pretenden asignar a aquela os nosos economistas socialdemócratas de bandeira.

Ante o panorama que acabo de mal retratar da man dos dous exemplos propostos, non é moito máis facedeiro e realista o proxecto que nos invita a construír desde abaixo un mundo -unhas relacións económicas e sociais- novo e desmercantilizado? Non estou a falar, polo demais, dun proxecto etéreo. As realidades correspondentes xa están aí. Penso nos grupos de consumo que proliferaron en tantos lugares, nas perspectivas que xorden das cooperativas integrais, nas ecoaldeas e instancias similares, nos bancos sociais que fuxen do lucro e o beneficio ou, por pechar aquí unha listaxe que ben podería ser máis longa, no incipiente movemento que expón o horizonte da autoxestión polos traballadores no caso de moitas empresas ameazadas de peche. En todas estas iniciativas o que despunta é un esforzo encamiñado por igual a rexeitar a delegación do poder noutros e a alentar a práctica da socialización sen xerarquías, as máis das veces sobre a base de postulados antipatriarcais, antiprodutivistas e internacionalistas. Non empezan a acumularse os argumentos para soster que o vello proxecto libertario da autoxestión xeneralizada é, non sen paradoxo, moito máis realista que aqueloutro que, ao amparo da vulgata socialdemócrata de sempre, todo o fai depender de partidos, leis e parlamentos?

A miúdo atópome a persoas que, con argumentos respectábeis, subliñan que as dúas opcións ás que me refiro neste texto non son incompatíbeis. Aceptareino de bo grado: non teño por que concluír, en particular, que quen lexitimamente pelexa por reformar a lei electoral é hostil á xestación de espazos de autonomía non mercantilizados (e viceversa). Creo, con todo, que o seu é subliñar que esas dúas opcións non só remiten a obxectivos e métodos diferentes: materialízanse tamén en proxectos organizativos distintos. Mentres no primeiro caso o movemento en que se concretan non é senón un instrumento ao servizo dun proceso que debe discorrer fóra del, no segundo -o dos espazos de autonomía- ese movemento muda, da man da asemblea, da directa e da autoxestión, en obxecto con vida propia que, cabal e autosuficiente, non precisa de representacións externas. De cara ao futuro, e pola súa dimensión de demostración de que é posíbel facer as cousas de xeitos diferentes, parece que esta última é unha aposta máis intelixente.

Share