Nun recente debate co Ateneu Proletário Galego organizado en Galicia pola Escola Popular Galega en torno ao Decrecemento realicei unha defensa do Decrecemento como única opción posíbel ante o colapso entrópico que comezou para a nosa civilización industrial.
Este colectivo (o Ateneu) mostrouse contrario ao Decrecemento e algúns dos seus membros chegaron a tachalo de opción "reaccionaria" e "fascista", malia que os escusarei no escaso coñecemento que demostraron ter das propostas decrecentistas. O que me chamou moito a atención foi a súa insistencia en que decrezan os ricos: puñan como exemplos a Amancio Ortega, e doadamente puidesen incluír a Emilio Botín ou a calquera outro archimillonario galego, español, europeo ou mundial.
Na miña opinión isto revela até que punto a súa fixación por unha visión monetarista e ortodoxa da realidade e da crise impídelles ver a necesidade do Decrecemento en todas as capas das sociedades ricas. Aínda que o 1% dos máis ricos decrecese no seu consumo persoal de enerxía e recursos, a repercusión sería mínima no estado actual de carreira cara ao colapso. Claro que existe unha repartición escandalosamente desproporcionada da riqueza no mundo, pero a repartición do consumo de recursos que fai cada ser humano, é moito menos desigual. Si o é entre diferentes países e estilos de vida (con EUA á cabeza co seu delirante consumo per cápita), pero non así dentro de cada país e estilo de vida.
Loxicamente o Decrecemento non quere ser homoxéneo, senón axustado aos excesos de cada un/a: de cada país, de cada rexión, de cada organización e de cada individuo. Pero os excesos do Sr. Botín dubido moito que sexan moito maiores que os dun mileurista español, simplemente porque por moito que queira consumir ten unhas limitacións físicas como ser humano e a non ser que fose un excéntrico que gastase millóns de watios para acender neones que se visen desde o espazo co seu nome, non suporía unha diferenza no consumo total de enerxía do país.
Quen defenden que os pobres dos países ricos non teñen nada que decrecer, e acusan unicamente aos ricos, están de novo confundindo cartos con enerxía. A desigualdade no consumo enerxético é moitísimo menor que en niveis de renda económica. Sen entender iso non poderemos atopalos como compañeiros de viaxe na Revolución urxente cara ao Decrecemento.
Ofuscados na visión antiecolóxica da economía, onde a loita de clases é a única realidade existente, a base última sobre a que se fundamenta o seu credo único e verdadeiro, este tipo de marxistas fanlle un fraco favor á esquerda. Como advertín seriamente ao final do debate, corremos o risco de que este tipo de esquerdistas que se negan a asumir a súa cota de responsabilidade persoal e colectiva no crecemento sen límites, acaben mudando de ideoloxía antes que aceptar un cambio nos seus hábitos de vida.
A esquerda implica solidariedade, e que solidariedade pode haber máis importante hoxe día que a que asegure un mañá aos nosos fillos e aos fillos de nosos demais congéneres? Cada vez que collemos o coche ou gastamos innecesariamente electricidade, gas, ou consumimos produtos importados, dá igual que creamos no materialismo dialéctico ou na Escola de Chicago: estamos a contribuír a roubarlles ese futuro. Non podemos lavar as mans e acusar aos plutócratas, porque a súa cota de consumo persoal é ridícula comparada coa do conxunto da sociedade.







Xavier Simón




















[...] Que decrezan eles (os ricos) http://www.altermundo.org/que-decrezan-eles-os-ricos/ por Socram hai 2 segundos [...]