Se nas filas do 15M hai unha figura persoal que me amola, esa é a do agoireiro: a de quen non ve senón problemas e insuficiencias nun movemento que, ao meu entender, é o mellor, e o máis esperanzador, que tivemos en decenios. A pesar de todos os efectos que podamos atribuírlle, as súas virtudes despuntan con claridade: propiciou a forxa dunha nova identidade contestataria, deu ás a moitas iniciativas afíns, colocou na axenda debates que o sistema intentara esquecer ou agachar, conferiu dignidade á perspectiva da asemblea e da autoxestión, e, por riba de todo, permitiu que moitas xentes descubran que poden facer cousas que parecían non estar ao seu alcance.
Á praga dos agoireiros sumouse a miúdo a de quen preferiron falar sen saber. Son os mesmos que identificaron, sen marxe para a dúbida, un declive irreversíbel no movemento do 15 de maio. Non creo equivocarme se afirmo que semellante visión é tributaria das distorsións que alimentan os medios de incomunicación do sistema. Aos ollos destes o 15M só interesa cando polo medio se revela a convocatoria dalgunha macromanifestación ou cando hai feitos violentos na trastenda.
Teño a firme convicción, con todo, de que o futuro do movemento dirímese, así a todo, da man do traballo, case sempre sórdido e pouco vistoso, rexistrado en barrios e pobos. E neste terreo o 15M permanece afortunadamente vivo, pero que moi vivo. Coñecín co paso dos anos moitos movementos que teñen unha enorme capacidade de convocatoria e unha nula dispoñibilidade para mudar o mundo, como os coñecín que, incapaces de sacar a ninguén á rúa, modificaban cada día, e para ben, as relacións humanas. A título provisional estou convencido, con todo, de que o 15M non se axusta convincentemente a ningunha desas dúas categorías: porque se, por unha banda, arrastra unha notabilísima capacidade de convocatoria -certificarémolo unha vez máis nuns días-, pola outra está facendo o que pode, e máis, para espallar a semente da subversión entre nós.
Nada do antedito implica que o movemento do 15 de maio non teña os seus problemas. Un deles, de cariz xeral, lémbranos que son moitas as xentes que simpatizan co 15M pero non están dispostas a dar o paso de sumarse francamente ás iniciativas daquel; algo teremos que tramar ao respecto diso. Tampouco está de máis sinalar que a presenza do movemento no mundo do traballo e na vida rural segue a ser lamentabelmente liviá. Por se fora pouco, anciáns, adolescentes e inmigrantes non parecen sentirse plenamente atraídos polo 15M.
Aínda con iso, anuncio o meu firme convencemento de que o movemento dispón de persoas e de vimbias máis que suficientes para converterse en plenitude en algo que xa é parcialmente: unha instancia que en todas as ordes da vida promove o horizonte da asemblea e da autoxestión para facer fronte ao capitalismo desde a perspectiva da loita antiprodutivista, do combate antipatriarcal e da solidariedade internacionalista. Para afortalar ese proxecto, e para dar réplica á ignominia que abrazan os nosos gobernantes, bo será que nos fagamos presentes en rúas e prazas o 12 deste mes. E que o día seguinte non esquezamos que aí están as nosas asembleas.







Xavier Simón


















