Autor/a

banner_consello_peq

Categorías

Quen é quen no altermundismo
Quen é quen no altermundismo

Persoeiros, loitadores e loitadoras, mentes pensantes, activistas…


MOACIR GADOTTI

 Nado en Rodeio (Santa catarina, Brasil) en 1941, o profesor Gadotti é unha das persoas clave no xurdir do Foro Social Mundial e do Foro Mundial de Educación hai xa 10 anos. Licenciose en pedagoxía e filosofía e doutorouse en Ciencias da Educación na Universidade de Xenebra en 1977.

É profesor titular da Facultade de Educación da Universidade de São Paulo dende 1991 e actual director do prestixioso Instituto Paulo Freire, unha rede internacional con persoas e institucións distribuídas en máis de 90 países de todos os continentes, co obxectivo principal de dar continuidade e reinventar o legado do xenial educador Paulo Freire.

Ten publicados moitos libros de cabeceira para educadores, como Pedagogia da Práxis (Cortez, 1995), Paulo Freire: uma bibliografia (Cortez, 1995), Pedagogia da Terra (Peirópolis, 2000) ou Educar para um Outro Mundo Possível (Publisher Brasil, 2007). Os dous últimos son Fórum Mundial de Educação. Pro-posições para um outro mundo possível (Paulo Freire, 2009) e Fórum Social Mundial em processo (Publisher Brasil, 2010).

+ INFO: www.paulofreire.org

DOT KEET

 Nada en Cimbaue, Dot Keet é unha académica e activista que forma parte de moitas redes nacionais, africanas e internacionais que loitan contra os acordos de libre comercio. Profesora de política económica e investigadora asociada do Transnational Institute –onde traballa en alternativas á OMC– e do Alternative Information and Development Center (AIDC), con sede en Cidade do Cabo, Sudáfrica.

Traballou como profesora universitaria en varios países africanos (Sudáfrica, Tanzania, Zambia, Angola e Mozambique), onde colaborou moi de preto cos seus respectivos movementos de liberación –o que lle fixo trasladarse a Europa entre 1980 e 1990– e, posteriormente, cos seus gobernos independentes.

Participa tamén activamente no Grupo surafricano de Estratexia sobre Comercio (TSG) e a Rede de Solidariedade dos Pobos Surafricanos (SAPSN), coordinadora clave do Foro Social de Sudáfrica (SASF), así como na Rede Africana sobre Comercio (ATN) e a rede internacional O noso mundo non está en venda (OWINFS).

+ INFO: Para consultar as súas moitas publicacións: www.tni.org/es/bio/dot-keet

ODED GRAJEW

 Oded Grajew (Tel-Aviv, 1944)é un empresario brasileiro impulsor do Foro Social Mundial. Defende a responsabilidade social da empresa. Foi para o Brasil aos 12 anos. Formouse en enxeñaría eléctrica e en 1972 creou a Grow Jogos e Brinquedos, dedicada a desenvolver “xogos intelixentes”. En 1990, creou a Fundación Abrinq polos Dereitos do Neno e do Adolescente e en 1998 fundou o Instituto Ethos de Empresas e Responsabilidade Social, do cal é presidente. Grajew foi o primeiro que viu a necesidade de complementar as mobilizacións contra a globalización –como a de Seattle en 1999– cunha nova etapa propositiva na que se procuraran respostas aos desafíos de construción do “outro mundo”. De aí saiu o FSM.

Hogano é tamén membro do Consello Consultivo do Global Compact, programa desenvolvido polo ex-secretario xeral da ONU, Kofi Annan, que procura mobilizar á comunidade empresarial internacional na promoción de valores fundamentais nas áreas de dereitos humanos, relacións de traballo e medio ambiente. Foi tamén asesor especial do Presidente Lula..

+ INFO: pt.wikipedia.org/wiki/Oded_Grajew | www.ethos.org.br | www.unglobalcompact.org

SERGE LATOUCHE

 Serge Latouche (Vannes, Bretaña, 1940), é un coñecido economista e filósofo que promove e explora un sistema económico denominado decrecemento. Non se define a si mesmo como altermundista. Profesor emérito de Economía na Universidade París-XI, feito que compaxina coa presidencia de La Ligne d’Horizon e do Instituto de Estudos Económicos e Sociais para o Decrecemento Sustentábel, dende o que se edita a revista La Décroissance. En 1981 fundou con Allain Caillé el MAUSS (Movimiento AntiUtilitarista nas Ciencias Sociais) e a revista homónima.

En 1998 recibiu o Premio europeo Amalfi de socioloxía e ciencias sociais. Defínese como obxector do actual modelo de crecemento económico, mantendo que é un modelo insustentábel e que hai que frealo e decrecer. De entre a súa extensa obra, destacan L’Occidentalisation du monde (La Découverte, 1989); La Planète des naufragés (La Découverte, 1991); Justice sans limites (Fayard, 2003), Survivre au développement (Mille et Une Nuits, 2004), Le pari de la décroissance (Fayard, 2006) e Petit traité de la décroissance sereine (Mille et Une Nuits, 2007).

+ INFO: www.ladecroissance.net | Artigos de Latouche: 1libertaire.free.fr/SLatouche41.html

IGNACIO RAMONET

 Ignacio Ramonet Míguez (Redondela, Galiza, 1943). Xornalista especializado en relacións internacionais e globalización. Asentado en Francia. É un dos principais pensadores críticos co proceso de globalización, sendo os seus editoriais en Le Monde Diplomatique toda unha referencia. Estudou enxeñaría en Bordeos, Rabat e París, e socioloxía na Escola de Altos Estudios Sociais de París. Doutor en Semioloxía e Historia da Cultura, así coma catedrático de Teoría da comunicación. Profesor da teoría da comunicación na Universidade Denis-Diderot (París VII). Na actualidade dirixe Le Monde Diplomatique (edición española) e a Escola de Pensamento crítico da Fundación Mondiplo (www.fundacionmondiplo.es). Tamén dirixe Manière de voir e forma parte do colectivo Mémoire des Luttes. Cofundador de Attac, movemento internacional para o control democrático dos mercados financieros e das súas institucións e de Media Watch Global, foi un dos promotores da creación do Foro Social Mundial. Ten multitude de publicacións. As últimas: Le Krach Parfait (Galilée, 2009) e La Crisis del Siglo (Icaria, 2009).

+ INFO: www.monde-diplomatique.es | medelu.org

ARUNDHATI ROY

 Arundhati Roy (Meghalaya, India, 1961). É unha escritora e activista india pola xustiza social e económica. Gañou o Premio Booker en 1997 pola súa primeira novela, O Deus das pequenas cousas (The God of Small Things. Flamingo) e en 2002, o premio Lannan pola Liberdade Cultural, que ten tamén entre os seus gañadores a Eduardo Galeano. É filla dunha feminista cristiá siria-ortodoxa de Kerala e pai hindú de Bengala. Estudou na Delhi School of Architecture, amais de dedicarse a escribir guións para diversos filmes.

Dende O Deus das pequenas cousas Arundhati converteuse nunha das grandes voces dos movementos antiglobalización, sendo moi crítica co neoimperialismo e as políticas dos Estados Unidos, coa nuclearización da India –para protestar contra as probas de armas nucleares indias no Rajasthan, escribiu o ensaio O Final da Imaxinación, publicado na recompilación O Prezo de Vivir. En 2004, gañou o Premio Sidney da Paz polo seu traballo en campañas sociais e o seu apoio ao pacifismo e en 2005 participou no Tribunal Mundial Sobre Iraq. Ten escritos case unha vintena de obras.

 + INFO: www.chitram.org/mallu/ar.htm

WANGARI MAATHAI

 Wangari Muta Maathai (Nyieri, Kenya, 1940). É unha activista política e ecoloxista kenyana. Recibiu a licenciatura en bioloxía do Mount St. Scholastica dos Estados Unidos en 1964, e o título de Master da Universidade de Pittsburg. Despois volveu a Kenya, á Universidade de Nairobi, onde recibiu o primeiro título de Doutor outorgado a unha muller de África Oriental. Fundou o Green Belt Movement (Movemento do Cinto Verde) en 1977, responsábel da plantación de máis de 30 millóns de árbores por todo o país para evitar a erosión do chan e mellorar a calidade de vida das mulleres. En 2004 recibiu o Premio Nobel da Paz polas súas contribucións ao desenvolvemento sustentábel, a democracia e a paz. É a primeira muller africana que recibe este galardón. Antes, en 1984, xa recibira o premio nobel alternativo, Right Livelihood Award. A doutora Maathai foi membro electa no parlamento e ministra de Medio Ambiente e Recursos Naturais dentro do goberno presidido por Mwai Kibaki até novembro de 2005. O seu último libro é The Challenge for Africa (Pantheon, Nova York, 2009).

+ INFO: greenbeltmovement.org

SAMI NAÏR

 Sami Naïr (Tlemcen, Alxeria, 1946), politólogo, filósofo e sociólogo. Hogano é catedrático de Ciencias Políticas da Universidade París VIII. Profesor Invitado da Universidade Carlos III de Madrid e doutor en Filosofía Política e en Ciencias Humanas pola Universidade da Sorbona. Naturalizado francés, é especialista en movementos migratorios, creador do concepto de codesenvolvemento e unha das voces europeas que máis critican o sistema globalizador neoliberal. Asesor do goberno de Lionel Jospin de 1997 a 1999 foi europarlamentario até 2004, é tamén vicepresidente dende 2001 do Mouvement républicain et citoyen. Tamén preside o Instituto Maghreb-Europe e a casa do Mediterráneo de Belfort. Escribiu numerosos artigos e libros de filosofía, economía, crítica literaria e ciencias políticas nas principais revistas académicas de Francia e doutros países. Asina con frecuencia artigos en Le Monde, Libération ou El País. Os seus últimos libros: L"Empire face à la diversité (2003); L"immigration est une chance, entre la peur et la raison (2007) e Un détournement- Nicolas Sarkozy et la "politique de civilisation" (2008).

ÉRIC TOUSSAINT

 Éric Toussaint é o presidente do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo (CADTM) de Bélxica, a máis experta organización na cuestión. Ten formación en Historia e Politoloxía, sendo doutor en Ciencias Politícas pola Universidade de Liexa e a de París VIII. É, asemade, membro do consello científico de Attac Francia, da rede cientifica de Attac Bélxica, así como do consello internacional do Foro Social Mundial. É tamén membro do Comité internacional da Cuarta Internacional e militante da sección belga (LCR-SAP). É autor de numerosos artigos –ver a web do CADTM– e libros, entre os que se poden salientar os seguintes: La Finance contre les peuples. La Bourse ou la vie (2004) e Banque mondiale: le Coup d’Etat permanent. L’Agenda caché du Consensus de Washington (2006); así como coautor, xunto con Damien Millet, de Les Tsunamis de la dette (2006) e de 60 Questions 60 Réponses sur la dette, le FMI et la Banque mondiale (2008). O último é Banque du Sud et nouvelle crise internationale (2008). Tamén dirixe a revista Les autres voix de la planète, de balde na web do CADTM.

+ INFO: www.cadtm.org


SUBCOMANDANTE MARCOS

 O subcomandante Marcos é o principal ideólogo, voceiro e mando militar do EZLN. A súa verdadeira identidade segue a ser unha incógnita. Segundo o goberno de México, trátase de Rafael Sebastián Guillén Vicente, natural de Tampico e fillo de emigrantes zamoranos, ex estudante de filosofía e letras da Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM) e profesor da Universidade Autónoma Metropolitana (UAM) da Cidade de México. Mais Marcos defínese a si mesmo: "Gay en San Francisco, negro en Suráfrica, asiático en Europa, anarquista en España, palestino en Israel, indíxena nas rúas de San Cristobal, xudeu na Alemaña nazi…". Sexa como for, Marcos é case un mito vivente, unha especie de heroe romántico cuxos escritos forman xa parte da historia das insurxencias e dos movementos antiglobalización. De 1992 a 2006 escribiu máis de 200 ensaios e historias e publicou unha vintena de libros, documentando as súas perspectivas filosóficas e políticas. Son coñecidos Nuestra arma es nuestra palabra, un compendio de escritos selectos, Muertos incómodos e mesmo La historia de los colores, un libro para nenos.

+ INFO: palabra.ezln.org.mx

EMIR SADER

 Emir Sader (São Paulo, 1943). De orixe libanesa, o profesor Sader é un recoñecido pensador de orientación marxista que está dende a orixe na organización do Foro Social Mundial. Licenciado en filosofía, mestre en filosofía política e doutor en ciencia política. Perseguido pola ditadura militar, viviu na clandestinidade e no exilio 13 anos. Foi profesor nas universidades de São Paulo, Chile, París VIII e Oxford. Hoxe é profesor da Universidade do Estado de Río de Xaneiro, onde dirixe o Laboratorio de Políticas Públicas.

Dirixiu tamén a Asociación Latinoamericana de Socioloxía e foi membro do Comité Directivo do Consello Latinoamericano de Ciencias Sociais (CLACSO), do que hogano é Secretario Executivo. Escribe en xornais e revistas como Páxina 12, La Jornada, Jornal do Brasil, Folha de São Paulo, Le Monde Diplomatique e ten un blog na Agência Carta Maior. Publicou máis de 40 libros, entre eles: A vingança da história (Boitempo); Século XX. Uma biografia não-autorizada (Fundação Perseu Abramo); Estado e Política em Marx (Cortez); A transição no Brasil: da ditadura à democracia? (Atual)…

+ INFO: www.clacso.org.ar | www.cartamaior.com.br

JAMES PETRAS

 Máis que dun altermundista –considera que os Foros Sociais Mundiais son festivais, por culpa das ONG do Consello Internacional–, ao falar de James Petras (1937) temos que falar de antiimperialismo. Descríbese a si mesmo como un "revolucionario e anti-imperialista" activista e escritor. Tamén é antisionista. Actualmente é profesor emérito xubilado de Socioloxía na Binghamton University de Nova York e profesor adxunto en Saint Mary’s University, de Halifax, Canadá. Desde 1960 a 1973 ensinou e dirixiu investigacións nalgúns países latinoamericanos. En Chile colaborou con Allende e logo do golpe de estado de Augusto Pinochet, foi membro do Tribunal Russel sobre a represión en América Latina, xunto a Julio Cortázar e Gabriel García Márquez. Nos 70 e 80 participou no movemento de dereitos humanos e colaborou 11 anos co Movimento Sem Terra do Brasil. É autor de 62 libros e máis de 600 artigos en revistas e xornais, dende American Sociological Review a The Guardian, Le Monde Diplomatique ou La Jornada. O último libro: Zionism, Militarism and the Decline of US Power (Clarity Press, 2008).

+INFO: petras.lahaine.org

CÂNDIDO GRYZBOWSKI

 Cândido Grzybowski é dende 1990 director xeral do Instituto Brasileiro de Análises Sociais e Económicas (Ibase) –fundado polo mítico sociólogo militante Betinho–, que hoxe é unha das organizacións máis influentes na sociedade civil brasileira. Sociólogo, educador e filósofo, con doutorado na Université de Paris I Panthéon Sorbonne e post doutorado no Institute of Latin American Studies da Universidade de Londres, é membro do Grupo Facilitador e do Consello Internacional do Foro Social Mundial. Antes de facerse cargo do Ibase foi profesor de Socioloxía do Desenvolvemento na Fundaçao Getulio Vargas, en Río de Xaneiro (1989-1991). Ten publicados varios libros e numerosos artigos sobre movementos sociais, sociedade civil, democracia e globalización. Ademais de podelo ler no portal de Ibase e en moitos xornais é tamén columnista de IPS (Inter Press Service. www.ips.org) e membro do consello de redacción deste suplemento Altermundo. Entre as obras máis salientábeis están O Testamento do Homem da Floresta (Fase, 1989) e Caminhos e Descaminhos dos Movimentos Sociais no Campo (Vozes, 1991).

+INFO: www.ibase.br


VANDANA SHIVA

 Vandana Shiva (Dehra Dun, India, 1952) é doutora en ciencias físicas, filósofa e escritora, coñecida activista en favor do ecofeminismo e da soberanía alimentaria.Comezou no movemento Chipko, formado por mulleres que se abrazaban ás árbores para evitar as cortas. En 1982 creou a Fundación para a Investigación Científica, Tecnolóxica e Ecolóxica, para impulsar a agroecoloxía (programa Navdanya), o estudo e mantemento da biodiversidade (Universidade das sementes), o compromiso das mulleres co ecoloxismo (Mulleres Diversas pola Diversidade), ou a rexeneración da democracia (Movemento Democracia Viva). É editora asociada de The Ecologist. Foi quen de mobilizar na India 5 millóns de persoas contra o GATT e de pórse á cabeza da mobilización de Seattle en 1999. En 1993 recibiu o Premio Nobel Alternativo. Ten numerosos ensaios. Algúns: Monocultures of the Mind (1993); Ecofeminismo (1997); Biopiratería: el saqueo de la naturaleza y del conocimiento (1999), Las nuevas guerras de la globalización (2003) ou Earth Democracy; Justice, Sustainability, and Peace (2005).

+INFO: www.navdanya.org

LEONARDO BOFF

 Leonardo Boff (Concórdia, Brasil, 1938) é doutor en Teoloxía e Filosofía e moi coñecido polo seu apoio aos máis desfavorecidos e á loita ecolóxica. Xunto con Gustavo Gutiérrez Merino considérase un dos fundadores da Teoloxía da Liberación. Ingresou nos Franciscanos en 1959 e foi profesor en Brasil, Portugal, España, Estados Unidos, Suíza e Alemaña. O seu nome de pila é Genésio Darci Boff, pero como relixioso adoptou o nome de Leonardo. En 1985, a Congregación para a Doutrina da Fe, dirixida polo cardeal Joseph Ratzinger, hoxe Papa Bieito XVI, silencioulle por un ano polo seu libro Igrexa: Carisma e Poder (1984). En 1992, Roma tentou evitar que participase no Eco-92 de Río de Xaneiro, polo que renunciou ao sacerdocio e apostatou, autopromovéndose ao estado laico. En 2001 recibiu o Right Livelihood Award, ou Nóbel Alternativo. Boff escribiu máis de 100 libros, traducidos a moitas linguas do mundo. Continua co seu traballo de teólogo nos campos da Ética, da Ecoloxía e da Espiritualidade, alén de asesorar a movementos sociais como o MST e as Comunidades Eclesiais de Base (CEBs).

+ INFO: www.leonardoboff.com

BERNARD CASSEN

 Bernard Cassen (París, 1937) é unha das figuras máis salientábeis do altermundialismo. Profesor emérito do Instituto de Estudos Euopeos da Universidade Paris VIII e titular dunha cátedra europea Jean-Monnet de Ciencias Políticas. É coñecido como xornalista e por ter sido, até xaneiro de 2008, director xeral de Le Monde Diplomatique. Foi tamén fundador e o primeiro presidente de Attac Francia (1998-2002) e segue a ser membro do Consello Científico desa organización. Asemade, é un dos pais do Foro Social Mundial, cuxa idea disque naceu no seu propio despacho falando cos brasileiros Chico Whitaker e Oded Grajew. Na actualidade, e logo de abandonar xunto a Ignacio Ramonet a dirección de Le Monde Diplomatique, está ligado á organización Mémoire des Luttes. Escribe sobre todo artigos en prensa e revistas, mais tamén ten varios libros, entre eles: Contre la dictature des marchés (1999) con ATTAC, Liêm Hoang-Ngoc e Pierre-André Imbert; A postfacé ATTAC/FMI  les peuples entrent en résistance (2000); e Tout a commencé à Porto Alegre… Mille forums sociaux (2003).

+ INFO: www.medelu.org

CHICO WHITAKER

 Francisco Whitaker Ferreira (1931) é un activista católico, achegado á teoloxía da liberación, arquitecto e coñecido por ser cofundador do Foro Social Mundial. Traballou en proxectos de ordenación territorial para o Goberno brasileiro antes de se unir aos movementos de oposición contra o réxime militar en 1964, o que o levou ao exilio durante 15 anos. Traballou en Francia como investigador e consultor da Unesco e despois en Chile, para regresar a Brasil en 1982, onde militou no Partido dos Trabalhadores (PT) e chegou a ser concelleiro en São Paulo hasta 2003. Abandonou o PT en 2006 disconforme coa súa política. Como secretario executivo da Comisión Xustiza e Paz recolleu un millón de sinaturas para levar unha Iniciativa Lexislativa Popular ao Congreso contra a corrupción electoral e hoxe aínda forma parte do Comité Nacional do Movimento de Combate à Corrupção Eleitoral (MCCE). En 2006 recibiu o Right Livelihood Award (premio Nobel alternativo). O seu libro máis coñecido é O desafio do Fórum Social Mundial. Um modo de ver (Editora Fundação Perseu Abramo e Edições Loyola, 2005).

+ INFO: www.direitos.org.br/

MANU CHAO

 Jose Manuel Thomas Arthur Chao, máis coñecido como Manu Chao (París, 1961) é un músico franco-galego que se ten convertido, sen el pretendelo, nun dos símbolos dos movementos antiglobalización por mor do seu compromiso con moitas causas a escala mundial. Ten apoiado abertamente o EZLN (Exército Zapatista de Liberación Nacional) –incluíu frases do subcomandante Marcos nas súas letras–, a dos Sem Terra do Brasil, diferentes movementos okupas, ecoloxistas, de inmigrantes sen papeis, etc. Fillo do xornalista galego Ramón Chao, Manu fíxose coñecido co grupo de música alternativa Mano Negra para en 1998 emprender a aventura en solitario cun disco que foi un rotundo éxito: Clandestino. En 2001 publica Próxima Estación: Esperanza, en 2002 Radio Bemba Sound System, en 2004 Sibérie m’était contéee e en 2007 La Radiolina. Adoita cantar en varias linguas, mesmo dentro da mesma canción, e tende a mesturar estilos tradicionais de diferentes partes do planeta con rock, chanson francesa, salsa, punk, reggae, ska, raï alxeriano, etc.

+ INFO: www.manuchao.net | www.manuchao.com.mx

NAOMI KLEIN

 Naomi Klein (Montreal, Québec, 1970) é unha das xornalistas e investigadoras máis influentes no movemento antiglobalización. É economista política, xornalista e escritora. Colaborou como columnista para os xornais como o The Guardian, de Londres, e The Globe and Mail, de Toronto. Maniféstase influída polos pais, que pertenceron a un movemento hippie achegado ao anarquismo e ela mesma achégase aos postulamentos do municipalismo libertario. Froito das súas investigacións, escribiu tres libros moi importantes. No Logo (2001) convertiuse case na biblia dos antiglobalización, pois atacaba directamente á cultura do consumo describindo as operacións das grandes corporacións. Posteriormente publicou Fences and Windows –Valados e fiestras– (2003) e hai poucos meses  The Shock Doctrine –A doutrina do shock– (2007). Tamén fixo o guión do documental The Take –A Toma–, dirixido por Avi Lewis e centrado na toma dunha fábrica recuperada polos seus traballadores como xeito de loita en contra da globalización durante a crise arxentina.

+ INFO: www.naomiklein.org

BOAVENTURA DE SOUSA SANTOS

 Boaventura de Sousa Santos (Coímbra, 1940) é hogano un dos principais intelectuais na área das ciencias sociais, salientando a súa implicación no proceso do Fórum Social Mundial, de acordo co seu pensamento de que os movementos sociais son fundamentais para o control democrático das sociedades. Doutorado en Socioloxía do Dereito pola Universidade de Yale. Catedrático da Facultade de Economía da Universidade de Coímbra, Distinguished Legal Scholar da Universidade de Wisconsin-Madison e Global Legal Scholar da Universidade de Warwick. Asemade, é director do Centro de Estudos Sociais da Facultade de EconomÍa da Universidade de CoÍmbra, director do Centro de Documentação 25 de Abril da Universidade de Coímbra e director da Revista Crítica de Ciência Sociais. Ten escritos uns 40 libros, sendo tamén un prolífico articulista. Fórum Social Mundial: Manual de Uso (São Paulo, Ed. Cortez, 2005) é xa unha obra de referencia. O seu último libro: Para uma revolução democrática da justiça (São Paulo, Ed. Cortez, 2007).

+ INFO:
www.ces.uc.pt


SUSAN GEORGE

 Susan George é un dos referentes intelectuais dos movementos antiglobalización. Nacida en Massachusetts, Estados Unidos, estudou filosofía e letras na Sorbona de París e doctorouse en ciencias políticas. Adquiriu a nacionalidade francesa en 1994. Presidenta do Consello de Administración do Instituto Transnacional de Ámsterdam, dedicado ao estudo de relaciónelas Norte-Sur e do papel que en ambas as dúas zonas xoga a sociedade civil. Vicepresidenta do movemento ATTAC-Francia entre 1999 e 2006. Preside o Observatorio da Mundialización e participa do espírito do Foro Social Mundial de Porto Alegre. Foi tamén membro do Consello de administración de Greenpeace International (1990-1995). Entre os seus máis de corenta libros: Un autre monde est possible si… (Fayard, 2004), Pour ou contre a mondialisation libéralle (Grasset, 2002), Remettre l’OMC à sa place (Éds. 1001 Nuits, 2001) e o famosísimo Lle rapport Lugano (Fayard, 2000). O máis recente é Nous, peuples d’Europe (Fayard, 2005). Moita da súa actividade como articulista pódese consultar na web do Instituto Transnacional de Ámsterdam.


JOSÉ BOVÉ

 José Bové (Talence, Francia, 1953) é un sindicalista francés que provén do sector agrícola, activista moi relevante do altermundismo e voceiro da organización agraria internacional Vía Campesiña. Bové comezou a ser coñecido pola seu activismo antimilitarista  non violento, que lle levaría a ocupar terras na gran protesta contra a ampliación dun campamento militar en Larzac na década de 1970, loita que durou 11 anos. En 1981 funda o sindicato de campesiños (CNSTP) no Aveyron e en 1987 participa na creación do sindicato Confédération paysanne que logo englobaría na Vía Campesiña, a Internacional labrega que loita contra as liberalizacións da OMC. Dende entón as súas loitas activas, coa desobediencia civil por bandeira, abranguen dende as inxustizas do comercio internacional, aos transxénicos, a soberanía alimentaria ou a ocupación de Palestina. O asalto simbólico dun establecemento en construción de McDonald’s na periferia de Millau (1999), en protesta pola importación de carnes hormonadas, tivo gran repercusión mundial. Foi candidato á presidencia francesa en 2007.


FRANÇOIS HOUTART

 François Houtart (Bruxelas, 1925) é un sacerdote católico e sociólogo marxista belga, fundador do Centro Tricontinental (CETRI) que funciona na Universidade de Lovaina e director da revista Alternatives Sud. É unha das figuras máis recoñecidas do movemento altermundialista e do Foro Mundial das Alternativas. Neto do conde Henry Carton de Wiart (1869-1951), un dos dirixentes do Partido Católico e pioneiro da democracia cristiá, Houtart é licenciado en ciencias políticas e sociais da Universidade Católica de Lovaina e tamén doutor en Socioloxía da Universidade lovaniense, onde el foi profesor desde 1958 ata 1990. Estivo moi ligado ao movemento da Teoloxía da liberación no tempo da revolución sandinista de Nicaragua. Ten máis de 50 libros publicados e centenas de artigos. Entre eles: El cambio social en América Latina (1964), Sociología de la religión (1992 e 2006), L’Autre Davos (1999), Mondialisation des Résistances. L’Etat des luttes (2000), La tiranía del mercado (2001), África codiciada. El desafío pendiente (2007) e La ética de la incertidumbre en las Ciencias Sociales (2006).
+ INFO: www.cetri.be | www.forumdesalternatives.org


FREI BETTO 

 Carlos Alberto Libânio Christo (Belo Horizonte, Brasil, 1944). Escritor, xornalista, filósofo e teólogo. Profesou na Orde Dominicana. Trátase dun dos máis coñecidos adeptos á Teoloxía da Liberación e un influente militante de movementos sociais e pastorais. Foi asesor do presidente Lula da Silva, coordinando o programa Fome Zero, e do goberno de Cuba nas relacións Igrexa Católica-Estado.

Preso durante catro anos na ditadura, Betto recibiu varios premios pola súa actuación en prol dos dereitos humanos (Fundación Bruno Kreisky, de Viena; Paolo E. Borsellino, de Italia) e tamén polos seus libros (Cámara Brasileira do Livro e União Brasileira de Escritores). É membro do Institute for Critical Research (Ámsterdam) e director da revista latino-americana America Libre. Autor de máis de 40 libros: Entre todos os homens, Hotel Brasil, A obra do Artista – Uma  visão holística do Universo, Essa escola chamada vida (todos en Ática); Batismo de sangue (Casa Amarela), Mística e espiritualidade (en co-autoría con Leonardo Boff), Contraversões (en co-autoría con Emir Sader, Boitempo).


WALDEN BELLO

 Nacido en Manila (Filipinas) en 1945, trátase dun prolífico e influente activista dende que en 1972 Ferdinand Marcos establecera a Lei Marcial. En 1978 foi apresado pola toma non violenta do consulado filipino en San Francisco. É director executivo de Focus on the Global South (www.focusweb.org), profesor de socioloxía e administración pública na Universidade de Filipinas e colaborador en numerosos medios de prensa, publicacións de economía e institutos que estudan e se opoñen á globalización, como o prestixioso Transnational Institute de Ámsterdam. Doutorado en socioloxía na Universidade de Princenton (EUA), en 2003 recibiu o Right Livelihood Award –premio Nobel alternativo– por “ser un dos principais críticos do actual modelo de globalización económica, combinando labores de intelectual e activista”. Ten escrito decenas de libros e artigos analizando modelos económicos alternativos. A súa crítica do milagre económico asiático (Dragons in Distress) foi escrita 6 anos antes do colapso financeiro que asolou a rexión.

+INFO: www.tni.org/detail_page.phtml?&act_id=16257

MICHAEL ALBERT

 Veterano activista, orador e escritor norteamericano, editor de ZNet (www.zmag.org), coeditor e cofundador de Z Magazine e cofundador de South End Press. Moi crítico coa política exterior e económica estadounidense e cos medios de comunicación de masas, escribiu, e escribe, numerosos libros e artigos de variada temática antisitema, o alternativa. Xunto con Robin Hahnel desenvolveu a proposta económica chamada Economía Participativa (www.parecon.org). Esta desafía os fundamentos da teoría económica tradicional e pretende ser unha alternativa ao capitalismo actual. Propón unha sociedade que non se organiza nin por medio do mercado nin da planificación central, nin por medio da competitividade nin do control, senón por medio da planificación participativa e a colaboración. Algúns dos libros de Albert en inglés atópanse online en Znet: What is to be Undone, Looking Forward, The Political Economy of Participatory Economics, Talking About a Revolution. Acaba de publicar Remembering Tomorrow (www.zmag.org/remtom.html).

Share