Consello Editorial

X. M. Beiras
Carlos Taibo
Marga Tojo
Xavier Simón
Lupe Ces

Xabier Macías
Alfredo I. Diéguez
Cândido Gryzbowski
Rebeca Fernández

David Rodríguez

Miguel A. Fernán Vello
Ana Miranda

Xoán Hermida

Manuel Casal
Antom Fente
Imanol Dorca

Xabier Ron
Tone
Roberto Mansilla

Carme Carballo
Raúl Asegurado
Xoán R. Doldán
Manoel Santos

Categorías

Soberanía
Soberanía

Pois, aínda que non están os tempos para andar a citar a un nazi, o certo é que o xurista alemán Carl Schmitt deu unha definición do concepto de sobernía do máis acaído: "soberano é aquel con capacidade para ditar o estado de excepción". Que quere dicir isto?

Quere dicir que o verdadeiro soberano é aquel con poder suficiente para suspender a legalidade vixente e que —nun acto que en termos do Derrida de Forza de lei está alén do legal ou do ilegal— establece unha nova legalidade autofundada chamada a substituír á vella. Esta substitución dun estado de cousas por outro sería, nos termos de Jacques Rancière, a substitución da mera orde do existente (que el denomina "policía") por unha nova orde que atenda ao principio da igualdade. Esta loita entre policía e igualdade é o que para Rancière merece o nome de "política".

O que propoño, de feito, é opor dúas opcións. A noción de "policía", entendida non só no sentido de represión, de control social, senón de actividade que organiza a reunión dos seres humanos nunha comunidade e que ordena a sociedade en termos de funcións, de lugares e títulos que se deben ocupar. E hai, despois, outro proceso, o da igualdade. Este consiste no xogo de prácticas guiadas pola presuposición da igualdade de calquera e pola preocupación de o verificar: o nome máis propio para o designar é o de "emancipación". O que chamamos política é, de feito, o enfrontamento constante destes dous procesos, unha loita para dicir que cousa é a situación mesma.[El tiempo de la igualdad. Diálogos sobre política y estética. Barcelona, 2011]

Así, o réxime democrático-liberal no que vivimos nos últimos 40 anos, sería, aplicando a terminoloxía de Rancière, a nosa policía. No momento presente, en que este marco legal está a saltar polos aires a todos os niveis, vemos como a única política digna de tal nome —de novo entendida como a irrupción, ben que desta volta nada igualitaria, que desafía á policía— é a das ofensivas da banca e dos grandes operadores financeiros que actúan, no caso europeo, a través dese novo Golem chamado Merkozy. Esta política do shock, como a definiu Naomi Klein, ten as súas metástases nos países vasalos do eixo franco-alemán na periferia europea, metástase resumida, con suma claridade, por Manuel Conthe, expresidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, quen recomendaba a Mariano Rajoy ler a Maquiavelo e aprender do italiano que "os actos de rigor téñense que facer ao comezo e de golpe". Velaí, doutrina do shock en estado puro.

En troques, non hai, polo menos de momento, auténtica política da con capacidade para transformar a vella policía nun novo ordenamento legal. Se cadra por esta evidencia, Terry Eagleton moléstase a explicar no seu último libro titulado, ben descriptivamente, Por que Marx tiña razón, un concepto tan demodé como o de ditadura do proletariado. Escribe Eagleton:

Dificilmente haberá outra das súas coñecidas frases e expresións que provocase máis calafríos entre os seus críticos. Pero o que Marx entendía por ese termo de resonancias tan sinistras non era outra cousa que a popular. A ditadura do proletariado significaba sinxelamente o goberno da maioría. Ademais, e en calquera caso, a palabra "ditadura" non suxería necesariamente o mesmo en tempos de Marx que na actualidade. Naquel entón, significaba unha contravención extralegal dunha constitución política.

Contravención extralegal dunha constitución política. É importante isto último que escribe Eagleton porque volve entroncar coa idea de política que expuña Rancière. O que Marx denominaba ditadura do proletariado non era outra cousa que a irrupción dos máis coa forza suficiente para suspender a orde legal e para instaurar unhas novas regras do xogo. Non pretendo dicir con isto que a esquerda do século XXI teña que recuperar sen máis palabras e conceptos do pasado como poida ser o de proletariado tal como era entendido na época de Marx, pero si cumpriría non perder de vista esta noción profunda do que é a política. Unha esquerda conforme coa administración do existente, cando o existente non é un campo neutro senón sesgado, é unha esquerda tolleita que nunca fará máis que colecionar derrotas. Estamos a ver como os que mandan, que si teñen un proxecto político, non amosan reparos en dinamitar o pouco de neutral que puidese aniñar aínda na democracia liberal e en deixala suspensa cada vez que o precisan, como se viu coa introdución da cláusula de déficit cero na constitución española ou como se está a ver cos sucesivos golpes de estado de salón en Grecia e Italia nos que os políticos son substituídos por tecnócratas da peor ralea que niguén escolle en eleccións e que aplican un programa político non escrutado pola cidadanía. Que eles son os únicos soberanos hoxe en día, e que os máis, ese 99% do que se fala nos EEUU, non o son demóstrao, precisamente, esa capacidade para impoñer novos marcos aos marcos legais existentes; para revolucionar, pois eles son neste momento os únicos revolucionarios, todo aquilo que se daba por sentado.

Mentres isto sucede na banda dos poderosos vemos como a maltreita española (á que xa lle fago un favor de carallo tirándoa do saco dos poderosos) anda preocupada polo nivel de casticismo que debe posuír o novo líder (no debate sobre o futuro do PSOE José Bono sostén que ese partido precisa dun líder que sexa un "español sen complexos"), como se non fosen outro tipo de atributos, e non o quilo de bandeira que carga ás costas, o que determinan, hoxe en día, que cousa é aquilo que chamabamos ser presidente electo dun estado soberano.

Share