Altermundo.org é un portal rebelde que está a agromar para contrainformar, reflexionar e berrar. Dende abaixo e á esquerda altermundo.org pretende achegar á comunidade galegofalante –e tamén aos millóns de persoas que comparten o tronco común galaico-luso-brasileiro– todo ese outro mundo que se opón á depredación capitalista. Andamos na procura de humanidade e reflexión, xustiza para os pobos e sustentabilidade planetaria, crítica e democracia participativa, autodeterminación e igualdade, decrecemento e autoxestión… Buscamos, ao cabo, revolución.
Neste contexto expoñemos un plan de traballo aberto a quen teña inquedanzas e quera colaborar, e animamos aos rebeldes e ás rebeldes a rexistrarse en altermundo.org e a enviar as súas colaboracións.
Do que somos
ALTERMUNDO é un PROXECTO EDITORIAL INTEGRAL DE COMUNICACIÓN ALTERNATIVA E TRANSFORMACIÓN SOCIAL. DENDE GALIZA E EN GALEGO.
Ámbito de traballo
Altermundo traballa fundamentalmente no campo dos movementos sociais e das alternativas –de produción, de artellamento social, de pensamento, políticas, etc.– de carácter antihexemónico que se desenvolven quer a nivel galego quer a nivel planetario.
Dende o punto de vista xurídico é unha Asociación Cultural e Social inscrita no Rexistro Central de Asociación con número 2007/011114-1. Nos estatutos da devandita asociación saliéntanse os seguintes fins:
- Creación dun espazo de debate e reflexión sobre os movementos sociais mundiais e a difusión das actividades destes movementos dende a óptica da comunidade galega
- Contribuír a difundir e estudar as alternativas á globalización neoliberal que se desenvolven polo mundo, especialmente nos países en desenvolvemento
- Axudar á procura de humanidade e reflexión, xustiza para os pobos e desenvolvemento sustentábel, crítica e democracia participativa, autodeterminación e igualdade
- Formar e educar no respecto e a tolerancia, na paz e na igualdade de xénero
- Desenvolver actividades que enxalcen o internacionalismo e a autodeterminación dos pobos do mundo
- Defender as linguas e culturas do mundo, nomeadamente a de Galiza
- Colaboración con comunidades, especialmente do sur do planeta, que anden na procura de modelos de autoxestión e autoorganización alternativos ao sistema capitalista imperante no mundo
Liñas principais de actuación
Altermundo traballa principalmente en tres campos:
- Información: fornece información reflexiva para os movementos sociais e dende os movementos sociais. A dita información está destinada principalmente potenciar os movementos sociais e ao tempo servir como plataforma para a difusión da información e alternativas xeradas por estes movementos sociais.
- Pensamento: é tamén unha plataforma de pensamento e reflexión que pretende enriquecer as loitas dos movementos sociais antisitémicos e afondar nas súas alternativas.
- Acción: é unha organización activa que colabora e participa nos movementos sociais e as súas reivindicacións. Do mesmo xeito, Altermundo pretende argallar accións, propias e en coalición con movementos, que procuren unha xustiza social global.
Tipos de contidos e informacións
Altermundo fornece dos seguintes aspectos informativos:
- Novas e convocatorias de actualidade a nivel global, mais incidindo especialmente nos acontecementos de Galiza ou na visión dende Galiza. A información é fornecida polos colaboradores e colaboradoras de Altermundo, pola investigación e estudo de Altermundo na rede e noutros campos e tamén polos movementos sociais que envían as súas informacións puntual ou periodicamente a Altermundo.
- Artigos e análises dos seus diferentes campos de actuación diferenciados por temas e rexións xeográficas. Altermundo ten fontes propias e fontes alleas, en colaboración con outros medios e plataformas do mundo.
- Coberturas informativas especiais de temáticas e acontecementos que precisen dunha atención especial. Deste xeito reúne, estuda e crea contidos monográficos de especial interese con informacións propias e enlaces a outros medios.
De como xeramos a información
Traballamos con dunhas canles de información:
1-. Información propia: elaborada por colaboradoras e colaboradores de Altermundo ou enviada especialmente para ser publicada por Altermundo. É difundida polas nosas canles principais: internet e publicacións en papel (suplemento Altermundo, por exemplo).
Altermundo porá este tipo de información propia baixo a licenza ‘Creative Commons’, non suxeita á propiedade intelectual estrita, de xeito que permita a súa difusión, traducción e copia citando a procedencia e o autor ou autora. Esta licenza non inclúe artigos derivados doutras fontes.
2-. Información allea: procedende doutros medios e persoas cos que colabora Altermundo e que xa publicaron eses contidos noutros lugares ou de fontes que publican baixo a licenza ‘Copyleft’ e ‘Creative Commons’.
Dentro desta información allea está tamén o labor de traducción ao galego de documentos e informacións que sexan relevantes ou de interese para as liñas estratéxicas de Altermundo e para ser publicadas en Galiza, como xa se vén facendo dende hai máis de dous anos en Altermundo.org.
Neste apartado Altermundo xa mantén relacións directas con diversos medios e axencias do mundo, así como o permiso de publicación de textos xerados por autores e autoras relevantes.
De como difundimos a información
Tres canles principais:
1-. Internet
1.1-. Páxina web Altermundo.org
1.2-. Rede de contactos electrónicos de Altermundo, aos que se lles envía información directamente.
1.3-. Difusión da información xerada en galego por colaboradoras e colaboradores cara outras linguas do mundo. Neste eido, Altermundo traduce de cando en vez artigos dende o galego para enviar a outros medios.
2-. Medios tradicionais
Altermundo pretende servir de ponte entre a difusión de información e pensamento en canles como internet ou o interior dos movementos sociais e os medios de comunicación tradicionais. Neste eido temos unha liña xa aberta e outra a desenvolver:
Suplemento Horizontal Altermundo: funciona, con 4 páxinas cada domingo de mes, dende maio de 2007. É froito dun convenio de colaboración entre Altermundo e o xornal Galicia Hoxe, mais independente deste xornal. Galicia Hoxe fornece da impresión e difusión do suplemento e Altermundo encárgase da súa produción completa. O suplemento publícase integramente na web días despois de saír co xornal.
Altermundo conta cun Consello Editorial cuxas reflexións pódense ler neste apartado
3-. Outros
Altermundo funciona tamén como instituto de estudo e difusión, organizando e colaborando en xornadas, congresos, conferencias, accións, etc. amais de seguir a deseñar unha estratexia para producir publicacións propias.

