Categorías

Stathis Kouvélakis: “A Unión Europea e o FMI queren facer de Grecia un tubo de ensaio”
Stathis Kouvélakis: “A Unión Europea e o FMI queren facer de Grecia un tubo de ensaio”
 Esquerda.net-. No día (20/05/2010) en que en se realizaba unha nova folga xeral, Stathis Kouvélakis, profesor grego de Filosofía Política no King's College de Londres, alerta de que este país é o elo máis feble da cadea, porque o seu capitalismo é o máis fráxil. Porén, tamén salienta que é en onde o nivel de resistencia social é maior. Kouvélakis é profesor grego de filosofía política

 Máis de 20 mil persoas manifestáronse o xoves 20 de maio diante do Parlamento grego en Atenas para protestar contra o plan de do goberno, durante a quinta folga xeral realizada este ano no país.

"Ladróns! Ladróns!", berraban os manifestantes, segundo a axencia de noticias AP. Os transportes públicos, paralizados pola folga, funcionaron para levar os manifestantes ao centro da cidade. A policía prendeu 36 persoas.

A folga pechou escolas, paralizou case todos os transportes públicos e mesmo os transbordadores que realizan os traxectos entre illas, e deixou os hospitais só cos servizos de urxencia. A Acrópole e outros monumentos turísticos tamén pecharon.

Spyros Papaspyros, líder do sindicato dos funcionarios públicos Adedi, dixo que os traballadores de máis baixa renda son os máis prexudicados polas medidas do goberno. O goberno do Partido Socialista (Pasok) pretende aforrar 30.000 millóns de euros en tres anos, como contrapartida do préstamo que recibiu da Unión Europea e do Fondo Monetario Internacional (). Os sindicatos rexeitan as medidas "extremas que afectan aos traballadores, aos xubilados e en especial ás novas xeracións" e denuncian que o plan de austeridade vai agravar o
desemprego, que xa está no 12 por cento.

En decembro do ano 2008 Grecia enfrontou grandes manifestacións deflagradas pola morte dun mozo a mans da Policía. Cal é a ligazón entre as reaccións en 2008 e as observadas agora en 2010?

Hai diferenzas e semellanzas. As diferenzas teñen que ver con que os actores principais da revolta de 2008 eran os mozos e as mozas, en particular estudantes de Secundaria, e parte dun sector máis "proletarizado" da mocidade. Agora os principais actores son claramente os traballadores e as traballadoras organizados polo movemento sindical, que é a forza motriz da protesta social en curso. No entanto, os dous comparten dúas características importantes. A primeira é que reflicten e expresan a profunda crise de lexitimidade que existe na sociedade grega e a fenda existente entre a representación política en ambos os dous casos. No primeiro caso expresado pola lexitimidade da violencia do Estado e no segundo caso polas medidas neoliberais salvaxes. O segundo punto en común é o espírito de insurrección dos movementos populares nas manifestacións na última semana en Atenas. Moita rabia, moita tensión que axiña derivou en folgas e enfrontamentos coa policía, envolvendo agora non só a mozos e a mozas, senón a máis persoas do común que, ao cabo, só están alporizadas e indignadas.

As sondaxes indican que os gregos e as gregas están divididos en relación ás medidas adoptadas polo goberno. Como ve a lexitimidade das protestas? E que efecto se pode esperar delas?

A opinión pública grega está realmente dividida, ou oscilante, entre a rabia xeneralizada, porque case que todos e todas van estar inmediata e directamente afectados por esas medidas. A percepción de que esas medidas son inxustas é practicamente unánime en todos os espectros políticos. A oscilación da que falo non é sobre a lexitimidade destas medidas, senón máis ben sobre até que punto son inevitábeis. Xa que logo, a oscilación está entre a rabia e a resignación, eu diría, entre a vontade de reaccionar e protestar e facer algo sobre iso. E a percepción de que, se cadra, non exista unha alternativa críbel, que non se pode facer outra cousa diante da situación actual. Penso que estes son os termos do debate actual, que aínda está aberto. Xa veremos como se desenvolve nos vindeiros tempos.

Cal é a súa opinión sobre o plan económico grego? Hai alternativas?

Está claro que o plan económico grego é o exemplo típico dos plans neoliberais patrocinados polo Fondo Monetario Internacional, que agora son integramente reproducidos pola Unión Europea. E acho que a discusión e o debate están agora a mudar cara a este nivel: Este programa é compatíbel cunha alternativa progresista, mesmo en termos dunha axenda política puramente socialdemócrata "padrón"? Esa abordaxe é compatíbel coa maneira na que a Unión Europea e as súas institucións existen e funcionan na actualidade? É compatíbel dicir que as persoas do común non poden pagar pola crise e manter o actual funcionamento do Banco Central Europeo, a forma de funcionamento da Zona Euro, e a forma como funcionan as institucións europeas?

Moitas persoas da esquerda grega pensan que isto xa non é compatíbel e outras solucións, como serían o non pagamento, a renegociación política da débeda, e mesmo a saída da zona euro, probabelmente deberían estar nunha axenda de esquerda xenuína, non nun sentido nacionalista e isolacionista, senón coma un freo necesario á estrutura vixente que sen dúbida ningunha nos leva ao desastre.

Como ve vostede a situación grega no contexto europeo?

Eu diría que esta é unha situación moi, moi perigosa. Acho que estamos a entrar nunha nova fase en relación ao que xa vivimos até agora en termos de aplicacións concretas de políticas neoliberais, que poden parecer un simple inicio en comparación co que está a acontecer agora. Penso que esta é a importancia do caso grego. Grecia é sen dúbida o elo feble da cadea, é o elo feble porque o seu capitalismo é se cadra o máis fráxil, cando menos na Europa occidental. Mais tamén é o elo feble porque o nivel de resistencia social, o dos movementos sociais, o do combate popular, é o máis forte. Isto é, as clases dominantes son moi conscientes disto e queren facer de Grecia algo así como un tubo de ensaio. Daquela, todos e todas deberiamos ser conscientes do que se está a xogar aquí e claro, ser solidarios e estar informados.

Os traballadores e as traballadoras, e os mozos e mozas de Europa, son todos e todas absolutamente indispensábeis, porque o adversario é común e precisamos converxer na loita.


VÍDEO DA ENTREVISTA

Stathis Kouvelakis é doutor en filosofía pola Universidade de París 10 é tamén doutor en ciencia política pola Universidade de París 8. Deu clases na Universidade de París 8 e foi investigador na Universidade de Wolverhampton antes de chegar ao King’s College de Londres, onde actualmente desenvolve a súa actividade. Os seus principais intereses de investigación están en Marx e a tradición marxista, a filosofía alemá e a teoría crítica recente. As súas investigacións recentes concentráronse na formación do pensamento político de Marx, na traxectoria dos novos hegelianos e na crítica do liberalismo político. Tamén traballa na política contemporánea francesa e sobre a historia das protestas sociais en Francia. Dos seus moitos libros pódense salientar Philosophie et révolution. De Kant à Marx (PUF,  París, 2003); La France en révolte. Luttes sociales et cycles politiques (Textuel, París, 2007) e Lenin reloaded: toward a politics of truth (Durham, Londres, 2007), da que é editor con Sebastian Budgen e Slavoj Zizek.

Share