Autor/a

Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982) obtivo en 2008 por Canibalismo o XI Premio Josep Robrenyo convocado pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral (AIET) e aberto ás catro linguas do Estado. En 2010, Estaleiro editora publica o texto e fica finalista dos premios da AELG. En 2011 faise co VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo polo artigo Empoderármonos e co XX Premio Álvaro Cunqueiro por A cegueira.

Categorías

Sumak Kawsay, unha utopía para o S. XXI
Sumak Kawsay, unha utopía para o S. XXI

Despois de 500 anos de colonialismo, por primeira vez as recentes Constitucións aprobadas por e recollen como alicerce a perspectiva ancestral dos seus pobos: o , o Suma Qamaña, o Vivir Ben en harmonía integral.

Esta é unha forma de convivencia cidadá baseada na complementariedade entre todos os seres vivos. O Vivir Ben parte da idea de comunidade fronte ao individualismo occidental e deixa de lado a mercantilización do mundo e a súa visión utilitarista. Neste sentido, contraponse ao Vivir Mellor a custa do outro, asume a responsabilidade coas xeracións futuras e defende unha economia para a vida asociada á humana e ambiental fronte a orde económica dominante baseada na devastación das trasnacionais e na acumulación ilimitada. A soberbia Europa moito pode aprender deste novo paradigma, pois propón unha saída de esquerdas para as diferentes crises que padecemos.

O Sumak Kawsay xorde como unha reflexión interna a partir das innumerábeis loitas que as organizacións indíxenas levaron a cabo. Esta cosmovisión converxe coa revalorización dos coidados e a crítica ao concepto de crecemento que fixo o ecofeminismo. Tradicionalmente as mulleres foron responsábeis do mantemento da vida e do coidado das persoas máis vulnerábeis (crianzas, anciás e doentes), o que ao mesmo tempo lles permitiu desenvolver unha subxectividade relacional máis afectiva e atenta ás demais formas de vida. Se queremos unha sociedade máis xusta, é imprescindíbel reinvindicarmos a economía do coidado e, ao mesmo tempo, universalizarmos a súa ética até a levar á esfera pública e tamén ás relacións internacionais. Que outra maneira hai para construír a paz, se non é fortalecendo a soberanía política, económica, alimentar e enerxética dos pobos?

Como explica Silvia Federici, capitalismo, patriarcado e colonialismo representan tres aspectos dunha mesma estrutura de dominación, por iso as súas alternativas van ligadas. O consumo de mercadorias, a soidade do zapping e a exaltación do guerreiro alimentan a orde criminal deste sistema e, no entanto, podemos mudar a nosa cotidianidade de raiz, organizarnos e participar neste proceso de liberación centrado na preservación da vida e, por tanto, no recoñecemento dos límites da biosfera. O Sumak Kawsay é un horizonte de emancipación. Comecemos a experimentalo co máis próximo, coas nosas indíxenas galegas. Achegármonos ao seu mundo e comprendermos o profundo significado da lentura vira todo un desafío transformador que pon os nosos pés na T(t)erra.

Texto gañador no certame de artigos xornalísticos Cambia de papel, organizado por Implicadas no Desenvolvemento e que tiña como tema "o necesario cambio de papel da sociedade do Norte para erradicar a pobreza e a desigualdade nos países do Sur dende unha perspectiva de xénero".
Share